O único dolmen de Baleira, destruído por unha talla de piñeiros

O dolmen de Baleira, despois da súa destrución © Patrimonio dos Ancares

A necrópole do Monte da Cruz, situada no Alto do Restelo, a 965 metros de altitude, no Concello de Baleira, foi destruída nos últimos días pola acción de maquinaria pesada que traballaba na talla de piñeiros. 

A importancia e a singularidade do xacemento, cunha antigüidade duns 6.000 anos, incrementábase por ser a única mámoa da localidade que incluía un dolmen, xa que os outros vinte enterramentos documentados no concello de Baleira son de terra. A mámoa destruída foi a primeiro de Baleira en ser catalogada, no ano 1991 (DOG do 12 de xullo), co código GA27004001. 

O sucedido foi denunciado polo Colectivo Patrimonio dos Ancares, que explica que "a maquinaria pesada estragou totalmente o túmulo, e as pedras da cámara megalítica foron desprazadas e esnaquizadas". Engaden que "ao outro lado da estrada, a mámoa catalogada co código GA27004004, debido tamén á talla de piñeiros, foi lacerada con profundos sucos producidos polas máquinas".

A mámoa, antes a súa destrución © Colectivo Patrimonio dos Ancares

Patrimonio dos Ancares destaca que "este enterramento é coñecido por todos dende sempre, así que eiquí non caben escusas"

A entidade xa denunciou os feitos ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, solicitando para os responsables a máxima sanción que marca a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia pola destrución dun ben patrimonial que vai de 150.000 a 1.000.000 de euros.

Patrimonio dos Ancares destaca que "este enterramento é coñecido por todos dende sempre, así que eiquí non caben escusas". Ademais da denuncia cursada ante a Dirección Xeral, o colectivos insta á propia Xunta a que, ademais da sanción administrativa, "presente denuncia ante o xulgado correspondente por atentado contra un ben patrimonial". E o mesmo lle esixe ao Concello de Baleira e aos grupos municipais con representación.

O colectivo pide actuar "contra uns patéticos impresentables carentes da máis elemental sensibilidade, que cun terreo dispoñible de case 119.000 metros cadrados, estórballes unha mámoa de pouco máis de 30 metros de diámetro".

"Cun terreo dispoñible de case 119.000 metros cadrados, estórballes unha mámoa de pouco máis de 30 metros de diámetro"

A entidade lembra que no mes de marzo de 2019 dirixiu escritos aos concellos de Baleira, Becerreá, A Fonsagrada e Navia de Suarna para que sinalizaran e protexeran 40 mámoas situadas a carón da estrada LU-0708, enviándolles a relación e a situación en cada concello. Afirman que só recibiron resposta do Concello de Becerreá, "que xa ten preparados os indicadores para colocalos nas dúas necrópoles que están dentro do seu término". "O resto nin pío. Iso é o que lles preocupa o patrimonio e a terra onde viven", engaden.

Nos últimos anos foron moitas as denuncias presentadas por distintos colectivos en relación coa destrución de elementos patrimoniais a cargo da maquinaria empregada en traballos forestais, tanto de corta de eucaliptos e piñeiros como de plantación destas especies. Hai tres anos Mariña Patrimonio e ADEGA documentaron danos da industria do eucalipto a 40 xacementos arqueolóxicos do norte de Lugo.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.