Rafael de Vega: Médico, republicano, asasinado

Rafael de Vega Barrera, nunha imaxe gardada pola súa familia CC-BY-NC-SA Rafaeldevega.es

"Ayer, a las seis de la tarde, fueron pasados por las armas el ex gobernador civil de esta provincia don Ramón García Núñez, el ex director del Hospital de Santa María don Rafael Vega Barrera, el practicante del mismo don Perfecto Abelairas, don José Ramos y don Ángel Pérez López, en virtud de sentencia contra ellos dictada por el Consejo de Guerra celebrado la semana pasada. La ejecución se llevó a cabo a inmediaciones del cementerio. Todos se confesaron y recibieron fervorosamente la comunición, a excepción del último". Hai este sábado 80 anos, o 22 de outubro de 1936, o xornal El Progreso de Lugo incluía esta breve nota na súa primeira páxina, arrodeada de pezas laudatorias sobre os golpistas xa liderados por Francisco Franco e duros ataques contra o que quedaba do Goberno da II República. Entre os asasinatos daquela xornada estaba o prestixioso cirurxián Rafael de Vega, moi querido na cidade, cuxa morte foi empregada polos franquistas como exemplo e advertencia do que estaba por vir. No octoxésimo aniversario do seu fusilamento o Concello e diversas entidades lucenses, ademais da súa familia, veñen de lle render homenaxe.

De Vega, prestixioso cirurxián, proclamou a II República en Lugo

De Vega nacera nunha vila de Burgos en 1889 pero con apenas 27 anos trasladouse a Lugo, tras gañar en oposición a praza de director cirurxián do hospital municipal lucense. Ao chegar, como lembra a súa familia, "indignouse" ao coñecer a situación do centro sanitario, que realmente non era máis ca unhas precarias dependencias do que aínda hoxe é o convento das monxas Agustinas, na praza de Santo Domingo. "Os pobres e desposuídos teñen dereito á asistenica médica, porque o dereito á saúde é de todas as persoas e eles necesítano máis", resumiu a súa impresión quen en 1930 foi o encargado de inaugurar, como director e tamén como cirurxián de prestixio, o novo Hospital de Santa María, onde os doentes "de beneficencia" recibían tratamento semellante aos que tiñan a posibilidade de pagaren.

Nova do asasinato de Rafael de Vega, en El Progreso o 22/10/1936 CC-BY-SA Praza Pública

A sona do doutor De Vega medrou polos seus éxitos médicos, mais tamén pola súa actividade social e política. Foi así especialmente a partir de 1930, cando se achegou ao Partido Radical e, a continuación, chegou a presidir o Comité Republicano da Cidade. Nas municipais do 12 de abril de 1931 Lugo foi unha das poucas cidades con vitoria monárquica -no resultado tivo gran peso a figura do alcalde, Ángel López Pérez, moi querido e respectado-. No entanto, dous días despois tamén se proclamou alí a república. O encargado de proclamar a chegada do réxime republicano dende o balcón do concello, izar a bandeira da II República e cubrir a coroa real coa bandeira galega foi o propio Rafael de Vega. Nas eleccións constituíntes, dous meses despois, foi elixido deputado.

O 21 de outubro de 1936 foi fusilado acusado de "traizón" e a sentenza de morte reprochoulle as súas ideas "avanzadas y revolucionarias, con gran influencia entre las masas"

A súa significación política, malia non estar encadrado na esquerda, foi o que o levou a tentar colaborar coa resistencia ao golpe en xullo de 1936, axudando neste cometido ao alcalde da cidade, Francisco Lamas, tamén médico de profesión, e mais ao gobernador civil, Ramón García Núñez, de Izquierda Republicana. Estas figuras senlleiras da esquerda e o republicanismo foron os primeiros albos dos grupos de falanxistas que espallaron o terror pola cidade da Muralla tras o golpe. 

O doutor De Vega foi detido aos poucos días e recluído no cárcere de Lugo, onde estivo algo máis de tres meses recibindo frecuentes humillacións e maltratos. No entanto, mentres estivo na cadea tivo tamén que exercer a medicina: nomeadamente, para operar un militar que se disparara accidentalmente. Aquela foi a derradeira oportunidade que tivo para escapar, pero non o fixo porque, razoou, sería admitir unha culpabilidade que non existía.

Homenaxe ante o busto de Rafael de Vega na rúa que leva o seu nome en Lugo © Concello de Lugo

As cartas remitidas á súa dona e fillos ata poucos días antes da súa morte son as derradeiras testemuñas dun proceso que foi revestido de legalidade, sen demasiado esforzo, por unha sentenza ditada o 14 de outubro. De Vega, xunto ao alcalde, o gobernador civil e outras cinco persoas foron considerados culpables dun delito de "traizón", habitualmente aplicado a militares -ningún deles o era- por colaboraren co "movimiento nacional y antipatriótico por que estamos pasando, engendrado por ese conglomerado que se denominó Frente Popular". A Rafael de Vega acusábano, asemade, de ser "considerado persona de ideas avanzadas y revolucionarias con gran influencia entre las masas", dicía a sentenza, con abondosos erros ortográficos e gramaticais. Os asasinatos foron perpetrados contra os muros do cemiterio da cidade, na parcela onde actualmente se atopa o Gran Hotel Lugo, lugar especialmente visible e, polo tanto, propicio para aterrorizar o conxunto da poboación.

Homenaxe 80 anos despois

Concello, Deputación, formacións políticas e a súa familia homenaxeárono ante o busto situado na rúa de Lugo que leva o seu nome

A sentenza coa que se xustificou o fusilamento de Rafael de Vega foi lida de novo este venres ante o busto que o lembra, na rúa de Lugo que leva o seu nome. Concello e Deputación, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, todas as formacións políticas con representación municipal e membros da familia do homenaxeado reuníronse para evocar, en verbas da alcaldesa, Lara Méndez, "un dos días nos que se escribiu unha das páxinas mási negras da cidade de Lugo". Hai escasos anos diversas entidades reclamaran que o novo hospital da cidade levase o nome de Rafael de Vega, pero a Xunta rexeitouno e escolleu Lucus Augusti, mentres que o nome do doutor De Vega se outorgou a un bloque do complexo sanitario.

"Render homenaxe ás vítimas do franquismo é render homenaxe á democracia", di a rexedora, quen subliña que as institucións públicas actuais deben ser "responsables de que non caian no esquecemento" as persoas represaliadas pola ditadura. "Non hai país que sufrise réximes fascistas que non construíse a súa democracia sobre a visión sosegada, pero radicalmente crítica, coa ditadura que a precedeu", subliñou Méndez antes da intervención do neto do homenaxeado, Rafael Pérez de Vega, quen lembrou o papel do seu avó na defensa da democracia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.