A Universiade de Vigo contará cun observatorio de machismo dixital, ao que se poderán dirixir denuncias anónimas de agresións ou ataques, que emitirá un informe anual
Stop Machitroles é a denominación escollida para o observatorio de machismo dixital que impulsa a Cátedra de Feminismos 4.0 da Universidade de Vigo en colaboración coa Deputación de Pontevedra. Preténdese que sexa un instrumento para analizar os distintos tipos de violencias machistas presentes en internet e nas redes sociais. Esa violencia de xénero dixital que o Parlamento vai incluír na lei galega contra a violencia machista, a través dunha reforma lexislativa.
O observatorio traballará a partir das denuncias anónimas de agresións, acosos, vexacións, ataques á dignidade das mulleres e calquera tipo de comportamento misóxino e machista e/ou sexista. "Coas incidencias recollidas realizarase un informe que amosará cal é a frecuencia, intensidade ou tipoloxía das formas na que se presenta a violencia contra as mulleres, o machismo e a misoxinia na contorna dixital", explican desde a UVigo.
"Análise, e acción para dar resposta aos ataques brutais e evidentes que sufrimos todas cada día", salienta Carmela Silva
"Queremos facer unha análise das redes identificando comentarios machistas e misóxinos. Identificar e tamén ser proactivas na creación de deseños e microprodutos culturais para difundir na rede. Análise, e acción para dar resposta aos ataques brutais e evidentes que sufrimos todas cada día”, sinalou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, no acto de presentación das novidades da Cátedra de Feminismos 4.0, que leva tres anos en activo. "Hai que ser provocadoras, porque só provocando podemos cambiar as cousas", subliñou.
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, apuntou que "na rede o machismo está campando as súas anchas" e destacou a importancia desta cátedra para que "a metade feminina do talento non deixe fóra das súas inquedanzas as carreiras STEM [polas súas iniciais en inglés, as titulacións de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas], porque non hai titulacións nin profesións nas que as mulleres deban estar fóra".
"Non hai titulacións nin profesións nas que as mulleres deban estar fóra", di Manuel Reigosa
Laboratorio de ideas
Outra das novidades é a creación dun laboratorio de ideas ao abeiro do Comité de Sabias co que xa contaba esta Cátedra de Feminismos 4.0. As especialistas que integran este comité desenvolverán propostas, a través dunha perspectiva de xénero, e outras actividades para propiciar espazos de reflexión común que converxan nun produto científico.
A finalidade desde laboratorio de ideas será a de "convidar á reflexión á sociedade sobre o retos que cómpre enfrontar para eliminar barreiras e resistencias sociais, permitindo que as mulleres se apropien, accedan e actúen no mundo dixital con igualdade". Para acadar este propósito, buscarán incorporar ao medio dixital contidos elaborados con perspectiva de xénero.
'Hackeando o patriarcado'
Este mesmo Comité de Sabias actuará como "comité científico" do workshop Sociedade dixital e xénero: Hackeando o patriarcado que terá lugar no mes de outubro. Un taller aberto ao estudantado que celebrará a súa terceira edición mesturando, segundo o reitor da UVigo, "o estudo profundo e a comunicación da mensaxe do futuro".
A través desta cátedra tamén volverán convocar axudas á investigación e os Premios GirlGeekCovid para "promocionar, apoiar e fomentar os estudos STEM entre as alumnas". Haberá un premio de 2.000 euros e un accésit de 1.000 por cada ámbito de estudo: o científico e o tecnolóxico, de titulacións dos Campus de Pontevedra e Vigo.