O Galiñeiro avanza cara á súa protección ante a minaría ou os eólicos

Andaina reivindicativa pola Serra do Galiñeiro CC-BY-SA Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro

A Xunta saca a consulta consulta pública a declaración do Macizo Rochoso do Galiñeiro, situado en Gondomar, como espazo privado de interese natural (EPIN), unha figura de protección impulsada pola comunidade de montes de Vincios.

A Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático publicou este martes no Diario Oficial de Galicia o anuncio do inicio do trámite de consulta pública da declaración do Macizo Rochoso do Galiñeiro, situado en Gondomar, como espazo privado de interese natural (EPIN), unha figura de protección impulsada pola comunidade de montes de Vincios. Unha vez aprobada, a declaración impediría, por exemplo, a actividade mineira nas 138 hectáreas protexidas, o mesmo que a instalación de parques eólicos.

Entre os usos e actividades prohibidas que figuran no documento publicado pola Xunta están "as actividades extractivas subterráneas ou a ceo aberto, incluída a explotación mineira ou calquera outro tipo de extracción de material xeolóxico, as canteiras de extracción de agregados ou as de terras" e "os aproveitamentos de enerxía eólica, fotovoltaica ou hidroeléctrica".

Serra do Galiñeiro CC-BY-SA Gil Martínez

Entre os usos prohibidos no espazo están as actividades mineiras e os aproveitamentos de enerxía eólica, fotovoltaica ou hidroeléctrica

A declaración resultaría especialmente importante, pois O Galiñeiro foi obxectivo nos últimos anos de numerosas iniciativas de explotación económica, tanto mineira como eólica. O espazo foi sinalado en varias ocasións pola presenza no seu subsolo de varias terras raras (bastnaesita, fergusonita, monacita, torita, xenotima, allanita, torianita ou zircón).

A propia memoria, na súa páxina 75 sinala que nos últimos anos "sondáronse posibles proxectos para o aproveitamento mineiros que exploraban a posibilidade de extraeren terras raras na rexión, o que requiriría unha operación a ceo aberto" e salienta que "este tipo de explotación tería un impacto devastador e irreversible no entorno natural do EPIN e, en particular, destruíra a riqueza xeolóxica que alberga e o resto de valores cos que conta o EPIN". 

"As explotacións mineiras ou calquera outro tipo de extracción de material xeolóxico quedan prohibidos. Xa que calquera afección sobre os fitos xeolóxicos, dados os graos de recuperación asociadas a estes elementos, serian irreversibles", sinálase na declaración.

O Galiñeiro foi obxectivo nos últimos anos de numerosas iniciativas de explotación económica, tanto mineira (na procura de terras raras) como eléctrica, con varios proxectos de parques eólicos

De igual xeito, nas últimas dúas décadas os comuneiros de Vincios, xunto con outras entidades sociais da comarca, loitaron contra os proxectos de instalación de parques eólicos na Serra do Galiñeiro, coma o parque TV-20 paralizado pola Xunta no ano 2021, e outro proposto posteriormente. O espazo que se busca protexer atópase dentro dunha Área de Desenvolvemento Eólico, un espazo sinalado no Plan sectorial eólico de Galicia como "susceptible de acoller parques eólicos dedicados á produción de enerxía eléctrica".

O EPIN proposto comprende 138 hectáreas, un 20% do territorio total do monte veciñal de Vincios, e inclúe algunhas das zonas de maior valor ecolóxico e paisaxístico. A aposta por esta figura dota ao espazo dun marco legal que permitirá conservar os seus valores naturais e servizos ecosistémicos axudando a protexer unha contorna e a priorizalos sobre outros intereses económicos. 

Mobilización pola protección da Serra do Galiñeiro, nunha foto de arquivo CC-BY-SA Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro

A declaración tamén limita a explotación forestal, promove as especies autóctonas e inclúe o control de especies invasoras coma o eucalipto

En xaneiro de 2024 os comuneiros de Vincios presentaron ante a Xunta a solicitude de declaración, converténdose na segunda comunidade de montes que promovía un espazo protexido deste tipo. Previamente o espazo das Sobreiras do Faro, en Viladesuso (Oia) fora declarado Espazo Privado de Interese Natural.

A declaración como espazo privado de interese natural limita tamén a explotación forestal á denominada Zona de Interese Forestal e subliña que na Zona de Interese Xeolóxico se controlará o estabelecemento de especies invasoras. Así mesmo, fomentarase "a presenza de especies autóctonas, como castiñeiros e carballos, alias, procurando mellorar a cobertura vexetal, previr a erosión do solo, protexer a fauna e restaurar o paisaxe".

Ademais, indícase que se levará a cabo "o control e eliminación de especies invasoras en todo o EPIN, cun enfoque especial na acacia negra", e que se controlará "o eucalipto, debido á súa capacidade de propagación e as altas necesidades hídricas". Igualmente, prohíbense as cortas intensivas de máis de 5 ha (agás necesidades de forza maior). No pasado, O Galiñeiro foi escenario de graves incendios forestais, especialmente no ano 2017.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.