Xoana Pintos leva anos divulgando o papel das mulleres na investigación para darlle pulo á incorporación de mulleres ás ciencias
A bióloga compostelá Xoana Pintos Barral leva anos estudando as achegas das mulleres á ciencia e divulgando o seu papel na investigación co fin de dotar de referentes ás novas xeracións e darlle pulo á incorporación de máis mulleres ás especialidades científicas. Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros. Primeiras científicas na Universidade de Santiago é o libro que vén de publicar na editorial Galaxia, na colección Feminismos, no que se centra ″nas nosas primeiras científicas″ para contar os atrancos polos que pasaron e os éxitos que alcanzaron. O libro vaise presentar o luns 7 de xuño, ás 17:00 horas, no Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela.
Cando xurdiu a idea de escribir este libro?
Desde que rematei a tese me dixeron que intentara publicar o material nun libro, pois era moi interesante. Pero publicar é difícil e, finalmente, mentres buscaba opcións, chamoume Francisco Castro de Galaxia interesado por publicar un traballo de divulgación deste tipo. Eu tiña ganas e, ademais, penso que temos que aproveitar todas as oportunidades para sacar á luz a estas mulleres. O libro tiña que saír o ano pasado, pero coa pandemia chegou agora ás librarías.
Comeza o libro cunha contextualización histórica do acceso da muller ao ensino e os seus condicionantes, por que?
Por comezar polo principio, sempre me gusta situar as cousas. Teño estudado científicas de todo o mundo, pero as nosas científicas só podían saír da universidade porque aquí non había laboratorios privados como noutros países. Tiña que contarlles aos lectores como chegaron elas aí e ata cando se lles negou o acceso.
"Se preguntas a alguén polo nome dunha científica, no 99% dos casos din Marie Curie"
Porque o libro está pensado para un público que pode ser alleo tanto ao mundo da ciencia como ao movemento feminista.
Si, é un libro de divulgación que pretende que todo o mundo coñeza a historia destas mulleres, que leva tanto tempo oculta. Parece que non hai mulleres científicas. Se preguntas a alguén polo nome dunha científica, no 99% dos casos –por non dicir no 100%– din Marie Curie. E a cousa acaba aí. Sacar un nome máis é complicadísimo, e que te digan tres xa é para nota. Entón, parecíame que era de necesidade que se coñeceran as nosas científicas.
Ao ler o libro semella que se dá un paradoxo en que case non transcenderan nomes de mulleres científicas do século XIX, pero moitos dos homes que hoxe son coñecidos por todas, como é o caso de Rousseau, tiveran a necesidade de deixar por escrito a inferioridade da muller.
É curioso porque se colles a historia en xeral das científicas ves que houbo mulleres desde sempre. Os grandes filósofos gregos tiveron mestras mulleres. Hai mulleres facendo ciencia desde a antigüidade, pero sempre houbo machismos moi marcados.
Como foi o traballo de documentación para chegar ás historias das primeiras estudantes da USC de facultades como a de Medicina ou a de Farmacia?
Foi fundamental o traballo de arquivo. Estiven moitos anos metida en arquivos buscando expedientes, libros de actas... Tanto en arquivos de aquí como de Madrid, e tamén me botaron unha man con algún arquivo vasco. Leva moitísimo tempo dar con elas e suceden cousas curiosas como que a principios do século XX había nomes de varón que agora son de muller, e tiven que comprobar moitos destes casos: Trinidad, Soledad, Dolores, Cruz. Foi un traballo intenso, tamén tiven que pedir axuda a xente que sabía de grafías antigas para interpretar manuscritos. Pero creo que pagou a pena.
"Moitas viñan de familias con pais tamén licenciados, pero sobre todo de familias liberais, cun pensamento aperturista"
Na narración ten en conta o contexto social destas mulleres, a maioría de clase media, pero chega á conclusión de que a capacidade económica non é o que realmente as marca, que é?
A maioría tiña a economía suficiente para poder pagar os estudos, e manterse en Santiago se eran de fóra. Non había colexios maiores de señoritas e tiñan que quedar nun sitio que lle garantira á familia que estaban ben, protexidas. O que deduzo é que tiñan unha motivación extra para estudar, porque para moitas mulleres do seu status era suficiente aprender a bordar e dar paseos. Moitas viñan de familias con pais tamén licenciados, pero sobre todo de familias liberais, cun pensamento aperturista; hoxe diríamos cun pensamento seguramente de esquerda. Aparte de que sabemos, por entrevistas con parentes vivas, que por detrás as empurraban as nais e, sobre todo, as avoas. Esas frases como ″estuda para non acabar coma min″, ″gánate a vida″, ″que poidas defenderte economicamente″, que hoxe seguimos a dicir.
"Non só non tiñan facilidades, senón que moitos profesores as botaban cara atrás para seguir cos seus estudos"
Aparecen mulleres como Olimpia Valencia, hoxe máis coñecida pola poboación, pero achéganse as vivencias de moitas outras que permanecían case invisibles. Que destacaría delas?
Está Eugenia Pereira, que chegou a facer dúas carreiras, Química e Farmacia, e dous doutoramentos nun momento no que non era nada fácil estudar na universidade sendo muller. Non só non tiñan facilidades, senón que moitos profesores as botaban cara atrás para seguir cos seus estudos. Eugenia Pereira, ademais, sacou unha oposición do Estado e montou un laboratorio. Conseguir todo iso hai cen anos é bastante impactante, tiña que ter unha forza de carácter importante. Ten un montón de patentes e fixo produtos farmacéuticos de todo tipo. Tivo unha farmacia en Barcelona e era inspectora, é un fenómeno para min Eugenia Pereira.
Despois están todas as que pasaron polo exilio. Cheguei a falar por correo electrónico con Elisa Díaz Riva, que emigrou a México. Ela estudou Química e foi profesora. Casou cun home que era dun partido de esquerdas e pasaron polos campos de concentración do sur de Francia, marcharon en barco a Porto Rico e logo a México.
"Non só eran unhas estudantes moi eficaces, senón que eran botadas para diante e emprendedoras"
Paz Parada, que levantou ela soa unha familia numerosa, porque o seu home estivo preso. E puido compaxinalo co traballo nun laboratorio de análise. Non só eran unhas estudantes moi eficaces e tiñan uns expedientes boísimos, senón que eran botadas para diante, decididas e emprendedoras.
Olimpia Valencia, que estudou Medicina, tivo que enfrontar atrancos incluso para escoller especialidade. Intentábase que as mulleres fixeran especialidades moi relacionadas cos coidados femininos ou coa infancia. Ela quería estudar pneumoloxía e finalmente fixo xinecoloxía.
Tamén fala de Jimena Fernández de la Vega, nomeada ′Científica Galega do ano 2021′ pola Real Academia Galega de Ciencias.
Ela ten un traballo en xenética moi interesante e destacado, penso que se fose home tería un recoñecemento moito maior por abrir camiño neste terreo. Estivo á fronte do primeiro laboratorio de xenética, que se creou no ano 1933. Estudou en Viena, en Berlín e en Italia. Dominaba o alemán, que era a lingua vehicular da ciencia naqueles anos, e fixo varias traducións de libros científicos. Era unha muller altamente preparada e pasoulle o que a moitas outras, tivo que coidar da súa nai e iso a retirou un pouco. O coidado das familias está presente na carreira de moitas delas.
Divulgar os seus nomes é un paso para que poidan ser reivindicadas polas novas xeracións?
Si, por iso cando se lles dedica unha aula, unha casa ou unha biblioteca é algo importante. Precísanse referentes para a xente nova, alguén no que se poidan mirar. Como vas querer ser como elas se non sabes que existiron?
Que aporta de diferente a mirada científica feminina?
Pois aporta uns intereses e uns enfoques que non son iguais aos dos homes. Igual hai temas que parece que aos homes non lles interesan, quizais porque nunca tiveron relación con eles, como pode ser a química da cociña. Pero tamén podería darse o caso de que unha muller está interesada pola cosmoloxía e lle dá un enfoque que un home non lle daría. Porque ti, cando fas o teu traballo, aplicas cousas que tes na túa bagaxe, na túa formación. Cando observas unha cousa o fas cunha determinada ollada, e eu creo que os ollos das mulleres, pola nosa educación, enfocan puntos diferentes.