50 anos despois da morte do ditador as súas decisións seguen marcando a Galicia actual. Nas fins de semana de agosto lembramos algunhas, como a de unir as principais cidades cunha autoestrada de peaxe adxudicada no BOE do 18 de agosto de 1973.
O 20 de novembro de 1975 falecía o ferrolán Francisco Franco Baamonde aos 82 anos. Cúmprense agora 50 anos da súa morte, pero durante os seus preto de 40 anos de ditadura tomou decisións que seguen a marcar a Galicia actual. Nas fins de semana de agosto repasamos algunhas delas, como a construción de encoros, a concesión a Ence ou a de unir as principais cidades atlánticas cunha autoestrada de peaxe, adxudicada no Boletín Oficial del Estado (BOE) do 18 de agosto de 1973. Unha concesión cuxas previsións económicas e temporais non foron cumpridas pola adxudicataria, á que despois sucesivos gobernos democráticos prorrogaron varias veces o negocio.

A concesión para construír e explotar a AP-9 foi outorgada nun Consello de Ministros presidido por Franco no Pazo de Meirás o 17 de agosto de 1973 a unha sociedade conformada polo Banco Hispano Americano, Banco Pastor, Banco del Noroeste, Banco de Bilbao, Banco Atlántico e Unión Industrial Bancaria, que acabarían constituíndo Autopistas del Atlántico Concesionaria Española SA (Audasa). A decisión quedou publicada no Boletín Oficial del Estado (BOE) ao día seguinte, 18 de agosto, nun decreto que estableceu unha serie de datas de inicio de obras e posta en servizo para todos os treitos.
As previsións franquista non se cumpriron e a maior parte da autoestrada foi adiándose sen lograr a viabilidade económica ata que sucesivos gobernos xa na democracia interviron para axudar a empresa aínda máis
O primeiro treito en abrirse, entre A Coruña e Santiago, o 27 de abril de 1979, cumpriu aqueles prazos, pero a maior parte da infraestrutura foi adiándose mentres os bancos adxudicatarios non eran quen de lograr a viabilidade económica da concesión. Así, a ponte de Rande, a obra máis significativa, que contaba naquel decreto cun punto específico de compromiso da concesionaria, tiña fixada a súa data de apertura para o 31 de agosto de 1977, pero acabou adiada case catro anos, ata febreiro de 1981.
Foron uns anos de contestación social por unha infraestrutura criticada como unha "navallada" ao territorio que, máis alá da ocupación do mesmo que supuxo, derivou nunha división económica de Galicia, xa que contribuíu a concentrar definitivamente a riqueza e o dinamismo económico e demográfico do país na súa fachada atlántica.

Ante as dificultades económicas da concesionaria, e xan sen Franco, o Estado tivo que intervir. Primeiro cunha prórroga dun ano outorgada a finais de 1977, durante o goberno de UCD. Despois, a finais de 1983, xa durante o goberno de Felipe González, co rescate da concesionaria, que se converteu en sociedade pública. E novamente con outra prórroga de dez anos en 1994 a cambio da gratuidade das peaxes nos treitos urbanos da vía e de que se axilizase o treito entre Vigo e Tui.
Tras esa prórroga o remate da concesión da autoestrada, daquela en mans dunha Audasa pública, quedou fixado para o 18 de agosto de 2023. Pero o 13 de xaneiro de 1998 o Discoverer Enterprise rachou as amarras no estaleiro de Astano e bateu contra a ponte das Pías, daquela único acceso a Ferrol cruzando a ría desde Fene. Un accidente que levou ao goberno de José María Aznar a acelerar a prolongación da AP-9 desde Fene, onde daquela remataba, ata Ferrol, treito pendente de executarse desde dúas décadas antes. Aquel decreto estableceu que o novo treito Fene-Ferrol sería libre de peaxe, pero a cambio prorrogou a concesión 25 anos máis, ata o 18 de agosto de 2048, a data hoxe vixente.

Esa prórroga foi outorgada polo Goberno sen un novo concurso público cando xa estaba en vigor unha normativa europea que o impedía, o que supón que a Comisión Europea teña aberto desde 2021 un procedemento de infracción contra España. O Estado argumenta que a prórroga era posible porque daquela Audasa era unha empresa pública, pero iso deixou de ser así tres anos máis tarde, cando o mesmo Goberno de Aznar privatizaba esa e o resto de concesionarias da desaparecida Empresa Nacional de Autopistas (ENA), o que levou a Europa a concluír hai unhas semanas que foi unha prórroga premeditada para así incrementar o atractivo da empresa.
Ata hai un ano Audasa aínda seguía desfrutando dunha rebaixa do 95% do Imposto de Bens Inmobles (IBI) grazas a unha bonificación franquista de 1972
E atractiva resultou, porque a Audasa que con Franco non era quen de levantar cabeza economicamente nin sequera coa exención do 95% do que tería que pagar pola daquela denominada Contribución Territorial Urbana -o actual Imposto de Bens Inmobles (IBI)- leva dúas décadas e media de beneficios de récord. Uns beneficios que mesmo seguiron aumentando o pasado ano, unha vez rematado ese privilexio franquista da exención do IBI, vixente a través da lei de autoestradas de 1972 e do que Audasa se beneficiou durante cinco décadas.