Unha ducia de rostros de Rosalía de Castro, máis dun século convertida en icona
Pouco antes do Nadal, a Cátedra Rosalía de Castro da USC lanzou o primeiro museo en liña de iconografía rosaliana, resultado do traballo de Laura Camino. A aplicación permite acceder a un percorrido virtual polas representacións da escritora desde o século XIX ata os nosos días, permitindo analizar a súa condición de mito en continua reconfiguración, capaz de adaptarse ás necesidades simbólicas e afectivas de cada época. Das primeiras fotografías e retratos ata as posteriores reinterpretacións dun rostro que leva máis dun século convertido en icona.
-
01Rosalía, moza
Rosalía naceu en 1837. A fotografía era un enxeño novísimo e aínda en proceso de popularización -a primeira foto data de 1826-. Porén, contamos con algunhas imaxes da Rosalía moza, por exemplo esta realizada por Louis Encausse no seu estudio.
-
02Por María Cardarelly, en 1865
Ou estoutra, realizada en 1865 por María Cardarelly, unha fotógrafa nacida en Zaragoza en 1845 e que foi unha das primeiras mulleres en ter estudo fotográfico propio en España e, dende logo, a primeira en Galicia.
En total, coñecemos unhas cinco fotos de Rosalía anteriores a 1867, antes de que a poeta chegase aos trinta anos.
-
03Por Sellier, entre 1871 e 1875
Despois deses primeiros retatos, chegamos á fotografía máis icónica de Rosalía, tirada nalgún momento entre os anos 1871 e 1875 por Luis Sellier no seu estudio da Coruña. Como destaca Laura Camino nun dos textos da exposición, "desde o punto de vista iconográfico, e especialmente trala morte de Rosalía, esta fotografía desempeñou un papel decisivo na construción da imaxe da autora como figura melancólica, mártir e, en última instancia, beatificada"
-
04Por Modesto Brocos en 1880
De Rosalía contamos tamén con algúns retratos pictóricos. O máis importante é este realizado en 1880 por Modesto Brocos, cinco anos antes do falecemento da escritora. É, en realidade, o único retrato de Rosalía pintado en directo. Contaba neste momento con 43 anos, xa non é unha moza, senón unha muller entrando na súa madurez. Laura Camino destaca que "sería esta, por tanto, a imaxe verdadeira ou vera effigies de Rosalía na súa madurez".
Camino sinala, ademais, que "non deixa de ser sorprendente que, sendo o único retrato feito en vida, non fose máis reproducido" e apunta que "Rosalía era muller e escritora, e como tal, o seu aspecto físico estivo sometido á avaliación pública e ás vontades dos poderes institucionais".
-
05Derradeira fotografía de Rosalía, coa súa familia, en 1884
A derradeira fotografía de Rosalía foi tirada o 1 de xullo de 1884, un ano antes do seu falecemento. Trátase dun retrato familiar realizado por Juan Palmeiro na Casa da Matanza, en Padrón. A partir dese momento non contamos con imaxes novas da poeta, á que non vemos envellecer, pero si con numerosas e constantes reinterpretacións da imaxe de Rosalía.
-
06Rosalía de Castro xacente (1885)
Si contamos cun fermoso cadro realizado en 1885 polo seu fillo Ovidio Murguía de Castro, Rosalía de Castro xacente, no que retrata á súa nai, que vén de falecer.
-
07Retrato de Rosalía en 1902 a cargo de Antonio Portela Paradela
A máis importante das reinterpretacións posteriores é a que en 1902 leva a cabo Antonio Portela Paradela, que realiza un debuxo a carbón a partir da icónica fotografía de Sellier, pero modificando notablemente a imaxe de Rosalía e cun obxectivo moi claro, como explica Laura Camino: "crear unha icona que simbolizara o mito que se estaba fornecendo ao redor de Rosalía como figura central do país".
Había imaxes de Rosalía, pero para Portela Paradela o retrato de Sellier transmite "languidez, resignación, febleza e melancolía" e o de Brocos unha excesiva seriedade e severidade. De xeito, que modifica a primeira para crear unha das imaxes que máis se asentou no tempo.
-
08Billete de 500 pesetas coa efixie de Rosalía
Por exemplo, esta é a imaxe que se incluíu a partir de 1979 nos billetes de 500 pesetas.
O deseño, realizado por Pablo Sampedro, foi finalmente o que viu a luz, mais existiron outros proxectos que non chegaron a ser aprobados e que se conservan no Museo Casa de la Moneda.
-
09Retrato de José Fenollera (1899)
Con todo, non foi a de Portela Paradela a única reinterpretación posterior que se fixo da imaxe dunha Rosalía convertida xa en símbolo, en mito e en icona. En 1899 José Fenollera debuxa este retrato, no que eleva á poeta aos loureiros da escrita.
-
10Retrato de Máximo Ramos (1914)
Ou estoutro, realizado por Máximo Ramos en 1914 e conservado na Real Academia Galega. Fernando Cortés, Julio Monasterio Rodil, Antonio Solís Ávila ou Ricardo Camino asinaron neses anos outros debuxos ou pinturas nas que retrataban á poeta.
-
11Retrato de Manuel López Garabal (1970)
Contamos tamén con este retrato, realizado por Manuel López Garabal en 1970 a partir dunha fotografía da Rosalía moza. Trátase dunha representación que transforma enormemente a imaxe da poeta e que na actualidade se pode ver na Facultade de Ciencias da Educación da USC.
-
12A 'Rosalía pop'
E así chegamos ás reinterpretacións actuais, nas que Rosalía mesmo se converte nun símbolo pop, nesta creación de Rei Zentolo do ano 2004 con tanto éxito e tan boa acollida, e que parte da fotografía orixinal de Sellier.
Laura Camino destaca que "a estratexia de mercantilización da súa figura, transformada en emblema de produtos comerciais, remóntase a tempo atrás. Así, por exemplo, consérvase unha tarxeta publicitaria de 1920 na que aparece o busto da escritora asociado á marca Ceregumil, que se anunciaba como 'el mejor alimento para ancianos, niños y convalecientes"
-
13Rosalía superheroína
Nos últimos anos, as imaxes e reinterpretacións de Rosalía multiplícanse, desde campañas institucionais ata obras artísticas ou produtos comerciais, "o que reflicte a súa vixencia simbólica, pero tamén a complexidade das interpretacións que se xeran arredor dela". Laura Camino sinala que "tal variedade, aínda que evidencia a forza do seu legado, tamén suscita preguntas sobre os límites entre homenaxe, reinterpretación e apropiación".
Neste caso, temos unha Rosalía superheroína, unha ilustración obra de Xiana Iglesias, socia traballadora de MaOs Innovación Social, que amosa unha autora empoderada e polo tanto feminista, que neste caso se identifica tamén coa potencia da cultura do país.
-
14Rosalía, cuqui
Outra interpretación de Rosalía, en clave cuqui, é a que realiza Animosa, que crea unha Rosalía "vitalista, alegre e chea de vida" para reproducila en libretas, marcapáxinas e outros elementos, achegando unha escritora accesible e dulcificada.
"Para nós, Rosalía é unha referente. Inspirámonos nela para crear, porque nos transmite forza e conexión co noso. Usamos os seus poemas e palabras en ilustracións nas que tamén buscamos achegala ao cotián da vida galega, amosando unha Rosalía próxima e vital", explica Animosa nun texto que Laura Camino incorpora á exposición.
-
15Rosalía, nena
Temos, mesmo, unha Rosalía nena, a pesar de que nunca vimos un retrato dela na súa infancia. Porén, podemos imaxinala para esta obra de teatro de Fina Calleja ou para o disco Rosalía pequeniña de Uxía Senlle.
-
16As Rosalías, de Yoseba MP
Unha das máis recentes reiterpretacións ten forma de mural é foi realizada por Yoseba MP en Bertamiráns, Milladoiro ou Baio. O autor parte da imaxe de Portela, que superpón a corpos femininos, "xerando un xogo de infinitas posibilidades iconográficas", pois "deste xeito, a figura de Rosalía pode identificarse con calquera muller", explica Laura Camino. Rosalía infinita, pois.