Un de cada catro adolescentes galegos fai un uso problemático ou compulsivo das redes sociais, da internet e da tecnoloxía. "O limiar da felicidade dun rapaz hoxe en día está nas redes sociais", salienta o doutor en Psicoloxía Social da USC Antonio Rial Boubeta, responsable científico do estudo impulsado pola Fundación Barrié
“O limiar da felicidade dun rapaz hoxe en día está nas redes sociais, no que ve aí, que é algo moi superficial, irreal e artificial. Estámonos esquecendo de formar persoas e iso, ao mesmo tempo, fai á mocidade máis vulnerable nas redes”. Antonio Rial Boubeta, profesor titular da Área de Metodoloxía das Ciencias do Comportamento da Universidade de Santiago de Compostela, é o responsable científico do estudo Adolescencia, Tecnología, Salud y Convivencia, impulsado pola Fundación Barrié, que conta coa participación de máis de 10.000 rapazas e rapaces de entre 12 e 18 anos de centros escolares galegos para analizar o uso que fan das Tecnoloxías das Relacións, a Información e a Comunicación (TRIC).
Rial Boubeta incide en que non se pode seguir mirando cara a outro lado mentres os estudos entre a mocidade indican que o seu benestar emocional está en risco nun momento no que se están a sentar as bases das persoas adultas que serán. Segundo os datos recollidos neste informe, o 17,8% dos adolescentes galegos presenta síntomas de depresión –8,7% graves e 9,1% moderadamente graves– e un 12,7% ten ideas suicidas recorrentes –o 6,9% case todos os días e o 5,8% a metade dos días nas últimas semanas–. “Coas redes sociais, internet e a tecnoloxía estamos asistindo a un flagrante exercicio de irresponsabilidade social”, asegura.
O 17,8% dos adolescentes galegos presenta síntomas de depresión e un 12,7% ten ideas suicidas recorrentes
Para este doutor en Psicoloxía Social é fundamental comprender que o que sucede nas pantallas –na internet, nas redes sociais ou nos videoxogos– ten un efecto directo no benestar dos adolescentes, e que non se lles está a ensinar como empregar correctamente estas ferramentas. “Polo menos un de cada catro adolescentes galegos (26,1%) presenta un uso problemático da internet, o que pode supoñer un alto grao de interferencia na súa vida diaria e repercutir negativamente na convivencia familiar”, afírmase no estudo da USC financiado pola Fundación Barrié.
A Organización Mundial da Saúde non recoñece a adicción ás redes sociais, á internet e ao teléfono móbil e suxire que se lle chame uso compulsivo ou problemático, pois aínda non hai suficientes evidencias clínicas que a permitan comparar con outras adiccións sen substancia como a adicción ao xogo ou aos videoxogos (gaming disorder); esta última está recoñecida pola OMS só desde o 1 de xaneiro deste ano. “Os expertos vemos que a sintomatoloxía é moi similar á adición dos videoxogos e en Asia xa falan de adicción. Con este estudo demostramos que os efectos que produce na rapazada son equivalentes”, explica Rial Boubeta.
En aproximadamente 1 de cada 10 fogares galegos cun adolescente hai violencia filoparental física ou verbal. Cando ademais hai un problema de adicción á tecnoloxía, esa taxa duplícase
A taxa de depresión en adolescentes que fan un uso problemático da internet triplícase. A súa hixiene do sono é peor: a porcentaxe –o 8,5%– dos que dormen cinco horas ou menos duplícase. Fan un consumo maior de bebidas enerxéticas, refrescos azucrados, chocolate ou patacas fritas. Teñen máis dificultades para aceptar o seu propio corpo e a porcentaxe –17%– dos que desexan facerse algún tipo de operación estética triplícase. Tamén afecta á somatización, duplícanse os problemas como a dor de cabeza ou de costas e o proído de ollos, así como a ansiedade, irritabilidade e o cansazo. Ademais, as manifestacións de violencia filoparental son maiores entre a rapazada con estas condutas compulsivas no relativo á rede.
O estudo Adolescencia, Tecnología, Salud y Convivencia emprega os parámetros da OMS para medir a interacción entre os usos da rede e a tecnoloxía coas condutas e o benestar emocional e comproba as dificultades emocionais dos adolescentes de hoxe. Unha das teorías que demostra é a relación entre os videoxogos con violencia explícita e a violencia filoparental. Así, sabemos que en aproximadamente un de cada 10 fogares galegos cun adolescente hai violencia física ou verbal. Cando ademais hai un problema de adicción á tecnoloxía, esa taxa duplícase, chegando a incluír insultos, gritos, faltas de respecto e incluso agresións físicas.
Os expertos consideran que o uso problemático ou compulsivo da internet pode converterse nun novo problema de saúde pública. O 90,8% do alumnado de 1º e 2º da ESO en Galicia ten un teléfono móbil con datos e practicamente dous de cada tres adolescente de entre 12 e 18 anos recoñece durmir co móbil no seu cuarto, sendo un 29% o que afirma empregalo de madrugada todos ou case todos os días. “Non se lles están a poñer límites na casa e non hai un contrapeso no ensino”, lamenta o responsable deste traballo.
“O acceso a contidos na internet –de calquera tipo– estase a producir desde moi cativos, sen control dos pais e case sen límites. Como tampouco se lles está a reforzar por outro lado desde os centros de ensino, porque se tivesen unha formación afectivo sexual poderían aplicala ao porno, ou telo en conta, pero nin iso. Así, a rapazada está vendida. Cales son os referentes? Cal é o modelo a seguir? Os referentes están nas redes, que teñen un compoñente sexual e erotizante moi elevado. Só hai que entrar en TikTok para ver o que soben regularmente aos seus perfís, que máis da metade recoñece ter en aberto –para que calquera o poida ver–. Entón, están as rapazas producindo contidos e os rapaces son os consumen, demandan e reclaman. Sumándolle alcol en grandes cantidades e outras substancias nos saen as manadas”, subliña Rial Boubeta.
"O consumo de porno se está a iniciar a idades cada vez máis temperás, xa temos a un vinte e pico por cento de rapaces en 1º e 2º da ESO consumindo porno. O problema non é que lles mole, é que pensan que iso é a realidade", di Rial Boubeta
Á parte do uso problemático ou compulsivo da internet están as condutas de risco online, que en moitos casos xa se converteron en novas formas de delito. Son o sexting, a sextorsión, o grooming, o acceso a contidos pornográficos ou o contacto con descoñecidos. “As mozas tenden a sufrir máis presións para enviar imaxes propias de contido sexual (sexting) e máis proposicións sexuais en liña por parte de adultos. Os mozos, pola súa banda, consumen significativamente máis pornografía na rede”, apunta o informe, que mostra como o 57,9% contacta con descoñecidos en liña e que un 42,2% recibe mensaxes con contido erótico ou sexual.
“O consumo de porno se está a iniciar a idades cada vez máis temperás, xa temos a un vinte e pico por cento de rapaces en 1º e 2º da ESO consumindo porno. O problema non é que lles mole, o problema é que pensan que iso é a realidade. Neste estudo en concreto non preguntamos sobre condutas sexuais explícitas, pero temos estudos a pequena escala na contorna de Santiago nos que se detectan condutas de sexo explícito e grupal en nenos de 14, 15 e 16 anos. Entre os pais e nais hai unha gran falta de información e unha enorme inconsciencia sobre isto”, indica o profesor da USC.
A presentación destes datos, a modo de radiografía da mocidade galega actual, pretende mostrar o enorme reto que como sociedade temos por diante, coa necesidade dun liderado por parte das Administracións públicas e de que as empresas tecnolóxicas asuman tamén a súa responsabilidade. “Non somos conscientes do risco real, que vai moito máis alá das condutas de risco en liña. Está en risco o seu benestar emocional, a súa maneira de medrar como persoas, a convivencia cos seus iguais e cos seus pais. Debemos ter en conta isto e ocuparnos disto”, sinala Antonio Rial Boubeta.
"Non almorzar fai que eu me enganche aos videoxogos? Non, para nada, pero a familia que non funciona ben reflíctese nun problema e no outro", di o responsable científico do estudo
Nas enquisas repartidas á rapazada para este estudo pregúntaselles polos hábitos nas súas casas, polo que coñecemos que un de cada cinco adolescentes non almorza nunca ou case nunca. Un 4,7% dos rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos afirma que non come nin cea nunca coa familia, o 18,8% só come a mediodía coa familia un ou dous días a semana e un 15,8% non cea nunca con eles. Por outra banda, un 21,1% de pais e nais usan o teléfono móbil na mesa durante as comidas.
“Se seguimos a pauta destes rapaces que afirman non almorzar e observamos a súa relación coa tecnoloxía vemos que hai unha relación moi estreita. Non almorzar fai que eu me enganche aos videoxogos? Non, para nada, pero a familia que non funciona ben reflíctese nun problema e no outro. O concepto de familia mudou, non hai unha supervisión, un acompañamento nin uns espazos de convivencia polo que, ao final, non nos coñecemos”, agrega o especialista.
O apoio parental percibido relaciónase cun maior benestar emocional e satisfacción vital, ademais de cunha menor sintomatoloxía depresiva e ideación suicida. Os datos deste estudo revelan que “o apoio parental percibido é, en xeral, elevado”. Porén, “un de cada catro adolescentes galegos cre que os seus pais non entenden realmente o que lles pasa e un de cada cinco non ten a confianza suficiente para acudir a eles cando ten un problema”.
Rial Boubeta cre que co software de control parental "o único que vas conseguir é que os teus fillos non che conten nada" e aposta por "crear normas e pór límites" ademais de "estar pendentes" porque os problemas que a rapazada ten na rede se somatizan
Rial Boubeta, que pertence ao alto comisionado da UNESCO para a loita contra o acoso escolar e o ciberbullying, asegura que o principal motivo para que un adolescente que está a sufrir un problema na rede non llo queira contar aos seus proxenitores é o medo a perder os privilexios tecnolóxicos. É dicir, o “medo a que lles quiten o móbil”. Por iso, considera que os mecanismos de control a través de software só serven para as crianzas porque na adolescencia “o único que vas conseguir é que os teus fillos non che conten nada”. “Que hai que facer? Dino os propios rapaces: crear normas e pór límites. Por exemplo, non é preciso durmir co teléfono no cuarto: un alto porcentaxe dos que dormen con el recoñece que pola noite está enredando, as taxas de contacto con descoñecidos, de sexting ou de apostas online multiplícanse por cinco ou por seis nesas horas”, argumenta.
O responsable científico do estudo cre que hai que alarmarse cos datos que se revelan nel, pois demostra que os problemas que a rapazada ten na rede se somatizan e interfiren no seu devir diario. As solucións, no seu criterio, pasan por unha escoita activa e pola observación das súas condutas e reaccións. “Pais e nais teñen que esquecer ideas peregrinas como a de asinar un contrato con eles para darlles un teléfono, por ter un móbil asinan o que sexa e non vale para nada. O mellor contrato como pais é estar pendentes. Supervisa, acompaña. Dá choio pero fala, pregunta, comunícate cos teus fillos. Non estamos entendendo o problema, o mellor software de control parental é a educación: temos que ensinarlles a resolver conflitos. Desde que son pequenos ten que haber –aínda que soe moi mal– un principio de autoridade que se ten que interiorizar cando o rapaz é pequeno, non cando ten 16 anos”, resalta. Seguindo as normas da Unión Europea a mocidade menor de 14 anos non pode estar rexistrada en redes sociais, neste estudo queda patente como rapaces de 12 e 13 xa as empregan a diario e arredor dun 80% ten contas en ata tres plataformas distintas.