
O podcast documental Falamos de Memoria, unha produción da Fundación Praza Pública coa colaboración do Comisionado para a Celebración dos Cincuenta Anos de España en Liberdade, continúa o seu percorrido por diferentes espazos da Coruña vinculados coa memoria histórica. A iniciativa busca contar a historia recente da cidade a partir dos lugares nos que sucederon os feitos e das experiencias das persoas que os viviron. O cuarto episodio detense no Campo da Rata, na contorna da Torre de Hércules, para recuperar a historia das execucións que tiveron lugar alí tras o golpe militar de 1936 e das persoas que foron vítimas da represión.
'Falamos de memoria', a serie da Fundación Praza Pública coa colaboración de 50 en Liberdade, recupera as historias dos asasinatos perpetrados polos golpistas na contorna da Torre de Hércules, dende a execucións tras consellos de guerra ata os chamados paseos
O relato parte dunha fotografía tomada o 23 de outubro de 1936 polo soldado Pepe Sáez, na que aparece o fusilamento de oito recrutas coruñeses. A imaxe, unha das poucas testemuñas gráficas das execucións na Coruña, serve para reconstruír a historia do lugar e abordar o papel que desempeñou na represión franquista. O episodio explica tamén a relación entre o Campo da Rata e o antigo Cárcere Provincial, separado deste punto por apenas uns trescentos metros: para moitos presos políticos, o percorrido entre ambos os espazos foi o derradeiro da súa vida.
O capítulo aborda distintas formas de violencia exercidas tras o golpe militar, desde as execucións tras consellos de guerra ata os chamados paseos, nos que persoas detidas eran trasladadas e asasinadas sen un proceso xudicial. A través destes feitos, o episodio recupera historias de persoas que foron vítimas da represión e afonda na dimensión humana dunha violencia que afectou a diferentes ámbitos da sociedade coruñesa.
O episodio remata coa recuperación do monumento á memoria realizado por Isaac Díaz Pardo e inaugurado en 2001, así como coa reflexión sobre a transformación do Campo da Rata nun lugar de memoria democrática. A través das voces e das historias recuperadas, Falamos de Memoria aborda como un espazo asociado ás execucións franquistas se converteu nun lugar para lembrar as vítimas e transmitir a súa historia.
Manuel Rivas, David Lozano, Antonio Míguez, Beatriz Gómez, Arturo Lezcano e Rubem Centeno reflexionan no episodio sobre a importancia do Campo da Rata, lugar de intimidación colectiva, e as historias persoas das vítimas e as súas familias
Para reconstruír esta historia, o episodio conta cos testemuños de persoas vinculadas coa investigación histórica e coa recuperación da memoria democrática. O escritor e xornalista Manuel Rivas reflexiona sobre o papel do Campo da Rata como lugar visible de intimidación colectiva. David Lozano achega información sobre as execucións e as persoas represaliadas, mentres que Antonio Míguez aborda o significado do lugar na xeografía da represión. O capítulo incorpora tamén as achegas de Beatriz Gómez, Arturo Lezcano e Rubem Centeno, que permiten afondar nas historias persoais e familiares vinculadas a estes feitos.
O cuarto episodio de Falamos de Memoria xa está dispoñible canda estas liñas do web de Praza.gal e nas principais plataformas de audio: Ivoox, Spotify, Apple Podcast e mais YouTube. Esta produción da Fundación Praza Pública coa colaboración de 50 en Liberdade ten como director editorial a David Lombao, director de Praza.gal, con Miguel Pardo na coordinación de contido. A redacción e gravación das entrevistas e o guión corren a cargo de Pablo Vázquez e Paula Cermeño, con Llerena Perozo e David Lombao na narración e o traballo de montaxe de Xarda Cooperativa Audiovisual.