Marcos Pérez Pena

Unha ducia de fitos na historia de Vieiros.com

Esta semana, ademais dos aniversarios do intento de Golpe de Estado e do nacemento de Rosalía, tivo lugar outra efeméride que se cadra pasou máis inadvertida. O 24 de febreiro de 1996, hai 25 anos, nacía Vieiros.com. Nos seus 14 anos de historia, ata o seu peche en 2010, o portal e xornal foi un medio pioneiro que abriu camiños na Internet galega. Repasamos algúns dos seus fitos e iniciativas.

  1. 01

    Os inicios, de item:)aga a Vieiros

    Cando naceu Vieiros, todo isto era campo. En efecto, cando botou a andar o 24 de febreiro de 1996, coincidindo co aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e da primeira emisión da Radio Galega, a Internet galega reducíase a unhas poucas webs persoais e aos inicios na rede da Universidade de Santiago. Vieiros rexistrou o primeiro dominio privado de Internet en Galicia.

    Vieiros foi unha iniciativa da empresa de comunicación ferrolá Item:)aga e naceu da man de dúas persoas: Lois Rodríguez e Daniel Romero. Concibiuse primeiro (xa na primavera de 1995) como un "índice de recursos de interese para Galicia". Isto é, un directorio ou buscador de conitidos web feitos en Galicia ou sobre Galicia, non moi diferente de Yahoo!, que nacera uns poucos meses antes.

  2. 02

    O nome

    A escolla do nome non foi casual. Vieiros tomouno da revista editada entre 1959 a 1968 polo Padroado da Cultura Galega en México, que "trazou unha ponte viva entre a xeración fanada pola guerra e a xente da resistencia antifranquista", como destacaba o propio Vieiros.com nun texto de presentación.

    "Os seus responsables, Luis Soto, Carlos Velo, Florencio Delgado Gurriarán, Arturo Souto ou Elixio Rodríguez, tiñan unha forma de entender Galiza que nos gusta, dende a radio, o cinema, a arte... Unha Galiza moderna, aberta a Portugal, feita dende o exilio e a emigración para unha comunidade única de galegos no mundo", sinalaban.

  3. 03

    The Galician District. Cando a Internet galega collía nunha páxina

    Vieiros naceu como o barrio galego en Internet, "the Galician district". Un directorio de webs organizadas por categorías (nese momento toda a Internet galega podía ser indexada), un buscador interno e un portal de acceso a un universo que estaba a despegar. Grazas a Vieiros, Galicia e o galego estiveron en primeira liña da revolución comunicativa que estaba a producirse. 

    Pouco a pouco Vieiros comezou a incorporar contidos e recursos propios, como a Galería, que daba a coñecer a obra e biografía dos artistas galegos, grupos de noticias, foros, unha tenda, un servidor de correo electrónico, e varios especiais temáticos, algúns xa directamente informativos, como o dedicado ás eleccións xerais do ano 1996. 

  4. 04

    Os chats

    Un deses contidos propios, absolutamente pioneiros da Internet galega e con poucos exemplos en todo o Estado, foron os chats realizados con múltiples persoeiros da cultura, a política, o deporte ou a universidade. Estas 'entevistas en comunidade' foron inauguradas o 23 de decembro de 1996 cunha conversa colectiva con Isaac Díaz Pardo

    O desenvolvemento do software libre en galego ou o camiño que levou a acadar o dominio .gal non se entenderían tampouco sen Vieiros, que tamén estivo presente no I Encontro sobre a Internet en Galicia, celebrado en Silleda en 1996, no primeiro congreso en liña de Galicia, o Lingua das Cantigas, ou retransmitindo online unha cobertura en directo do encontro Xuventude Galicia Net.

  5. 05

    O Discoverer Enterprise e o nacemento do xornal

    Vieiros.com foi introducindo cada vez máis contidos informativos, sobre todo a través de especiais, pero non se podía dicir aínda que fose un xornal. Con todo, xa dende xaneiro de 1997 fora publicando semanalmente as Cousas, a xeito de aglutinador periódico dos contidos que ía creando. A historia de Vieiros muda o 13 de xaneiro de 1998 co accidente do Discoverer Enterprise na Ponte das Pías que une Ferrol e Fene. "Había que cubrir a actualidade a pé de campo para os ferrolán espallados polo mundo. Nacía así a primeira edición local", escribían dende Vieiros.

    Nos tres anos seguintes Vieiros medraría ata contar con 30 colaboradoras e colaboradores fixos en toda Galicia e nas comunidades da emigración. Tamén con cada vez máis canais e seccións, coas que ademais daba voz a moitos colectivos e entidades.

  6. 06

    O Prestige e Nunca Máis en Vieiros

    O outro gran salto adiante de Vieiros a nivel informativo tivo lugar durante o desastre do Prestige e o nacemento do movemento Nunca Máis. O apagón informativo que tivo lugar nas primeiras semanas, a procura de fontes fiables noutros países e a necesidade de organizarse e de comunicarse por parte da sociedade converteu Vieiros nunha referencia.

    Nos anos seguintes o traballo xornalístico de Vieiros foi cada vez máis completo, destacando o seu papel e a súa cobertura en determinados acontecementos, como as protestas en Ferrol contra a entrada dos primeiros gaseiros en dirección a Reganosa.

  7. 07

    Mil primaveras máis e os especiais das letras

    Vieiros foi sempre unha referencia a nivel cultural, por exemplo a partir dos especiais que publicaba cada ano co gallo do Día das Letras Galegas ou a iniciativa 'Mil primaveras máis', con achegas de moitos autores e autoras e traducións.

    Outras iniciativas destacadas, vencelladas á lingua, foron o Trebellas ou Traballas, que afondaba e difundía o "vocabulario sexual galego" e relacionado con este, anos máis adiante, o certame Ferve a rede de microrrelatos eróticos.

  8. 08

    Por conto alleo

    Unha das iniciativas máis celebradas dos primeiros anos de Vieiros foi o experimento literario Por conto alleo, levado a cabo por Camilo Franco. Durante 50 días (e noites), os internautas que quixeron participar, enviaron dúas palabras que cada día a redacción de Vieiros seleccionaba e lle remitía ao autor, para que escribira (entre as sete da tarde e as 11 da mañá) un conto a partir delas. De aí xurdiu un libro, que se converteu no primeiro libro electrónico realizado en Galicia. 

  9. 09

    As persoas detrás de Vieiros

    Vieiros non se pode entender sen as persoas que durante os seus 14 anos de historia impulsaron o proxecto. Sobre todo sen a figura do seu fundador e propietario, Lois Rodríguez e mais a de Daniel Romero. E, ademais, sen as súas catro directoras e directores: Rocío Castro, Anxo Quintela, María Yáñez e Ramón Vilar. Vieiros, xa na súa sede compostelá da Rúa do Pombal, foi medrando, en paralelo coa empresa de desenvolvemento de proxectos web Acordar. Sería imposible nomear a todas as demais persoas que por alí pasaron, aínda que dende logo non pode quedar fóra Roberto Noguerol, xefe de redacción e columna vertebral do xornal durante anos.

  10. 10

    As eleccións do 2005 e outros especiais electorais

    Outro momento importante na historia de Vieiros (e de Galicia) foron as eleccións do ano 2005, que significaron a perda da maioría absoluta de Manuel Fraga e o goberno de coalición entre PSdeG e BNG. A cobertura que Vieiros fixo desas eleccións foi moi celebrada, acompañando os movementos e iniciativas que nese momento pulaban por un cambio político no país, como o Hai que Botalos

  11. 11

    Vieiros, sempre aberto ao mundo

    Outro dos aspectos polos que destacou Vieiros foi pola atención emprestada á información internacional, non sempre demasiado destacada nos medios galegos. Aí están, por exemplo, o Canal Mundo, xestionado polo Instituto Galego de Documentación Internacional, ou o Canal Lusofonía, ademais de moitos especiais dedicados a temas concretos, coma os foros sociais mundiais.

  12. 12

    Galicia olímpica

    Vieiros publicou ducias de especiais temáticos e emprestou atención a moitas áreas, dende a lusofonía, as novas tecnoloxías ou o ecoloxismo, pasando polos deportes. Moi celebrados foron os seus especiais olímpicos, nos que facía un seguimento destacado dos e das deportistas galegas.

  13. 13

    A Irmandiña

    Vieiros traballou durante anos a prol das seleccións deportivas galegas. Por fin, en decembro do ano 2006 tivo lugar a estrea (ou o retorno) da selección masculina de fútbol, cun histórico partido ante Uruguai no Estadio de San Lázaro. Aquel día repartiuse unha edición especial de Vieiros en papel, dedicada ao acontecemento. 

    Ademais, o xornal foi o responsable da escolla do nome para as seleccións galegas (aínda en uso). No ano 2007 Vieiros organizou un concurso entre os seus lectores e lectoras para a elección da denominación definitiva.

  14. 14

    A polo ghit

    Outro fito polo que se lembra a Vieiros foi a creación do concurso A polo Ghit, no que tamén colaboraba a Radio Galega, un concurso para a elección da canción galega do verán, e que se celebrou entre os anos 2006 e 2010. Pulpiño Viascón, Sacha na Horta, Boy Elliot, A Banda de Balbina e Sés foron os seus gañadores e gañadoras. No ano 2008 a canción gañadora representou a Galicia no Liet-Lavlut, o Euro-Festival de linguas minorizadas.

  15. 15

    Até sempre

    A historia de Vieiros chegou á súa fin o 24 de xullo do ano 2010, na véspera do Día Nacional de Galicia, por mor dos problemas económicos que arrastraba dende o ano anterior e nun contexto de peches de medios en galego. O xornal despediuse cun texto titulado "Até sempre" e no que o seu fundador e propietario, Lois Rodríguez, sinalaba que "tivemos a mesma forma de entender Galiza que aquela revista homónima do exilio liderada por Luís Soto: un país moderno e aberto ao mundo, sen complexos e con todo o futuro por diante".

    "Vieiros optou desde os seus comezos por converterse no medio de comunicación dunha sociedade que estaba por vir, pero que un día chegaremos a ser. Camiñar cara a realidade na que nos gustaría vivir implica non deixarse controlar. A nosa radical independencia trouxo custos. Vivimos nun país cun escaso nivel de cultura democrática, cun quefacer informativo moi centrado en persoas no canto de ideas ou procesos. Informar desde esa postura independente e poñer ideas enriba da mesa provocou problemas, incomprensións e mesmo ataques desde todas as opcións ideolóxicas", dicía outro dos textos de despedida.