As primeiras horas da II República en Galicia: música e bandeiras entre chamadas á orde e á esperanza

Unha alegoría da República substitúe o retrato do rei no Pazo de María Pita o 14 de abril de 1931, nunha imaxe custodiada no arquivo da RAG e incluída no repositorio europeo Europeana CC-BY-NC-ND RAG / Europeana

O 14 de abril de 1931, hai agora 90 anos, os taboleiros de lousa nas redaccións dos xornais con sede na Coruña "comezaron a dar conta da proclamación da República en Barcelona polo coronel Maciá, que se fixera cargo do Concello e da Deputación". Tras as eleccións municipais de dous días antes, nas que as candidaturas republicanas lograran o triunfo en cidades clave, os partidos e agrupacións que na cidade pulaban pola fin da Monarquía borbónica agardaban "noticias concretas e decisivas" xunto unha "multitude concentrada no Cantón Grande".

As sedes de Telégrafos e as casas consistoriais acolleron a primeiras celebracións e proclamacións da II República en Galicia o 14 de abril de hai 90 anos

O xornal vigués El Pueblo Gallego relataba así, ao día seguinte, como se vivira na Coruña a proclamación da II República española, da que este 14 de abril se fan nove décadas. Cando, a través do telégrafo e do teléfono se puido confirmar que a proclamación republicana xa era un feito, a multitude dos Cantóns virou en "manifestación, á fronte da cal ían os concelleiros republicanos coa bandeira", avanzando pola rúa Real coa intención de chegar ao Pazo de María Pita, sede do Concello.

Polo camiño, contra "a metade" da rúa Real, destacados dirixentes republicanos coruñeses como Alfredo Somoza, José Villaverde e César Alvajar, dirixíronse aos manifestantes dende un balcón. Pedíronlles que seguisen celebrando a chegada da República, pero que o fixesen "en completa orde".

Manifestación republicana pola rúa Real da Coruña, o 14 de abril de 1931 en dirección a María Pita Dominio Público Publicada na revista Vida Gallega

Xa en María Pita, a Antonio Lens foille "entregado o mando, como concelleiro de máis idade" mentres no exterior "seguía estacionada a multitude". A concorrencia "descubriuse e vitoreou ao ser izadas as bandeiras da República e de Galicia". No interior, a imaxe do rei Alfonso XIII foi substituída por un cadro alegórico da República. Antes, como en tantas outras localidades, as primeiras bandeiras republicanas xa ondearan no edificio de Telégrafos.

Na Coruña, Vigo, Lugo ou Ferrol, os líderes republicanos combinaran nos seus discursos a ledicia polo triunfo coas chamadas á "orde" e á "disciplina" da veciñanza. "Sexamos bos republicanos", pediran

En Vigo, a tarde daquel 14 de abril foi tamén de manifestacións. Un "xentío impoñente" ateigaba a Porta do Sol, agardando noticias dende a casa consistorial (na praza da Constitución, no edificio que actualmente acolle a Casa Galega da Cultura). Amado Garra, presidente do Partido Republicao, foi o encargado da primeira proclamación, "as bandeiras comezaran a ondear decontado e a multitude estourou en vítores á liberdade, á democracia e á república". "Viva a República, viva Vigo", clamou Garra, antes de dar paso "ao mestre nacional Víctor Fraiz". Dende o Concello animaron os presentes a manifestarse, pero tamén a "consolidar a República" amosando unha "gran disciplina das masas".

En Lugo, as primeiras bandeiras republicanas xa ondearan "durante toda a mañá" na sede do Partido Republicano, na rúa do Bispo Aguirre, informara ao día seguinte El Progreso. Como na Coruña, xa a mediodía se celebraran as primeiras manifestacións e no comezo da tarde, o Comité Republicano local deu conta da inminente proclamación do novo réxime e, ao tempo, pediu á veciñanza "cordura, orde, sensatez, serenidade, respecto ás ideas e ás persoas. Sexamos bos republicanos", instaron. Ás seis da tarde chegou a Telégrafos a confirmación da proclamación republicana e foi alí onde ondeou oficialmente a primeira bandeira tricolor. 

Capa do xornal vigués 'El Pueblo Gallego' o 15 de abril de 1931, dando conta da proclamación republicana Dominio Público Tirada do arquivo dixital Galiciana

A bandeira galega foi izada xunto á republicana en diversos concellos de Galicia durante os actos de proclamación

Pouco despois, contra as sete e media, dende o Concello confirmouse que, contra as nove da noite, a nova corporación izaría formalmente a nova bandeira. E así foi. "Ás nove en punto da noite izábase no Concello primeiramente a bandeira republicana e, a continuación, cubríase coa bandeira galega a coroa real que figura no escudo do seu frontispicio", relataba o xornal local. Ao acto púxolle palabra o presidente do Comité Republicano, o doutor Rafael de Vega, cun discurso dende o balcón que foi respondido con aplausos e tamén coa música da banda municipal, que interpretou "a Marsellesa e o himno galego". De Vega concluíu pedindo "cordura e sensatez", que as manifestacións culminasen "pacificamente" e que ao día seguinte, a veciñanza fixese "vida normal". O doutor Rafael de Vega sería asasinado polos golpistas en 1936.

Un acto moi semellante foi o celebrado en Ferrol, onde a xornada fora declarada como día Festivo. Alí, segundo publicou El Correo Gallego -naquela altura, xornal ferrolán-, diversos dirixentes republicanos chegaron á casa do Concello a bordo "dun automóbil". "Entre vítores e aplausos foi izada a bandeira republicana e ao lado, a galega". A continuación Alfonso Quintana, Matías Usero e Jaime Quintanilla "deron conta da proclamación" e pediron á multitude que, concluídos os actos "se retirasen coa maior orde".

Principiaba así un período político de tanta esperanza como axitación. De avances educativos e sociais, de pulo polo autogoberno galego ao comezo da República e mais no seu treito final ata chegar, in extremis, ao plebiscito do primeiro Estatuto de Autonomía, en 1936. O Estatuto rematou a súa entrega ás Cortes Republicanas apenas vinte e catro horas antes da rebelión contra a República que sería o primeiro paso para a instauración da ditadura encabezada polo xeneral Francisco Franco.

Capa do xornal lucense El Progreso o 15 de abril de 1931, recollendo as novas da proclamación da II República Dominio Público Tirada da Biblioteca Virtual de Prensa Histórica (Ministerio de Cultura)

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.