O órgano oficial de defensa da cultura galega alerta de que a reforma legal que impulsa o PP liberaliza a xestión do patrimonio deixándoo en mans das administracións "máis expostas" ás presións urbanísticas
A Xunta e o PP están a impulsar unha reforma legal a través da lei de acompañamento dos orzamentos para o vindeiro ano coa que queren deixar en mans dos concellos permisos de Patrimonio que ata agora debía outorgar o Goberno galego. Ante esa reforma que xa se está a tramitar no Parlamento o Consello da Cultura Galega vén de emitir un informe crítico que alerta de que as novas medidas "poden poñer en risco de perda, destrución ou deterioración irreversible moitos dos bens protexidos que integran o patrimonio cultural de Galicia, isto é, boa parte da herdanza cultural que conforma a nosa identidade como pobo, e que deberiamos legar ás seguintes xeracións".
A reforma legal vai suprimir a autorización previa da Consellería de Cultura para intervencións en bens catalogados con protección estrutural e ambiental, nos seus contornos de protección ou nas súas zonas de amortecemento, de xeito que agora será cada concello o que comprobe que cada actuación "cumpre os criterios de protección dos valores culturais dos bens catalogados".
Para o CCG hai unha "vontade de reducir as vinculacións protectoras do noso patrimonio, liberalizando ("simplificando") a súa xestión"
A Xunta mesmo deixará en mans dos concellos de máis de 50.000 habitantes as actuacións que poidan afectar aos camiños de Santiago en solo urbano. O Goberno galego resérvase as autorizacións para actuacións en bens de interese cultural (BIC) ou con protección integral.
Estas medidas xustifícaas a Xunta na necesidade de facilitar máis vivendas e no mellor coñecemento dos concellos da "realidade local".
Porén, para o Consello da Cultura Galega (CCG), a reforma busca liberalizar ou simplificar a xestión do Patrimonio: "Nun contexto de alta presión social, económica e política sobre as políticas urbanísticas, de vivenda e de explotación produtiva do territorio, as opcións regulatorias que o lexislador galego pretende implantar [...] descansan na vontade de reducir as vinculacións protectoras do noso patrimonio, liberalizando ("simplificando") a súa xestión mediante a súa remisión ás administracións máis expostas a esas presións".
O documento elaborado polo CCG e enviado xa aos grupos parlamentarios e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) analiza polo miúdo o articulado da reforma legal. Esta pasa a permitir que se poida non establecer contornas de protección de bens inmobles catalogados "cando así o xustifiquen razóns relativas á descontextualización do ben" ou cando poida ser incluído dentro da contorna de protección doutro. Para o CCG isto supón unha excepción "discrecional" e como competencia municipal "pode dar lugar a unha xeneralizada renuncia a establecer contornos de protección na meirande parte do patrimonio cultural identificado e protexido no país".
Esas contornas de protección tamén deixarán de abarcar as "parcelas completas", o que para o CCG "reduce esa protección a edificacións arquitectónicas, esquecendo outros elementos que caracterizan o contorno, como arborado, parcelario, etc.".
O informe analiza artigo por artigo a reforma legal e advirte da "necesidade dunha revisión rigorosa do texto que revise a súa coherencia e harmonía das súas determinacións"
O informe tamén cuestiona que a reforma legal atribúa maiores competencias a concellos que non están incluídos no ámbito dun plan territorial de protección dos Camiños de Santiago que aos que contan con ese instrumento máis garantista. "Modificacións coma estas mostran a necesidade dunha revisión rigorosa do texto que revise a súa coherencia e harmonía das súas determinacións", lamenta o CCG.
En xeral, o informe critica que se impulse esta reforma sen avaliar o seu custo nin a capacidade dos concellos para asumila, sen que o catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia estea actualizado, con "falta de formación específica do persoal técnico municipal", con "dificultades para exercer unha adecuada ponderación de intereses nas administracións máis próximas aos cidadáns" ou cunha "ausencia de mecanismos e instrumentos de coordinación" e "de control autonómico ex post sobre a concesión de licenzas municipais, incluída a inexistencia dun corpo autonómico de inspección do patrimonio cultural".
Hai un ano o Consello da Cultura emitiu un informe tamén moi crítico co proxecto de Altri apoiado pola Xunta, que non lle pedira a súa opinión. Daquela o PP respondeu criticando que o órgano encargado polo Estatuto de velar pola "defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego" se atrevese a opinar sobre o proxecto industrial e atribuíu as súas críticas a "supostos especialistas" encadrados "na órbita do BNG".
"Desprotección masiva"
O PSdeG reaccionou alertando dunha "desprotección masiva" do patrimonio galego coa que considera unha "reforma encuberta" por parte do PP na lei de acompañamento dos Orzamentos. A deputada socialista Silvia Longueira advirte de que a delegación de competencias aos concellos "sen medios" e o silencio administrativo positivo deixan miles de bens culturais “á intemperie administrativa”.
A socialista sinala, ademais, que a reforma permite eliminar contornos de protección, alterar espazos históricos e abrir excepcións que comprometen os Camiños de Santiago.