O corpo errante convida a "recoñecer o exilio como unha memoria compartida, que non pertence unicamente a quen o viviu directamente, senón tamén ás familias e ás xeracións que recibiron e mantiveron vivo o seu legado"
Dende este mércores pódese ver no Museo do Pobo Galego O corpo errante. Exilio español 1939-1975, unha mostra que percorre as pegadas do exilio republicano a través de obxectos, imaxes, cartas e outros documentos que gardan a memoria das persoas obrigadas a abandonar o seu país e o esforzo por manter vivos os vínculos afectivos, familiares e ideolóxicos a pesar da distancia. A exposición permanecerá ata o vindeiro 14 de marzo.
A mostra é resultado dun traballo de investigación de longo percorrido desenvolvido polo equipo de Mapas de Memoria do CIEMEDH (Centro de Estudos de Memoria e Dereitos Humanos da UNED). Organizada polo Museo do Pobo Galego, conta co patrocinio da Secretaría de Estado de Memoria Democrática e está comisariada polos profesores Jorge Moreno Andrés e Julián López García.
Con este percorrido, O corpo errante convida a "recoñecer o exilio como unha memoria compartida, que non pertence unicamente a quen o viviu directamente, senón tamén ás familias e ás xeracións que recibiron e mantiveron vivo o seu legado". Poderase visitar de martes a sábado de 11 a 18 horas e domingos e festivos, de 11 a 14 horas. Os luns permanecerá pechada.
A mostra, inaugurada este mércores, poderase visitar ata o vindeiro 14 de marzo
A exposición propón unha mirada ao exilio que vai máis alá dos grandes acontecementos históricos para deterse nas vivencias particulares e nos vínculos que sobreviviron á distancia. Un home que se disfrazou de turista para encontrar a súa muller sen levantar sospeitas, unha nai que escribiu máis de 1.500 cartas ao seu fillo exiliado en México ou un fillo que cruzou a fronteira francesa na procura do seu pai, guiado unicamente por un retrato, son algunhas das historias que dan forma a este percorrido.
A mostra artéllase en seis partes, que buscan a participación da persoa visitante e convidan a achegarse á memoria do exilio desde a experiencia directa.
A exposición propón unha mirada ao exilio que vai máis alá dos grandes acontecementos históricos para deterse nas vivencias particulares e nos vínculos que sobreviviron á distancia
Entre liñas detense na comunicación entre as persoas separadas polo exilio e nas dificultades para manter o contacto nun contexto de censura e vixilancia. Cartas perdidas ou interceptadas, mensaxes cifradas e palabras que ocultaban outros significados dan conta das estratexias empregadas para sortear o control e manter vivos os vínculos familiares e políticos.
Un millón de palabras recolle a historia de María Fernández Grandizo, que durante corenta anos, desde finais da década de 1950 ata mediados dos anos noventa, escribiu ao seu fillo Manolo Laguna, exiliado en México, máis de 1.500 cartas. Documentos que permiten seguir a relación entre ambos, os cambios na súa vida cotiá e a evolución dos acontecementos políticos e sociais.
Un home que se disfrazou de turista para encontrar a súa muller sen levantar sospeitas, unha nai que escribiu máis de 1.500 cartas ao seu fillo exiliado en México ou un fillo que cruzou a fronteira francesa na procura do seu pai, guiado unicamente por un retrato, son algunhas das historias que dan forma a este percorrido
Unha tenda de souvenirs convídanos a mirar a cara B das imaxes turísticas de España nas décadas dos sesenta e setenta. Ao outro lado contrapón o relato idealizado con audiovisuais sobre o desterro, o encontro coas comunidades exiliadas e os retornos difíciles.
A exposición detense tamén no valor dos obxectos como depositarios da memoria. En As pequenas cousas, fotografías, cartas, prendas, documentos e recordos conservados ás agochadas durante o franquismo e gardados durante décadas nas casas familiares, revelan historias de represión, afectos e resistencia. Elementos que, malia a súa aparente sinxeleza, permitiron preservar unha parte das vidas e das ideas que a violencia política tratou de silenciar.
A mostra artéllase en seis partes, que buscan a participación da persoa visitante e convidan a achegarse á memoria do exilio desde a experiencia directa
Un espazo sonoro reúne seis voces de mulleres, conservadoras e transmisoras dos recordos. O tecido e a memoria pon en valor ese traballo familiar e cotián, moitas veces pouco visible, que contribuíu a manter vivas as historias do exilio e a transmitilas ás seguintes xeracións.
A exposición culmina nun faiado, a metáfora do lugar onde as persoas exiliadas conservaban todas aquelas cousas que non querían esquecer. O exilio nun faio explora as formas de mestizaxe cultural que xurdiron nas familias exiliadas, especialmente en México, a través dos xogos, os libros, as cancións, os alimentos e os costumes que contribuíron a construír novas formas de pertenza entre dous territorios.