
Praza.gal publica o sexto episodio do podcast documental Falamos de Memoria, unha produción da Fundación Praza Pública coa colaboración do Comisionado para a Celebración dos Cincuenta Anos de España en Liberdade. Nesta entrega reconstrúe a operación pola que a Casa Cornide, propiedade do Concello da Coruña, acabou nas mans de Carmen Polo, esposa do ditador Francisco Franco. A través de documentos de arquivo, actas municipais e escrituras, o capítulo percorre a historia dun espolio que aínda hoxe está pendente de resolución xudicial.
Falamos de memoria, a serie documental da Fundación Praza Pública coa colaboración de 50 en Liberdade, reconstrúe a operación pola que o histórico edificio da Cidade Vella coruñesa acabou nas mans de Carmen Polo, esposa do ditador Francisco Franco
Deseñada a mediados do século XVIII polo arquitecto Francisco Llobet para o ilustrado José Cornide Saavedra, a Casa Cornide pasou a ser propiedade municipal a finais dos anos corenta do século XX. Naquel momento barallábase a posibilidade de destinar o edificio a usos públicos, como un conservatorio de música ou un museo. Porén, o interese da familia Franco polo inmoble deu paso a unha operación que, en 1962, se articulou arredor dunha poxa pública.
O Concello adxudicou a casa ao empresario Pedro Barrié de la Maza por 305.000 pesetas. Tres días despois, este transmitiulla a Carmen Polo por 25.000 pesetas. A investigación histórica e documental permite reconstruír os pasos daquela operación e as relacións entre as administracións e os seus protagonistas. O episodio aborda tamén un feito que prolongou a confusión entre o público e o privado durante a ditadura: o Concello continuou pagando obras, mantemento e subministracións da casa durante máis dunha década despois de que pasase a mans privadas.
Con Manuel Monge, Emilio Grandío e Carlos Babío analizamos a documentación deste espolio e os vestixios do franquismo que permanecen no espazo público
O capítulo detense tamén na mobilización cidadá para recuperar o inmoble. A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña comezou a organizar marchas en 2008 para reclamar a súa devolución ao patrimonio público. Anos despois, a declaración da Casa Cornide como Ben de Interese Cultural, en abril de 2023, estableceu medidas de protección para o edificio, pero non resolveu a cuestión da propiedade nin a situación dos obxectos que permanecían no seu interior. A reclamación xudicial para recuperar a casa continúa pendente.
A través das voces do sociólogo e expresidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Manuel Monge; do catedrático de Historia Contemporánea Emilio Grandío; e do investigador Carlos Babío, o episodio analiza a documentación que permitiu reconstruír o espolio e sitúa o caso da Casa Cornide nun contexto máis amplo: o dos vestixios do franquismo que aínda permanecen no espazo público coruñés.
O episodio completo xa está dispoñible canda estas liñas do web de Praza.gal e nas principais plataformas de audio: Ivoox, Spotify, Apple Podcast e mais YouTube. Esta produción da Fundación Praza Pública coa colaboración de 50 en Liberdade ten como director editorial a David Lombao, director de Praza.gal, con Miguel Pardo na coordinación de contido. A redacción e gravación das entrevistas e o guión corren a cargo de Pablo Vázquez e Paula Cermeño, con Llerena Perozo e David Lombao na narración, o traballo de montaxe de Xarda Cooperativa Audiovisual e a presentación e introdución da man de Prado Rúa.