Se non fose polo Real Decreto 173/2000, de 4 de febreiro, á concesión da AP-9 a prol de Autopistas del Atlántico, S.A. (Audasa) quedaríanlle apenas sete meses e o vindeiro 18 de agosto as barreiras das peaxes ergueríanse por derradeira vez para non volver baixar. Esa era a data prevista dende que en 1994, o Goberno do PSOE de Felipe González ampliou a concesión por unha década a cambio de continuar a construción da autoestrada cara ao sur de Vigo e suprimir a peaxe en varios treitos.
O 13 de xaneiro de 1998 o vento rachou as amarras da plataforma petrolífera Discoverer Enterprise nos estaleiros de Astano, que acabou batendo contra a Ponte das Pías, daquela principal conexión de Ferrol co resto da comarca e do país
Pero no ano 2000 o Executivo do PP de José María Aznar sumou vinte e cinco anos máis á concesión e xunguiu Galicia con Audasa ata mediados do século XXI. A cambio, a empresa concesionaria -na altura, aínda pública- comprometíase a prolongar en 9,1 quilómetros o trazado da autoestrada, dende Fene ata Ferrol, nun novo tramo libre de peaxe. A decisión política desa ampliación fora anunciada polo Goberno de España dous anos antes, escasos días despois de que o 13 de xaneiro de 1998, hai agora vinte e cinco anos, unha plataforma petrolífera móbil atracada nos estaleiros de Astano -actual Navantia- batese contra a Ponte das Pías, principal vía de conexión de Ferrol co resto da comarca e do país.
Aquela plataforma de 254 metros de eslora construída en Astano era o Discoverer Entrerprise. Os fortes ventos da madrugada daquel martes 13 de xaneiro provocaran que racharan as amarras que termaban dela no estaleiro e quedase á deriva pola ría ata ficar encaixado na ponte. Ao contrario que noutros accidentes -o Prestige aínda estaba por vir-, o rescate do barco, que non provocou danos ambientais de alcance, foi relativamente sinxelo e finalizou en poucas horas. Pero durante medio ano a mobilidade en Ferrolterra quedou fortemente condicionada, coa vella estrada de Castela como única vía posible de entrada e saída, dando lugar a constantes atascos de vehículos.
O Goberno de Aznar reconstruíu a ponte en apenas dous meses e, ao tempo, aprobou ampliar 9 quilómetros a AP-9 para levala de Fene a Ferrol. A cambio da construción do novo treito, prolongou a concesión a Audasa por 25 anos máis, ata 2048. Tres anos despois, privatizouna.
A Ponte das Pías foi reconstruída en apenas dous meses, gañando ademais un carril en cada sentido, e na primavera xa se puido volver circular por ela. A obra foi no mesmo pack que a ampliación da autoestrada ata Ferrol, ratificada no devandito Real Decreto. A cambio deses novos 9 quilómetros e de manter como libre de peaxe o tramo Vigo-Teis-Puxeiros "para os vehículos que realicen movementos internos no mesmo", a concesión pasou a estenderse ata o 18 de agosto de 2048, medio século máis.
Esa prórroga foi considerada ilegal en 2021 pola Comisión Europea. As autoridades da UE estiman que o Estado debeu sacala a concurso e non adxudicala directamente a Audasa. O proceso está aínda aberto e pode acabar co Estado español ante os tribunais comunitarios.
A prolongación non foi, así e todo, a única decisión controvertida. Tres anos despois, en 2003, cando faltaban poucos meses para que entrase en servizo o novo tramo ata Ferrol (abriu o 15 de decembro daquel ano), o Goberno de Aznar privatizaba Audasa xunto ao resto de concesionarias do grupo público Empresa Nacional de Autopistas.
O adxudicatario da privatización das autoestradas estatais fora un consorcio de empresas participado ao 50% pola construtora Sacyr e, en porcentaxes inferiores, por entidades financeiras encabezadas polo Banco de Santander (20%) e mais as agora desaparecidas grandes caixas galegas, Caixa Galicia e Caixanova (20% cada unha). Tamén figuraba no accionariado Torreal, o fondo de investimento fundado polo empresario Juan Abelló. Por algo máis de 1.500 millóns de euros, o grupo levaba un substancioso negocio que no caso da AP-9, ademais, implicaba ademais unha autoestrada ampliada e coa concesión acabada de prolongar.
Un fito tamén para o primeiro xornal dixital en galego
A do Discoverer Enterprise foi a primeira gran cobertura xornalística de Vieiros.com, que viraría de vez en xornal coa catástrofe do Prestige
Alén do impacto do propio accidente na ría e na mobilidade de Ferrol e da súa comarca e tamén máis alá das devanditas decisións políticas en torno á ponte das Pías e ao novo treito da AP-9, o sinistro do Discoverer Enterprise tamén trouxera consigo un pequeno gran fito para Galicia, nomeadamente para o seu xornalismo. Aquel 13 de xaneiro de 1998 fixo mudar a historia de Vieiros.com, o barrio galego en Internet que aos poucos foran incorporando contidos informativos, pero que con aquel accidente desenvolveu o seu primeiro gran despregamento xornalístico.
"Había que cubrir a actualidade a pé de campo para os ferrolán espallados polo mundo. Nacía así a primeira edición local", escribían dende Vieiros, que ofrecera contidos como unha reportaxe fotográfica do fotoxornalista Kiko Delgado, toda unha innovación naqueles tempos no que o xornalismo dixital tiña case todo por escribir. Menos de media década despois outra catástrofe, a do Prestige, propiciaría o seu salto definitivo ao labor informativo para virar de vez no primeiro xornal dixital en galego.