'Falamos de Memoria' entra na Casa Museo Casares Quiroga para recuperar a historia do republicanismo coruñés

Imaxe do fotógrafo vigués Pacheco custodiada no Arquivo do Reino co pé "entrada á Coruña de Santiago Casares Quiroga" CC-BY-ND Praza.gal
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-eel-1cc60d8.jpg

A semana pasada botou a andar Falamos de Memoria, unha produción da Fundación Praza Pública coa colaboración do Comisionado para a Celebración dos Cincuenta Anos de España en Liberdade. Trátase dun podcast documental que percorre diferentes espazos da Coruña vinculados coa memoria histórica a través das súas contornas físicas e das voces de persoas investigadoras e protagonistas.

 A iniciativa busca achegarse á historia recente da cidade a partir dos lugares nos que sucederon os feitos e das experiencias de quen os viviron. No seu segundo episodio, o percorrido detense no número 12 da rúa Panadeiras, onde se atopa a Casa Museo Casares Quiroga, para abordar a traxectoria política e familiar de Santiago Casares Quiroga e as consecuencias que tiveron o golpe militar de 1936 e a posterior represión sobre a súa familia.

O segundo episodio da serie producida pola Fundación Praza Pública co apoio de 50 en Liberdade percorre a Casa Museo Casares Quiroga para abordar a súa traxectoria política e persoal, as consecuencias do golpe de 1936 e a represión que sufriu a súa familia

O episodio percorre a traxectoria política e persoal de Santiago Casares Quiroga, unha das principais figuras do republicanismo galego e presidente do Consello de Ministros no momento da sublevación militar. A narración detense tamén na historia do inmoble familiar, adquirido en 1886 e reformado en 1925, e lembra algúns dos momentos vividos pola familia antes da guerra, como a recepción popular que a cidade lle dedicou a Casares Quiroga en 1930 tras a súa saída do cárcere. O capítulo aborda tamén a actuación do Goberno republicano durante as xornadas de xullo de 1936 e a defensa da legalidade constitucional ante o levantamento militar.

Outro dos momentos centrais do episodio é o asalto á vivenda en setembro de 1936. O inmoble foi saqueado e a biblioteca familiar, formada por uns 20.000 volumes, foi incautada e dispersada. O podcast recupera a historia destes libros e o seu significado dentro da vida familiar, así como o proceso posterior de recuperación e musealización do espazo.

Prado Rúa inicia o episodio 2 de Falamos de Memoria percorrendo a Casa Museo Casares Quiroga e claves da súa historia CC-BY-NC-SA Praza.gal

O relato presta tamén atención ás consecuencias da represión sobre a familia. Unha parte do episodio céntrase en Esther Casares, filla maior de Santiago Casares Quiroga, que permaneceu na Coruña e sufriu prisión, enfermidade, arresto domiciliario e rexeitamento social durante anos antes de exiliarse en México. A outra filla, María Casares, coñecida na súa infancia como "Vitola", tamén ocupa un lugar destacado no episodio. A través da súa historia, o podcast recupera os anos que pasou na Coruña antes do exilio e a posterior carreira que desenvolveu no teatro e no cine francés.

O capítulo conta con catro testemuños de persoas vencelladas á investigación histórica e á memoria da familia Casares: Xosé Alfeirán, Pilar Mera, Emilio Grandío e María Lopo

Para abordar estes acontecementos, o episodio conta cos testemuños de catro persoas vinculadas á investigación histórica e á recuperación da memoria da familia Casares Quiroga. O historiador, profesor e comisario Xosé Alfeirán, colaborador habitual da Casa Museo, explica a historia do inmoble, o espolio de 1936, a biblioteca familiar e o proceso de musealización. O historiador e catedrático da USC Emilio Grandío analiza a figura política de Casares Quiroga e a importancia de recuperar estes espazos para a cidadanía.

Pola súa parte, a historiadora e profesora da UNED Pilar Mera Costas aborda a actuación do Goberno republicano durante o 18 de xullo, así como diferentes aspectos da vida da familia e a represión sufrida por Esther Casares. Completa o episodio a ensaísta e investigadora María Lopo, biógrafa de María Casares, que afonda na importancia da biblioteca na formación da actriz e na recuperación dos libros vinculados á familia.

O segundo episodio de Falamos de Memoria percorre a Casa Museo Casares Quiroga e traza un perfil do persoeiro, da súa familia e da represión que sufriron. Na imaxe, Casares Quiroga na desaparecida praza de touros da Coruña CC-BY-NC-ND Praza.gal

O segundo episodio de Falamos de Memoria xa está dispoñible canda estas liñas do web de Praza.gal e nas principais plataformas de audio: Ivoox, Spotify, Apple Podcast e mais YouTube.  Esta produción da Fundación Praza Pública coa colaboración de 50 en Liberdade ten como director editorial a David Lombao, director de Praza.gal, con Miguel Pardo na coordinación de contido. A redacción e gravación das entrevistas e o guión corren a cargo de Pablo Vázquez e Paula Cermeño, con Llerena Perozo e David Lombao na narración e o traballo de montaxe de Xarda Cooperativa Audiovisual. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.