O Consello da Cultura urxe a actuar ante o dano do eucalipto ao patrimonio e critica a "pasividade" da Administración

Imaxe que encabeza o o informe “Impacto no patrimonio natural e cultural dos cultivos forestais con especies de crecemento rápido” © CCG

O eucalipto estendeuse nas últimas décadas por unha parte moi importante do territorio galego, como antes tamén o fixera o piñeiro, outra especie de crecemento rápido. Este proceso levou ao monocultivo forestal en moitas áreas do país, o que tivo consecuencias moi negativas para o medio (patrimonio natural): cambios no réxime hidrolóxico, perda de fertilidade do solo, perda de bosques nativos... e tamén para a paisaxe e para o patrimonio material, como nos últimos anos veñen denunciando entidades como Mariña Patrimonio e ADEGA. Estas críticas inciden nos danos causados a castros, petróglifos, mámoas e outros xacementos, por mor das plantacións realizadas neses terrreos e da acción da maquinaria pesada empregada para a corta e transporte das árbores destinadas ao aproveitamento forestal.

O informe denuncia que "a xestión forestal baseada na produtividade está a destruír a diversidade e complexidade que caracteriza a paisaxe de Galicia"

O Consello da Cultura Galega presentou este luns o informe Impacto no patrimonio natural e cultural dos cultivos forestais con especies de crecemento rápido. O documento, que se pode descargar libremente na web da institución, destaca que as plantacións forestais con especies de crecemento rápido -eucalipto e piñeiro, principalmente- provocaron "a transformación dos elementos que constitúen a paisaxe galega" e alerta de que "a xestión forestal baseada na produtividade está a destruír a diversidade e complexidade que caracteriza a paisaxe de Galicia". 

Rosario Álvarez e Rebeca Blanco-Rotea durante a presentación do informe © CCG/Teresa Navarro

O CCG alerta de que existe un "amplo marco normativo" para protexer o medio, pero denuncia que os instrumentos presentes nestas leis non se desenvolven e que a Administración actúa con "pasividade"

O texto fai un chamamento "urxente" a adoptar "medidas de restauración ambiental e restitucións de hábitats”. Asi mesmo, demanda outras accións, como "establecer a obrigatoriedade de que os montes conten con documentos de ordenación" ou procurar "unha maior catalogación dos bens". 

No informe destácase que en Galicia existe "un amplo marco normativo" que regula de xeito directo ou indirecto esta materia (Lei de Patrimonio, Lei de Paisaxe, Lei de Monte, Lei de Solo, Lei de Actividades Económicas...). Porén, lamenta que esta lexislación non se aplique adecuadamente debido á “ausencia de desenvolvemento de instrumentos que se recollen nesas leis”, e pola existencia de posicións “reactivas, dunha certa pasividade” da Administración á hora de poñelas en práctica para a defensa do patrimonio natural.

O texto fai un chamamento "urxente" a adoptar "medidas de restauración ambiental e restitucións de hábitats”. Asi mesmo, demanda outras accións, como "establecer a obrigatoriedade de que os montes conten con documentos de ordenación" ou procurar "unha maior catalogación dos bens"

Engádese que ademais desta falta de desenvolvemento dos instrumentos "estase a producir tamén unha reiterada posta a cero do contador a través da lexislación, que parece asumir unha e outra vez como punto de partida e referencia a situación ambiental de cada momento concreto, sen avaliar a idoneidade dese estado, nin as posibilidades de reversión de procesos, asumindo posicións reactivas, dunha certa pasividade". 

O documento denuncia que o monocultivo forestal "é unha das causas principais, xunto co despoboamento, co abandono da actividade agraria, coa agricultura intensiva, que contribúen á degradación e a afectación dos valores culturais e naturais do país". E insta a que "se asuma a paisaxe, e a súa protección, como criterio chave para a ordenación do territorio".

Plantación de eucalipto nunha zona de prado © SLG

O informe foi realizado durante dous anos por unha comisión interdisciplinar coordinada por Rebeca Blanco-Rotea

Explícase que a transformación que está a provocar no monte a expansión das especies de crecemento rápido "responde a procesos de substitución de usos e actividades no territorio caracterizados por unha ausencia de planificación, de ordenación, de avaliación, de diagnose e de corrección e recondución". Procesos nos que os valores naturais, culturais e sociais do territorio "son marxinados fronte a intereses económicos aos que se lles recoñece un papel no desenvolvemento territorial, na fixación de poboación no rural e na súa dinamización económica, que non están demostrados e terían un alcance dubidoso". 

"Sobre o papel pártese dun esquema xeral de división entre espazos protexidos e áreas produtivas, nas que teoricamente o uso sería aquel para o que os terreos teñan maior capacidade. Así, a protección da biodiversidade limitaríase ás áreas de preservación, aos espazos naturais, considerando que nas áreas produtivas non son necesarias medidas de protección, ignorando os seus valores naturais e a incidencia do que ocorre nelas sobre as áreas protexidas", sinálase. 

En setembro de 2020 varias entidades sociais e culturais de distintas comarcas de Galicia dirixíronse ao CCG solicitando que a institución realizase un informe afondando nestas cuestións

O informe foi realizado durante dous anos por unha comisión interdisciplinar coordinada por Rebeca Blanco-Rotea e integrada por especialistas de diferentes disciplinas: Paula Ballesteros Arias, Eduardo Corbelle Rico, Teresa Nieto Freire (coordinación técnica), Pablo Ramil Rego, Xosé Manuel Santos Solla e Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez. Na presentación, este luns, participaron Rebeca Blanco-Rotea e a presidenta do CCG, Rosario Álvarez.

En setembro de 2020 varias entidades sociais e culturais de distintas comarcas de Galicia (a sociedade histórica e cultural Coluna Sanfins, a Asociación Sociocultural O Iribio, a Asociación galega Cova Crea, a Fundación Montescla, a Asociación amigos e amigas dos bosques “O Ouriol dos Anllóns” e a Asociacion autonómica cultural e ambiental Petón do Lobo) dirixíronse ao CCG solicitando que a institución realizase un informe afondando nestas cuestións.

Castro do Monte da Arca (Mondoñedo), arrasado polos traballos nunha plantación de eucaliptos © Monte Esculca

Medidas propostas

A transformación que se está a provocar no monte "responde a procesos de substitución de usos e actividades no territorio caracterizados por unha ausencia de planificación, de diagnose e de corrección e recondución", dise

O informe pide en primeiro lugar que se obrigue a que os montes conten con documentos de ordenación. Ademais, solicita que se revisen as superficies mínimas de actuación que requiren avaliación de impacto ambiental e, finalmente, mellorar a transparencia de información básica (como coñecer o número de denuncias tramitadas e o seu desenvolvemento).

Así mesmo, demandan "un papel máis activo na catalogación dos bens" por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que esta entidade emita informes específicos sobre a parcela a intervir e o ben patrimonial afectado e, igualmente, establecer canles de colaboración entre os propietarios e comunidades de montes.

O informe insta tamén a salvagardar o patrimonio inmaterial derivado desta paisaxe, desde oficios, saberes, coñecementos ata as técnicas produtivas tradicionais, pasando pola toponimia

Finalmente, o informe propón o uso de metodoloxías arqueolóxicas e etnográficas para contar con información sobre a paisaxe do monte e un patrimonio "que é pouco monumental pero que resulta clave para coñecer a evolución da acción social sobre a paisaxe de monte". De igual xeito, insta tamén a salvagardar o patrimonio inmaterial derivado desta paisaxe, desde oficios, saberes, coñecementos ata as técnicas produtivas tradicionais, pasando pola toponimia.

O informe cuestiona os criterios do modelo de explotación forestal e sitúase na liña de traballo do informe Enerxía eólica e paisaxes culturais en Galicia, que hai un ano solicitaba unha moratoria na autorización de parques para a revisión do actual Plan sectorial eólico de Galicia co fin de que se sometese a unha avaliación ambiental estratéxica que tivera en conta as Directrices da paisaxe, a protección do valores culturais do territorio (fixados por outra lei, a de patrimonio cultural) e atender aos valores naturais duns espazos que aínda non foron incorporados á Rede Natura.

Outro exemplo da destrución do patrimonio arqueolóxico por parte da industria do eucalipto © Mariña Patrimonio

"Termar da paisaxe"

Critícase que "as medidas ou directrices establecidas non consideran problemáticas e de especial atención as repoboacións forestais fóra das áreas de especial interese paisaxístico"

O documento péchase facendo un chamamento a "termar da paisaxe, tanto co significado físico de manter, aguantar, soster algo no seu lugar, como co significado emocional de coidar dunha cousa para evitar que se altere, ter conta dela…", sinalando que "neste momento, ambas as dúas, presenza material e presenza inmaterial, construídas discursivamente no noso imaxinario, están ameazadas". Un chamamento a "termar da paisaxe" que segue o lanzado hai uns anos por Marilar Aleixandre no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega.

Nas conclusións, denúnciase que a protección da paisaxe que se está a desenvolver en Galicia "non atende esa responsabilidade e sitúase lonxe de asumir o papel de ferramenta para a ordenación do territorio con criterios de sostibilidade ecolóxica", sinalando que "as medidas ou directrices establecidas non consideran problemáticas e de especial atención as repoboacións forestais fóra das áreas de especial interese paisaxístico". 

"É necesario entender que estamos diante dun patrimonio sensible, extremadamente vulnerable e en risco de desaparición pola súa escasa ou nula monumentalidade", conclúe o informe

O informe destaca que "é preciso entender o proceso de construción desta paisaxe e as súas transformacións ao longo do tempo a través dun estudo detallado das formas e elementos que a compoñen e valorizar o patrimonio cultural produto da acción campesiña". Tamén, "estudar a antigüidade da paisaxe de monte en Galicia a través das estruturas e outros vestixios ligados aos diferentes usos do solo e á ordenación da terra, utilizando metodoloxías arqueolóxicas e etnográficas". 

"É necesario prestar especial atención aos elementos feitos en terra como os valados, que funcionan como rexistros temporais da acción social sobre a paisaxe de monte" e "entender que estamos diante dun patrimonio sensible, extremadamente vulnerable e en risco de desaparición pola súa escasa ou nula monumentalidade", conclúe.

Arriba, vista da basílica da Ascensión e os fornos e lugar de Armeá, en Allariz, na década de 1920 tomada desde o alto do Outeiro dos Pendóns © Rebeca Blanco Rotea
Abaixo, mesma visión en 2009 © Rebeca Blanco Rotea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.