Rosalía, icona: un paseo virtual por un mito en continua reconfiguración

Museo virtual de iconografía rosaliana © Cátedra Rosalía de Castro

A Cátedra Rosalía da Universidade de Santiago vén de lanzar o primeiro museo en liña de iconografía rosaliana, resultado do traballo de Laura Camino

A Cátedra Rosalía da Universidade de Santiago vén de lanzar o primeiro museo en liña de iconografía rosaliana. A ferramenta é resultado do proxecto “Rosalía 2.0: catalogación, estudo e dixitalización da iconografía sobre Rosalía de Castro”, un traballo desenvolvido durante 2024-2025, grazas a unha bolsa de investigación en humanidades da Deputación da Coruña, por Laura Camino Plaza. 

A aplicación permite acceder por primeira vez a un percorrido virtual polas representacións da escritora desde o século XIX ata os nosos días, permitindo analizar a súa condición de mito en continua reconfiguración, capaz de adaptarse ás necesidades simbólicas e afectivas de cada época. O museo está dirixido tanto ao público xeral como á comunidade académica e pensado como un proxecto vivo e colaborativo ao que se poden incorporar novas pezas.

A ferramenta permite acceder por primeira vez a un percorrido virtual polas representacións da escritora desde o século XIX ata os nosos días, permitindo analizar a súa condición de mito en continua reconfiguración

Cedido para a súa preservación e difusión á Cátedra Rosalía de Castro da USC, este museo reúne e fai accesible material visual fundamental para comprender como se representou e conmemorou a imaxe da autora ao longo do tempo. 

Trátase do primeiro espazo dixital integramente dedicado á iconografía rosaliana, pensado tanto para a investigación como para a divulgación e a educación patrimonial. Para garantir unha experiencia óptima, recoméndase visitar este museo virtual desde un dispositivo de sobremesa.

O percorrido organízase en torno a un extenso e heteroxéneo corpus de fontes visuais que abrangue desde o século XIX ata a actualidade, o que permite rastrexar distintos réximes de representación e estratexias de memorialización arredor da autora. A posibilidade de incorporar novas pezas garante que o museo permaneza como un proxecto vivo e colaborativo.

Powered by emaze

A dimensión emocional e identitaria da iconografía rosaliana explica a permanencia da autora no imaxinario galego, onde funciona como elemento cohesivo dunha comunidade cultural diversa e mesmo transnacional 

Entre as conclusións da investigación, destaca a pluralidade de imaxes de Rosalía de Castro, que revela a súa condición de mito en continua reconfiguración, capaz de adaptarse ás necesidades simbólicas e afectivas de cada época. Por outra banda, a dimensión emocional e identitaria da iconografía rosaliana explica a permanencia da autora no imaxinario galego, onde funciona como elemento cohesivo dunha comunidade cultural diversa e mesmo transnacional. 

Finalmente, o percorrido proposto no museo virtual permite analizar o papel das institucións e do mercado cultural na consolidación, homenaxe e reapropiación da imaxe da escritora, facendo visibles as lóxicas institucionais e as estratexias de mercantilización que interveñen na canonización da autora e na reformulación estética e simbólica da súa representación iconográfica.

A súa autora, Laura Camino Plaza, é filóloga clásica e doutora en Estudos da Literatura e da Cultura pola USC. Especializouse en estudos de xénero, teoría e historia das emocións e humanidades dixitais, ámbitos nos que desenvolveu varios proxectos de investigación e publicou diversos artigos. O seu proceso de traballo para este proxecto combinou metodoloxías tradicionais de análise documental coa aplicación de ferramentas dixitais, demostrando a utilidade de integrar enfoques interdisciplinares no estudo do patrimonio literario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.