Debullamos como son as relacións afectivo-amoroso-erótico-sexuais a través das pantallas coa psicosexóloga Lucía Álvarez, o psicólogo Antonio Rial, a investigadora feminista Sheila Fernández e a sociolingüista María del Carmen Méndez
As emocións son inherentes ao ser humano, polo que se entendemos a súa presencia nas relacións interpersoais presenciais, temos que ser conscientes de que nos acompañan nas virtuais. Despois de ver como a pandemia da COVID-19 acelerou o proceso de dixitalización da vida cotiá, poñemos o foco nas relacións afectivo-amoroso-erótico-sexuais a través das pantallas.
″Temos un cerebro moi complexo que nos permite sentir cousas moi potentes non só por persoas que temos diante cara a cara, senón tamén por persoas que podemos coñecer de xeito online, o que nos permite imaxinar e gozar das fantasías. Ademais, o que vivimos no mundo dixital tamén é real″, di a psicosexóloga Lucía Álvarez López, quen considera que cando falamos de emocións temos que abordar como as recoñecemos en nós, como as identificamos e como as xestionamos, xa que resulta ″moi importante a nosa regulación emocional″. Nisto van intervir os nosos medos, desexos, expectativas e experiencias pasadas, que van emerxer coas relacións virtuais.
"Deberíamos empezar a falar da nosa identidade dixital e do camiño que imos deixando no mundo 'online", propón Lucía Álvarez
Existen unhas características propias das relacións online como son a inmediatez, a rapidez, a posibilidade de traspasar as distancias físicas, a maior exposición social e a permanencia. ″Coas tecnoloxías da relación, información e comunicación (TRIC) temos que repensar un pouco o concepto de intimidade e espazo público que tiñamos ata agora, porque aínda que teñas perfís privados, todo o que se sobe á rede é accesible a outras persoas polo que deixamos de ter o control sobre este contido″, explica Lucía Álvarez.
As TRIC acompañan a xeración millennial desde hai anos e son parte indispensable da vida das persoas nativas dixitais e da xeración Z. ″Convértense nunha extensión de nós e por iso tamén deberíamos empezar a falar da nosa identidade dixital e do camiño que imos deixando no mundo online. Temos que trasladar o valor dos coidados, do bo trato e do respecto a estas redes á par que o levamos a cabo coas nosas relacións interpersoais presenciais. Como di sempre Martina González Veiga, ′quererse ben é revolución′, e isto tamén é aplicable ao mundo virtual″, asevera a psicosexóloga.
"Creo que é moi difícil ter un bo status social sendo ′solteira′, polo que a presión para a muller neste eido é complexa de xestionar", apunta Sheila Fernández
A pandemia provocada polo coronavirus contribuíu á naturalización da substitución dos lugares físicos polos lugares virtuais para coñecer xente. ″Antes, cando estabas na casa entendías que era un espazo para ti e agora xa se converteu nun escenario no que interactuar con persoas descoñecidas. Canto tempo do que en teoría é persoal noso acaba sendo así realmente? Ou xa o estamos dedicando a relacionarnos con outras persoas?″, pregúntase a avogada e investigadora feminista Sheila Fernández.
″Esta conectividade 24/7, que no eido laboral pode chegar a usurparnos moito do tempo libre, penso que nos leva a facer unha xestión inconsciente en detrimento do noso tempo persoal e de reflexión″. Porén, Sheila Fernández non deixa de lado que é unha boa ferramenta para as persoas que viven soas, aínda que establece unha diferenciación entre estar soa e non estar acompañada: ″Vivimos nunha sociedade abocada ás relacións de parella ou, cando menos, á convivencia entre varias persoas porque case é unha forma de supervivencia economicamente falando. Creo que é moi difícil ter un bo status social sendo ′solteira′, polo que a presión para a muller neste eido é complexa de xestionar″.
"O inicio nas condutas sexuais explícitas está agora nos 14 ou 15 anos. Sendo o modelo de referencia o porno", salienta Antonio Rial
Desde o feminismo ponse o foco na hipersexualización dos corpos e critícase a concepción das persoas como corpos desbotables que se pode extraer dalgunhas aplicacións para coñecer xente online. Nese gran "hipermercado" das relacións que conforma internet, o profesor da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Rial Boubeta sinala que ″consumimos emocións". "Isto pon de relevancia as carencias que temos como sociedade na educación afectivo-sexual das novas xeracións. O inicio nas condutas sexuais explícitas está agora nos 14 ou 15 anos. Aquí estamos ante unha aprendizaxe vicaria, e os modelos de onde os sacan? De internet, sendo o modelo de referencia o porno".
"Unha cousa é o instinto sexual e outra o desexo sexual, e este segundo está socialmente construído", lembra o psicólogo. O informe da oenegué Save the Children (Des)información sexual: pornografía y adolescencia recolle que "case 7 de cada 10 (o 68,2%)" dos adolescentes consumen pornografía de forma frecuente centrándose en "contidos gratuítos online (98,5%), baseados de maneira maioritaria na violencia e na desigualdade". Nesta enquisa a 1.753 rapaces e rapazas de entre 13 e 17 anos tamén figura que "para o 30% dos e das adolescentes a pornografía é o único recurso para aprender sobre sexualidade".
"Todas as apps funcionan por descarte. Ese xesto simbólico –que é violento– de descartar corpos estáse normalizando", critica a investigadora feminista Sheila Fernández
A cousificación da muller e o incremento das violencias machistas dixitais, cada vez presentes en idades máis temperás, é palpable e chegará previsiblemente á lei galega contra a violencia de xénero. O acoso a través de internet é unha das manifestacións máis comúns destas violencias. Na Macroenquisa de Violencia contra a Muller de 2019 realizada pola Delegación do Goberno de España contra a Violencia de Xénero incluíuse por primeira vez o "acoso reiterado", que se refire a comportamentos realizados por unha mesma persoa de maneira repetida e que provocaron medo, ansiedade ou angustia ás mulleres entrevistadas. Entre os exemplos que citan a maioría das mulleres aparecen "propostas desapropiadas en internet ou nas redes sociais". En Galicia, un 17,9% das mulleres a partir dos 16 anos refire ter padecido esta clase de acoso.
"Como nos coidamos as feministas entre nós nas nosas relacións dixitais nun contexto tan polarizado?", pregúntase Sheila Fernández. "Temos que facer autocrítica porque ao final empregamos as dinámicas de descartar corpos que nos ofrecen determinadas aplicacións e nos vemos diante das nosas propias contradicións. Ás veces non temos espazo para a reflexión".
"Todas as apps funcionan por descarte. Sen ningún tipo de reflexión aplicamos os criterios que temos para coñecer a outras persoas, e se alguén non os cumpre non lle damos a oportunidade. Ese xesto simbólico –que é violento– de descartar corpos estase normalizando. Ao final, estamos a falar dun negocio e temos que tratalo como tal", engade a investigadora feminista, que ten participado no volume Cómplices. A violencia machista institucional, coordinado pola socióloga Iria Vázquez Silva na editorial Galaxia.
"Cando falamos de coñecer xente, as recomendacións serían as mesmas para o mundo 'online' e 'offline': poñer na base de todo o respecto, o bo trato, e especialmente nunha boa comunicación", di Lucía Álvarez
"Nos últimos anos as aplicacións de citas online estaban xa en auxe, e tamén o emprego das redes sociais para coñecer a xente nova para todo tipo de vínculos afectivos (buscar amizades, parellas, etc.), pero é verdade que desde o inicio da pandemia notouse un incremento do seu uso, ao final moita xente viuse na situación de que era o único xeito de poder coñecer xente, especialmente co peche do ocio nocturno", conta Lucía Álvarez sobre a súa experiencia na consulta.
A psicosexóloga debulla que trasladamos o que aprendemos dos nosos vínculos afectivos a internet, non partimos dun baleiro, e esas experiencias persoais van determinar tamén como nos vinculamos e desvinculamos no mundo dixital. "Aquí aparecen temas tan importantes como a nosa educación emocional, a nosa educación sexual, o noso sistema de crenzas, o noso tipo de apego e as nosas características persoais. Todas as persoas somos únicas e diversas, polo que tamén o son as nosas vivencias".
O foco na "boa comunicación"
"Cando falamos de relacións e coñecer xente, as recomendacións serían as mesmas para o mundo online e offline: poñer na base de todo o respecto, o bo trato, a responsabilidade afectiva e a mirada inclusiva e diversa; e especialmente poñer o foco nunha boa comunicación, en ser persoas honestas coas nosas emocións e intentar vincularnos desde a seguridade e non desde o medo, aínda que isto non sempre sexa sinxelo", apunta Lucía Álvarez.
As filólogas María del Carmen Méndez e Esther Linares estudan o uso da linguaxe na aplicación Tinder e apuntan a importancia da ortografía
As filólogas María del Carmen Méndez Santos e Esther Linares Bernabeu achegáronse aos parámetros nos que se produce a comunicación nestas aplicacións a través dunha enquisa sobre o uso do Tinder, a máis empregada entre a mocidade. O que comezou como un experimento en plena pandemia da COVID-19 vai camiño de ser o estudo preliminar para unha investigación máis profunda. Dos resultados que manexan na actualidade viron a importancia que se lle dá á ortografía por parte das mulleres heterosexuais xa que o 82% das participantes asegurou que desbotaría relacionarse cun home que comete grallas.
María del Carmen Méndez, doutora en Lengua española pola Universidade de Vigo e profesora na Universitat d’Alacant, explica que "nos estudos de sociolingüística enténdese que xulgar a outra persoa pola súa ortografía é clasista porque estás a interpretar que ten un determinado nivel socioeducativo" e agrega que desta enquisa preliminar obtiveron a reflexión de que a ortografía é aínda hoxe "un criterio de avaliación social". "Pensei que xa estaría superado, pero tamén é certo que na traxectoria dos estudos sociolingüísticos as mulleres estiveron moi discriminadas e empregaban o feito de expresarse con moita propiedade para compensar. Así que nesta importancia que lle dan as mulleres á ortografía podemos ver un pouco desa forma de entender a sociedade", razoa.
Un importante risco que enfrontamos coas relacións sociais dixitais é a despersonalización, esquecer que detrás de cada pantalla hai outra persoa. Lucía Álvarez salienta que "a distancia e a falsa percepción de que o mundo online non é real é o que moitas veces leva a que persoas digan a través das redes sociais, como por exemplo Twitter, cousas que nunca lle dirían a outra persoa á cara. Pero o problema non son as relacións sociais dixitais nin as TRIC, é a maneira na que as empregamos e como ao final a sociedade machista, capacitista, racista, diversofóbica, etc. na que vivimos enche tamén o mundo virtual, porque está construído polas mesmas persoas".