Unha ducia de anacos da vida e da obra de Maruja Mallo
Maruja Mallo está de moda, por fin. A artista nacida en Viveiro, unha das máis grandes creadoras da Xeración do 27, protagoniza unha das exposicións do ano, Máscara y compás, que se pode ver no Museo Reina Sofía de Madrid ata o mes de marzo, comisariada por Patricia Molíns. A mostra, inaugurada en outubro, incluíu a alfombra efémera Cunchas e compás, confeccionada pola Asociación Cunchas e Flores de Bueu. Repasamos algúns anacos da súa fascinante vida e obra.
-
01Viveiro
Ana María Gómez González (Maruja Mallo) naceu en Viveiro o 5 de xaneiro de 1902. Sendo aínda unha nena a súa familia trasladouse a Avilés.
Na imaxe, unha placa de homenaxe na rúa na que naceu en Viveiro.
-
02Real Academia de Belas Artes de San Fernando
En 1922, con 20 anos, trasladouse a Madrid para estudar na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando onde permaneceu ata 1926. Alí relacionouse con artistas, escritores e cineastas como Salvador Dalí, Federico García Lorca, Margarita Manso, Luis Buñuel, María Zambrano ou Rafael Alberti.
-
03Primeira exposición
Neses anos traballou para numerosas publicacións literarias como La Gaceta Literaria, El Almanaque Literario ou Revista de Occidente e realizou portadas de varios libros. Ademais, Ortega y Gasset organizou unha exposición nos salóns da Revista de Occidente coas obras de Maruja Mallo. A exposición foi todo un éxito.
Imaxe: Retrato de Maruja Mallo en La Gaceta Literaria (1928) -
04'Verbena' (1927)
Neses anos Maruja Mallo relaciónase coas figuras máis destacadas da súa xeración, nomeadamente con Lorca, Dalí, Buñuel (co que tivo varios enfrontamentos), Alberti, Miguel Hernández ou Neruda. Tamén co grupo de intelectuais e creadoras que foron alcumadas "Las Sinsombrero": Concha Méndez, María Zambrano, Ernestina de Champourcín, María Teresa León, Josefina de la Torre, Rosa Chacel, Margarita Gil Rösset, Margarita Manso.
-
05Contacto co surrealismo
Unha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas permitiulle ir a París en 1932, onde entrou en contacto co surrealismo e con creadores como Max Ernst, René Magritte, Joan Miró, Giorgio de Chirico, André Breton e Paul Éluard.
-
06'Sorpresa del trigo' (1936)
Nas súas obras, destácase no texto introdutorio da exposición do Reina Sofía, "Mallo esfuma os límites entre o popular e o vangardista, entre estética e política. O popular non é para ela nostalxia rural nin mirada local, senón un territorio de conciliación e hibridación, contemporáneo e urbano".
-
07'Mensaje en en mar' (1937)
Regresa a Madrid en 1933, participa activamente na Sociedade de Artistas Ibéricos e inicia unha etapa na que destaca o seu interese pola orde xeométrica e interna da natureza. Traballa como profesora de debuxo e tamén na Escola de Cerámica, onde deseña unha serie de pratos que non se conservan.
Dali dixo dela que era "metade anxo, metade marisco" e Lorca escribiu: "Maruja Mallo, entre 'Verbena' e ''Espantajo' toda a beleza do mundo cabe dentro do ollo, os seus cadros son os que vin pintados con máis imaxinación, emoción e sensualidade"
-
08Exilio en Arxentina
O Golpe de Estado de 1936 colleuna en Galicia, onde estaba participando como mestra das Misións Pedagóxicas. Refuxiouse en Vigo na casa dun tío seu, onde viviu oculta durante sesis meses ata que foi quen de fuxir a Lisboa a través de Tui. Con axuda de Gabriela Mistral, embaixadora de Chile en Portugal, logrou viaxar a América, instalándose na Arxentina.
Imaxe: Maruja Mallo no seu estudio de Bos Aires, en 1939, coa súa obra 'El cabti de las espigas' no centro.
-
09Maruja Mallo: Cabeza de negra (1948)
Neses anos, incorpórase aos ambientes intelectuais de Arxentina e do conxunto de América Latina. Colaboró coa revista de vangarda Sur, viaxa por Uruguai e Chile, expón en Brasil e nos Estados Unidos e publica a obra Lo popular en la plástica española a través de mi obra.
En 1947 viaxa a Nova York, onde coñece a Andy Warhol. En 1948 a súa obra Cabeza de Negra gaña o I Premio Pictórico da II Exposición Neoyorkina.
-
10Traslado aos Estados Unidos
Nese ano 1948 realiza unha exposición a galería Carroll Carstairs de Nova York e un ano despois trasládase a vivir á cidade estadounidense. Nos anos seguintes expón en importantes galerías de París e Bos Aires.
Imaxe: Mural de Maruja Mallo no cine Los Ángeles de Bos Aires.
-
11'Dos máscaras en la playa' (1948-1955)
Nos seus anos de exilio, a artista inicia unha viaxe persoal cara á cosmografía e o universo e interésase polo "sincretismo relixioso americano e a súa diversidade racial, reflectidos nas diferentes interpretacións da máscara e nas monumentais cabezas que aparecen na serie Retratos bidimensionales".
-
12O regreso a España, un segundo exilio
Dise que o seu regreso a España, en 1965, foi un segundo exilio. O seu carácter, as súas ideas e a súa obra non casaban co ambiente social da ditadura. Con todo, reincorpórase á vida cultural interior, realiza algunha exposición e retoma o traballo de viñetas para a Revista de Occidente.
Imaxe: Ilustración de Maruja Mallo realizada por Bea Gregores
-
13
Redescuberta
A Transición significou unha certa redescuberta da súa figura e das súas creacións. En 1979 realizouse unha exposición antolóxica da súa obra, na que amosou cadros da súa última serie pictórica, 'Los moradores del vacío'.
Na rede pódense atopar dúas completas entrevistas en TVE realizadas por Paloma Chamorro en 1979 e por Joaquín Soler Serrano en 1980.
-
14Recoñecementos no final da súa vida
Na década dos 90, pouco antes do seu falecemento, chegaron finalmente os recoñecementos, como a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes. En 1993 inaugurouse o CGAC cunha exposición monográfica da súa obra. Dous anos despois, en 1995, Maruja Mallo falecía.
Unha ducia de exposicións históricas do CGAC para percorrer os seus 30 anos