O 17 de febreiro de 1950, apenas mes e pico despois de que Castelao falecese en Bos Aires, Santiago Casares Quiroga morría tamén no exilio en París. Políticos e figuras destacadas dunha transcendente época política en Galicia e no Estado, os dous viraron en símbolos —en maior ou menor medida segundo a personaxe— do galeguismo e do republicanismo. No 75º aniversario das súas mortes, este 2025 xorde como idóneo para a reivindicación, lembranza e estudo de ambos legados. Galicia celebra, mesmo de maneira oficial e impulsado pola Xunta, un ano dedicado ao político, escritor e artista rianxeiro con moreas de actos e exposicións que glosan unha traxectoria indiscutible en calquera ámbito. No caso do político e avogado coruñés, as iniciativas son máis ben escasas e a difusión da súa figura, moi limitada.
Casares Quiroga faleceu en París hai 75 anos, poucos días despois que Castelao en Bos Aires
Emilio Grandío e Pilar Mera Costas, historiadores galegos expertos na Segunda República e no franquismo e coñecedores como poucos da figura de Casares Quiroga, deitan luz sobre a transcendencia do que chegou a ser presidente do Goberno de Azaña e sobre o porqué dunha apoucada reivindicación.
"Casares é unha figura esquecida, perdida... E cando sae á luz sempre é rodeada de tópicos repetidos e lonxe da realidade", explica Pilar Mera, profesora e directora do Departamento de Historia Social e do Pensamento Político da Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía da UNED. "Foi un pouco un chibo expiatorio, unha personaxe que veu estupendamente a moita xente para botarlle as culpas, para ser o paraugas co que tapar erros doutros", insiste quen lembra que o político coruñés "morreu lonxe e non tivo moita xente que o defendese". "Nin ninguén que o reivindique", engade a autora de 18 de julio de 1936. El día que empezó la Guerra Civil (Taurus, 2021).

O relato da investigadora coincide plenamente co de Grandío á hora de avaliar a atención á figura de Casares. "Non é cómoda para moitos porque é moito máis doado quedar con esas teses de que, ata certo punto, foi culpable", di o historiador en referencia a diferentes episodios da República ou da Guerra Civil. "Foi o foco de todas as agresións, pero cando alguén traballa historicamente, de maneira rigorosa e cotexando fontes, xorde a verdade e desmóntanse os tópicos", expresa catedrático de Historia Contemporánea na USC e autor de Casares Quiroga. La Forja de un Líder (Eneida, 2011).
Os historiadores Emilio Grandío e Pilar Mera coinciden en que Casares foi un "chibo expiatorio", unha figura empregada para "botarlle as culpas" asumindo "tópicos lonxe da realidade"
"Os sectores sublevados colócano como o demo, como o peor... E o resto úsano para afastarse das súas responsabilidades, buscando un chibo expiatorio, botando sobre el culpas porque non falou, porque mantivo silencio. Había algo que lle impedía falar e sabíano", engade Grandío, que se pregunta "a quen lle interesa reparar a Casares, falar da súa historia, reivindicalo".
"Semella que non hai moita xente", respóndese, antes de lanzar unha crítica: "Cando a figura de quen foi ministro e presidente está tan sinalada e queda agochada nos debates de historiadores, a sociedade tería que ollarse cara a dentro". "Non é cuestión de facerlle un panexírico, nin tan sequera de estar a favor ou en contra, pero este silencio é un síntoma. Casares non é unha persoa calquera, ocupou postos de máxima responsabilidade e foi unha figura clave na historia política; merece, polo menos, que se saiba o que pasou e non quedar nos tópicos", insiste Grandío sobre unha situación que segue crendo "sorprendente".
Casares Quiroga foi fillo de Santiago Casares, alcalde republicano da Coruña en 1917, e pai da actriz María Casares. Impulsor da ORGA (Organización Republicana Gallega Autónoma) xunto a Vilar Ponte, representante da Federación Republicana Gallega no Pacto de San Sebastián, deputado e presidente do Goberno de España durante dous meses (desde maio ata o golpe militar de xullo de 1936), etapa na que organiza o referendo sobre o Estatuto en Galicia. Antes, en distintas etapas, exerceu de ministro con diferentes carteiras en varios executivos: Obras Públicas, Xustiza, Gobernación, Guerra e Mariña.
"Sen el, Galicia non tería Estatuto de Autonomía pola vía rápida; debera ter unha rúa en todas as vilas galegas", di Pilar Mera
"Sen el, Galicia non tería Estatuto de Autonomía pola vía rápida. Debera ter unha rúa en todas as vilas galegas, ser un nome perfectamente instalado na memoria, pero se nos poñemos a facer unha enquisa pola rúa, moita xente non saberá nin quen é e outra moita repetirá os tópicos", di Mera. Entre eses tópicos máis coñecidos, aquel que o acusa de decidir non dar armas á poboación no momento do golpe de Estado e dimitir posteriormente. Ou a frase —nunca demostrada e que "non se sabe de onde saíu", como di a historiadora— que se lle atribúe ao ser requirido por xornalistas ante o levantamento: "Si ellos se han levantado, yo me voy a acostar".
"Tópicos e lugares comúns... Esa frase non aparece en ningures e usouse sempre para dar a entender que era unha personaxe pusilánime, desleixada, ineficaz e mesmo colérica e enfadada, todo o contrario ao que se desprende se coñeces a súa figura, les as súas cartas e estudas a súa traxectoria", insiste Pilar Mera. "Nunca atopei esa frase en ningunha fonte; dáse por real porque se repite moitas veces", engade Grandío.

"Constrúese unha lenda sobre el nos anos 50 e 60 a través de testemuñas da época que publicaron historias cun claro interese, tamén editorial e para que se fose reproducindo duns aos outros. Na maioría dos casos queda como o chibo expiatorio do problema do 18 de xullo, pero investigando e estudando o que aparece é unha realidade distinta", explica Grandío, que acumula décadas pescudando aquela etapa política, tamén a de Casares.
Casares foi acusado de non querer entregar armas ao pobo o 18 de xullo ou de minusvalorar o risco dun golpe de Estado, pero as investigacións históricas negan ambas
"Non só non abandona e deixa a dirección do Estado, senón que presenta a dimisión varios días antes e Azaña non lla acepta", di o historiador. As memorias de Portela Valladares, inéditas ata 1972, e as da súa filla María coinciden en afirmar que Casares quería armar a cidadanía e non ao contrario.
"Azaña acepta a súa carta de dimisión na mañá do 18 de xullo de 1936 cun propósito: negociar cos golpistas. Por iso chama a Diego Martínez Barrio", substituto do coruñés na presidencia do Goberno de forma interina. "Na mañá do 19, masas de obreiros concéntranse en manifestación pedindo a volta de Casares Quiroga, e o propio Indalecio Prieto tamén a pide... Consideraban que si ía dar armas ao pobo e, coas probas ás que eu chego, o que queda claro é que esa teoría de que se nega a dalas non é real", aclara Grandío.
Respecto da acusación de descoñecemento dos movementos militares para o golpe ou de non calibrar ben os riscos, Grandío nega a maior. "Coñece perfectamente a sublevación porque tiña enlaces por todos lados e porque foi el quen modernizou os servizos de intelixencia como ministro", lembra. E vai máis aló: "Se damos por boas todas estas teses, o lóxico é que Casares quedase no ostracismo, pero deixa o goberno para ser portavoz de Izquierda Republicana nas Cortes, encargado de negociar todo tipo de cuestións... E non abandona España tras o levantamento, malia que si o fan a súa muller e filla; queda ata despois de que marche Azaña, a quen sempre foi leal", di.
"Os obreiros pedían a volta de Casares o 19 de xullo e o recordo dos republicanos no exilio non era o dun home cuxa inacción permitiu o golpe, todo o contrario", di Grandío
Logo, no exilio, e malia negarse a homenaxes, "é convidado a todos os actos e recoñecido polos defensores da República, mantendo unha excelente relacións con figuras como Negrín". Xa falecido, a súa filla, María Casares, é requirida un lote de veces para homenaxear a seu pai. "O recordo dos republicanos non era o dun home que por inacción permitiu que chegasen os fascistas, máis ben todo o contrario, como se pode ver con feitos demostrados... Todo o demais son opinións", di Grandío, que advirte que "esa imaxe de home pusilánime non se contrasta cun traballo de investigación histórica".
"Foi vehemente, un grande orador, capaz, por exemplo, de que a Fronte Popular, pola que ninguén daba un peso, obtivese unha gran vitoria electoral... Foi el quen planificou o achegamento a sectores anarquistas para que desen liberdade de voto ou o único membro do goberno de Azaña que, anos antes, se opuxo á conmutación da pena de morte ao xeneral Sanjurjo tras o seu golpe de Estado", lembra Grandío para contrapoñer os mitos e acusacións coa realidade.

"Sempre foi un home avanzado para o seu tempo, cunha visión moi aberta en todos os sentidos, desde politicamente ata a relación coas súas fillas", expresa Pilar Mera, que alude ás cartas con María Casares: "Parecen máis mensaxes como as que poderían manter, hoxe en día, un pai moderno coas súas fillas, falando mesmo de dúbidas amorosas", di. "Tivo outra filla antes, en Madrid, cando foi estudar a carreira e froito dunha relación esporádica; recoñeceuna, levouna á Coruña e púxolle os seus apelidos, algo completamente extraordinario naquela época", engade.
Casares non escribiu memorias nin deu a súa versión: "Por puro medo, pola represión". A filla e a neta non puideron saír de España ata cinco anos despois da súa morte
Foi esa filla, Esther, e mais a súa única neta as que quedaron retidas polo franquismo en España tras o exilio de Casares, que nunca máis as puido ver. Non foi ata cinco anos despois do seu falecemento cando lles permitiron saír ao estranxeiro, unha etapa, a do cativerio dentro das fronteiras españolas, clave para entender o silencio e a posterior terxiversación da figura do político coruñés. "Se queres facer un catálogo do que supuxo a represión franquista, a súa familia é un dos mellores exemplos", di Pilar Mera.
"Casares tiña máis presente a súa culpa que ninguén; a súa filla e neta estaban detidas domiciliariamente, o que foi un condicionante fundamental para que hoxe non apareza a súa versión, para que non deixase memorias e permitise que a xente falase por el. Foi por puro medo, por pura forza porque era moi consciente da represión que exercía quen retiña a súa familia", engade Grandío, que non concibe "que non dixera o que pensaba de todos aqueles anos". "Nunca foi de medias tintas", conta.
"Non lle axudou o feito de que marchase ao exilio porque aquela xente, sobre todo os que non volveron, non tiña quen os reivindicase; a Casares e a outros pasoulles por riba unha especie de brétema e, no seu caso, é especialmente triste porque a súa familia sufriu moito", di Pilar Mera, que coincide con Grandío en sinalar esa néboa, ese manto que agochou e esqueceu aquela democracia republicana e os seus líderes de principios do século XX.
"O proxecto de democracia republicana foi silenciado na Transición", di Grandío. "A Casares pasoulle por riba unha brétema, non tiña quen o reivindicase", engade Mera
"O referente democrático a partir de 1978 en España non quere abordar a continuidade daquel proxecto de democracia republicana dos anos 30, que queda case varado, que foi silenciado. Houbo unha especie de punto cero, de nova democracia, deixando aquel legado transmutado, esquecendo figuras que, cando chegou a República, levaban xa vinte ou trinta anos traballando por un sistema democrático como o que había noutras partes de Europa", di Grandío, que pon un exemplo ben gráfico do que supuxo ese xeito de Transición.
"A figura de Casares é reflexo de moitas cousas, dese interruptus que, por exemplo, fai que un presidente do Congreso como José Bono reprendese un represaliado do franquismo por amosar 'a ilegal bandeira republicana'... É un pouco forte tratar así un referente do pasado democrático dun país", explica. Dez anos despois daquel episodio, o Executivo central denunciou o Concello da Coruña, gobernado pola Marea Atlántica, por pendurar unha bandeira republicana na Casa Museo Casares Quiroga, tendo que retirala por orde xudicial. Do edificio que homenaxea un ex-presidente do Goberno, no lugar onde viviu durante anos e que agora opta a ser Lugar de Memoria Democrática.

"Tíñanlle xenreira e odio"
"É froito do que ocorreu na Transición, onde non quedaba moita lembranza daqueles republicanos que non tiñan a estrutura e apoio doutras correntes. O PSOE, por exemplo, tivo a axuda dos socialistas estranxeiros, pero ninguén fixo algo así con figuras como a de Casares", di Pilar Mera, que lembra que era "a reencarnación de todo malo para as dereitas, que acusaron mesmo de matar a Calvo Sotelo, entre outras barbaridades". O fascismo intentou mesmo borrar o seu nome "de todos los registros". "Siendo indigno de figurar en el registro de nacimientos que se lleva en los juzgados municipales, constituidos por seres humanos y no por alimañas del nombre de Santiago Casares Quiroga", pedía o gobernador civil da Coruña en 1937 ás autoridades franquistas.
"Os máis conservadores tíñanlle xenreira e odio", lembra Grandío, que advirte que a súa figura quedou "esmagada" entre dous extremos. "Forma parte dos sectores que nos anos dez e vinte impulsan unha democratización de base burguesa, pero as estruturas do Estado non se adaptaron daquela para poder dar entrada á modernización que propuñan", engade quen recorda o "tempo político acelerado dos anos 30" e o auxe da esquerda revolucionaria e do fascismo.
"A Castelao parece que o pode reivindicar todo o mundo, desde o PP ao BNG... A Casares pásalle o contrario"
"A figura anarquista ou revolucionaria é máis romántica, a dos heroes que deixaban a vida; non se debe menosprezar, nin moito menos, pero non é menos heroico quen pretendeu mudar as cousas doutro xeito, máis construtivo", engade Mera sobre Casares que, aclara Grandío, naqueles tempos "era o referente da República, en Galicia pero non só".
"Galicia tivo un tránsito cara ao réxime republicano exemplar e modélico", conta Grandío. En parte grazas a figuras como a de Casares que, di o historiador, "claro que ten luces e sombras". "Pero non é cuestión de defendelo nin facer gabanzas, senón de coñecer a súa traxectoria", conta quen insiste en que o feito de abordar a memoria democrática a través de "vítimas, fosas e violencia" non pode obviar "todos os grandes representantes e referentes dunha tentativa democrática" e que "non están" dabondo representados no imaxinario histórico.
E sen quen o reivindique, insisten ambos. "Castelao é, curiosamente, o contrario. Parece que todo o mundo o pode reivindicar, desde a Xunta do PP ata o BNG... Todos poden sacarlle partido, pero Casares sería o contrario", reflexiona Mera.

"Desde o nacionalismo non imaxinamos gabanza ningunha polo feito de que acabase integrando a ORGA en Izquierda Republicana e separándose do galeguismo; tampouco imaxinamos o PP reivindicando a Casares porque para a dereita sería reivindicar a esquerda sanguinaria e dura... Quen máis podería facelo é o PSOE, pero non o fai por descoñecemento e porque a súa figura aínda lles soa a cousa de señoritos", remata Mera.
"Falar de Casares implica falar das cousas que che parecen ben e das que che parecen mal, pero como ninguén fala, parece que o que o fai é que o está defendendo", expresa Grandío, que coincide con Mera en reafirmar a dureza do exilio e da represión sufrida por el e a súa familia como claves para o seu silencio e a deturpación posterior da súa figura.
Unha situación que o premio Nobel Albert Camus resumiu na carta de pésame que enviou a María Casares, quen fora a súa compañeira sentimental: "Ese calvario non era vida. A patria escravizada, o exilio, o sufrimento físico non puido ser inútil. As veces que o vin comprendín que era superior ao que sufrira".