Os populares reeditan posturas ensaiadas tras retornaren á Xunta en 2009, cando racharon tabús como cargar abertamente contra a RAG ou o Consello da Cultura por opoñérense ao seu decreto lingüístico
Hai agora década e media o PP de Galicia rompeu con varios dos que, a efectos prácticos, foran os seus tabús durante o fraguismo. Coa intención indisimulada de impedir fugas de voto a opcións como a daquela flamante UPyD, os de Alberto Núñez Feijóo arrimáranse abertamente aos grupúsculos que caricaturizaban Galicia como unha caste de ditadura lingüística e, tras lograren desbancar a PSdeG e BNG da Xunta no primeiro intento, cumpriran parte das promesas que lles fixeran con reformas que, por primeira vez na historia da autonomía, retrocedían na protección legal do galego.
Naqueles anos 2009 e 2010 esa ruptura de tabús incluíu críticas máis ou menos abertas ou solapadas ou mesmo confrontación directa do PP ou da Xunta cara a institucións coas que, durante os tempos de Fraga, a súa relación fora máis ben de convivencia ou de achegamento e acomodación por diversas vías. Así sucedeu cando a Real Academia Galega (RAG) ou o Consello da Cultura Galega -entidade abeirada polo Estatuto de Autonomía- se desmarcaron ou censuraron abertamente os preceptos do denominado decreto do plurilingüismo.
Máis de quince anos despois, o Consello da Cultura Galega vén de emitir un crítico informe sobre o proxecto da celulosa portuguesa Altri para instalar unha fábrica en Palas de Rei a través da sociedade Greenfiber, proxecto no que vai da man do Goberno galego e da enerxética Greenalia. Fíxoo "por iniciativa propia", xa que a Xunta non llo pediu e puido prescindir de facelo ao tramitar o plan de Altri como proxecto industrial estratéxico, e encadrouno no seu rol legal de "avaliar os potenciais impactos no patrimonio cultural e natural" nunhas comarcas con "importantes valores patrimoniais".
"Que fai un órgano especializado na cultura valorando unha instalación industrial", cuestiona o PP sobre o informe do CCG, reducindo as persoas expertas que o elaboraron a membros da "órbita do BNG"
O documento, publicado este pasado 5 de setembro, está elaborado por dez persoas expertas baixo a coordinación de Teresa Nieto Freire, arquitecta e funcionaria da Xunta e é tan amplo como crítico. Conclúe, entre outros aspectos, que a fábrica de Altri traería consigo moito menos emprego do prometido, que causaría unha forte "fractura" no territorio e que incidiría no medio ambiente por, entre outros aspectos, inducir máis demanda de eucalipto.
Escasas horas despois da divulgación do informe, o PPdeG cargou abertamente contra o Consello da Cultura. A través dun comunicado atribuído aos seus eurodeputados Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, encabezado por unha valoración dunha resposta da Comisión Europea ao BNG sobre Altri, os conservadores galegos descualifican o CCG e o que consideran como "nula independencia" do informe.
"Que fai un órgano especializado na cultura valorando unha instalación industrial de tanta complexidade e envergadura", preguntan os populares, quen a continuación afirman que o texto, de 180 páxinas, está "inundado de opinións de expertos que durante os últimos meses xa se posicionaron claramente en contra do proxecto unicamente por unha motivación política". En calquera caso, reduce estas persoas expertas a "supostos especialistas" e encádraos na "órbita do BNG". "O informe do CCG contrasta coa independencia dos funcionarios da Xunta", din nun contexto no que a coordinadora do traballo do Consello ostenta tamén esta condición
Críticas na CRTVG
"Cando toque avaliar o estado da literatura ou do patrimonio, ímoslle ter que pedir informes ao Consello de Biólogos", ironiza o xefe de informativos da RG
Con este pano de fondo, este venres resultou especialmente significativa no mesmo sentido a posición editorial da CRTVG a respecto do informe do Consello da Cultura, lanzada a través do xefe de informativos da Radio Galega. Nunha intervención no programa Galicia por Diante, Alberto Varela pon tamén o foco en que o CCG fixe postura sobre "un asunto medioambiental" e mantén que "outros informes din todo o contrario" antes de ironizar con que "cando toque avaliar o estado da literatura ou do patrimonio, ímoslle ter que pedir informes ao Consello de Biólogos".
Esta intervención foi criticada polo colectivo Defende a Galega, conformado por persoal da CRTVG que dende hai seis anos reclama a aplicación íntegra da lei dos medios públicos -que a Xunta se dispón actualmente a reformular- e denuncia inxerencias gobernamentais na Televisión de Galicia e na Radio Galega. "O xefe de informativos da radio pública opinando no Galicia por Diante desta mañá. Por se iso fose pouco, fai gala do seu descoñecemento sobre o que é o Consello da Cultura. E logo aínda hai quen cuestiona por que facemos os venres negros…", din.