
Cinco días despois do aniversario da morte de Franco, o 20 de novembro, Falamos de Memoria dedica un novo episodio á historia dun dos símbolos da apropiación franquista en Galicia: o Pazo de Meirás. Como conseguiu o ditador converter en propiedade particular un edificio adquirido mediante unha suposta doazón colectiva? Que papel xogaron as institucións e as principais figuras do poder galego naquela operación? E como se conseguiu recuperar o inmoble décadas despois?
O podcast documental da Fundación Praza Pública co apoio de 50 en Liberdade debulla como o ditador quedou co histórico recinto e as mobilizacións e pescudas históricas que pularon cara ao proceso xudicial para recuperalo a través das voces de Carlos Babío, Manuel Pérez e Emilio Grandío
O podcast documental da Fundación Praza Pública, coa colaboración do Comisionado para a Celebración dos Cincuenta Anos de España en Liberdade, aborda estas cuestións e as consecuencias dunha historia que aínda hoxe condiciona o debate sobre o futuro do Pazo.
Para reconstruír ese percorrido, o episodio conta cos investigadores Carlos Babío e Manuel Pérez, autores do libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio. Babío achega tamén unha perspectiva familiar: a expropiación de terreos vinculada á construción do Pazo afectou directamente á súa familia. Participa tamén Emilio Grandío, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela.
As súas intervencións permiten coñecer como a imaxe dunha doazón popular agochaba descontos obrigatorios nas nóminas, presións políticas e económicas e unha operación para que o Pazo acabase inscrito a nome de Franco como propiedade privada. O capítulo percorre tamén as décadas de reivindicacións, a investigación que permitiu documentar o espolio e o proceso xudicial que culminou coa devolución do inmoble ao Estado en 2020. O episodio detense, ademais, no futuro do Pazo e no reto de convertelo nun espazo didáctico.
O episodio completo xa está dispoñible canda estas liñas do web de Praza.gal e nas principais plataformas de audio: Ivoox, Spotify, Apple Podcast e mais YouTube. Esta produción da Fundación Praza Pública coa colaboración de 50 en Liberdade ten como director editorial a David Lombao, director de Praza.gal, con Miguel Pardo na coordinación de contido. A redacción e gravación das entrevistas e o guión corren a cargo de Pablo Vázquez e Paula Cermeño, con Llerena Perozo e David Lombao na narración, o traballo de montaxe de Xarda Cooperativa Audiovisual e a presentación e introdución da man de Prado Rúa.