Marcos Pérez Pena

Unha ducia de imaxes aéreas da Galicia dos anos 60 e 70 do século pasado

Moito cambiaron as cidades e vilas galegas nas últimas décadas. Nesta escolma de fotografías aéreas correspondentes ás décadas dos 60 e 70 do século XX pódese observar con gran detalle o aspecto que presentaban espazos ben recoñecibles aínda que moi transformados. Proceden dun fondo de 1.142 imaxes da empresa Fotografía Aérea y Terrestre S.L., que se poden consultar libremente no Arquivo Dixital de Galicia (Galiciana).

  1. 01

    A Coruña (1974)

    Moito cambiaron as cidades galegas nas últimas décadas, especialmente nos anos 60 e 70 do pasado século, un tempo no que recibiron importantes migracións dende outras zonas de Galicia e no que se construíron (case sempres de forma acelerada e con desleixo) novos barrios. 

    Nesta imaxe aérea pódese ver a entrada na Coruña pola Avenida da Vedra en 1974, coa estación de autobuses á dereita e a estación de tren á esquerda, e en primeiro termo o barrio de Elviña aínda pendente de construír. Tamén se pode observar, á dereita, o predio da Cubela no que unha década máis tarde se ergueu El Corte Inglés.

  2. 02

    Vigo (1974)

    Tamén estaba por facer unha parte importante do que hoxe é a cidade de Vigo. Por exemplo, nesta imaxe aérea pódese ver o inicio da construción da actual Casa do Concello, en 1974, situado ao pé do Castro e enriba da Fortaleza de San Sebastián.

  3. 03

    Santiago de Compostela (1964)

    Hai unhas semanas lembramos a mobilización estudantil que protestaba contra os elevados prezos dos alugueiros en Compostela en 1979. A década dos 60 e 70 foron anos de crecemento da Universidade de Santiago, que abriu novas facultades e incrementou notablemente o seu número de alumnos e alumnas. 

    Na imaxe aérea, correspondente ao ano 1964, pódese ver o aspecto que presentaba o Campus universitario (actual Campus Sur) e como o casco histórico da cidade estaba rodeado por unha contorna eminentemente rural.

  4. 04

    Pontevedra (1961)

    Tamén mudou a cidade de Pontevedra, que aínda non era cruzada pola AP-9. Nesta imaxe aérea pódese observar o aspecto que presentaba A Moureira, en primeiro plano, e a banda dereita do Lérez, moito menos construída que na actualidade.

  5. 05

    Lugo (1964)

    Nesta imaxe aérea de Lugo, en 1964, pódense ver aínda un gran número de vivendas adosadas á muralla e que foron derrbadas nos anos seguintes.

  6. 06

    Vilagarcía de Arousa (1965)

    Este é o aspecto que presentaba en 1965 a praia de Compostela, en Vilagarcía de Arousa.

  7. 07

    Santa Cruz, Oleiros (1971)

    En 1971 a Illa do Castelo, en Santa Cruz (Oleiros) aínda non estaba unida á costa por unha ponte peonil, como na actualidade. E o propio núcleo de Santa Cruz, hoxe moi poboado, tiña apenas unhas poucas decenas de casas.

  8. 08

    Foz (1968)

    En 1968 o centro de Foz tiña unha extensión moi inferior á actual, apenas un pequeno núcleo a carón do porto e da praia da Rapadoira e unha fileira de edificios a carón da estrada.

  9. 09

    Carballo (1977)

    O mesmo podemos dicir do pequeno casco urbano de Carballo en 1977, aínda dominado por casas baixas nas actuais Gran Vía e Praza de Galicia e ao redor do Mercados Municipal e da Casa do Concello

  10. 10

    Ribadavia (1970)

    A vila de Ribadavia secadra cambiou algo menos dende o ano 1970, pero abofé que o fixo, como se ve nesta imaxe tirada dende a outra beira do Río Avia, coa ponte do ferrocarril en primeiro termo.

  11. 11

    Bueu (1965)

    O litoral galego foi o que máis sufriu o ímpetu construtivo nas últimas décadas do século XX. Nesta imaxe aérea do casco urbano e do porto de Bueu en 1965 a vila ten aínda un tamaño moi reducido e practicamente non ía alén da actual Rúa de Pazos Fontenla

  12. 12

    Cambados (1970)

    Cambados en 1970 limitábase practicamente ao seu casco histórico, coa Torre de San Sadurniño en primeiro termo [fotografía inicialmente referenciada como O Grove, recollendo unha identificación errónea no arquivo de Galiciana]

  13. 13

    Boiro (1970)

    Tamén medraron moito todas as vilas do Barbanza, como se ve nesta imaxe aérea de Boiro en 1970, composto aínda por pequenos núcleos mariñeiros e algunhas factorías.

  14. 14

    Ourense (1965)

    Nesta imaxe aérea en branco en negro do centro histórico de Ourense en 1965, obsérvase en primeiro termo a Catedral e a Praza Maior, coa Casa do Concello. No horizonte unha cidade nova a medio construír.

  15. 15

    Vigo (1965)

    Tamén estaba en plena construción a Gran Vía de Vigo en 1965, nesta imaxe correspondente ao treito que leva á Praza de España dende o sur, co antigo Hospital Xeral (hoxe Cidade da Xustiza) á dereita.

  16. 16

    A Coruña (1964)

    E rematamos con outra imaxe da cidade da Coruña, neste caso da praia de Riazor en 1964, moito antes da construción do paseo marítimo, do pavillón polideportivo ou da actual estrutura do estadio de Riazor, que aínda conservaba a súa columnata orixinal.