A Coruña torna en cidade de Memoria Democrática

A serie pódcast Falamos de Memoria, producida pola Fundación Praza Pública coa colaboración de 50 en Liberdade, explica a historia de varios dos lugares de memoria da Coruña CC-BY-NC-SA Praza.gal

A Coruña, cidade de memoria. O BOE (Boletín Oficial do Estado) publicou este xoves o acordo de incoación do procedemento de declaración de Lugar de Memoria Democrática para a cidade e, máis concretamente, para as localizacións da Península da Torre, Punta Herminia e Campo da Rata; Casa Cornide; e a Casa Museo Casares Quiroga. 

O Estado recoñece e protexe a Península da Torre, Punta Herminia e Campo da Rata; Casa Cornide; e a Casa Museo Casares Quiroga

A cidade, e estas zonas en concreto, será incluída así (agora provisionalmente e logo de maneira oficial) nese conxunto de lugares que son recoñecidos e protexidos pola súa singular relevancia "histórica, simbólica ou pola súa repercusión na memoria colectiva" en relación coa "memoria democrática, a loita polos dereitos e liberdades, a memorias das mulleres, a represión e a violencia pola resistencia ao golpe de Estado, a guerra, a ditadura, o exilio e a loita pola recuperación e afondamento dos valores democráticos". 

É o último paso antes da declaración oficial da Coruña como Lugar de Memoria Democrática, un recoñecemento que en Galicia xa posúe Ferrol, o Pazo de Meirás e a Illa de San Simón e polo que agarda tamén o Vello Cárcere de Lugo

Precisamente, todos os lugares recoñecidos agora na Coruña, e algúns máis, son protagonistas do podcast Falamos de Memoria, unha serie de reportaxes sonoras que percorren diferentes espazos da Coruña e da súa contorna para recuperar historias vinculadas á II República, á resistencia antifascista, á represión franquista e á memoria democrática. 

O podcast 'Falamos de Memoria', producido pola Fundación Praza Pública, recupera historias da resistencia, da memoria e da represión na Coruña e dedica varios aos espazos agora protexidos

Producido pola Fundación Praza Pública coa colaboración do Comisionado para a Celebración dos 50 Anos de España en Liberdade, está formado por dez episodios que se veñen publicando semanalmente neste último trimestre do ano. Todos eles comezan coa creadora de contido Prado Rúa presentándonos in situ o espazo sobre o que versa o capítulo. 

Neles inclúense as reportaxes dedicadas ao cárcere da Coruña e outra ao Campo da Rata, nas proximidades da Torre, e tamén os que se centran na Casa Museo Casares Quiroga e na Casa Cornide, os outros espazos que agora protexe e reivindica o Estado con esta declaración. 

A resolución da Dirección Xeral da Promoción da Memoria Democrática, asinada o pasado 20 de novembro, 51º aniversario da morte do ditador Francisco Franco, argumenta a declaración de todos estes espazos como parte do Lugar de Memoria Democrática  a través dun repaso histórico da represión fascista e da loita democrática nunha cidade onde, lembra, o golpe "impúxose con rapidez aínda que non sen resistencia". 

Segundo di, a consideración da cidade como Lugar de Memoria Democrática, articulada a través destes espazos e do acontecido neles, "permite interpretar conxuntamente diferentes manifestacións dun mesmo proceso histórico", desde a "represión e a eliminación física" na contorna da Torre, ata a "apropiación patrimonial e a utilización dos resortes do poder público en beneficio de intereses privados" na Casa Cornide, pasando pola "persecución política, familiar e patrimonial e as consecuencias do exilio" sufrida por Casares Quiroga e os seus. 

Os espazos elixidos permiten "interpretar conxuntamente" varias manifestacións dun proceso histórico: represión, apropiación patrimonial, persecución e exilio

Configúrase así un "conxunto coherente de espazos capaces de explicar, dentro da propia trama urbana da Coruña", a quebra da orde democrática, a represión, a persecución política, familiar e patrimonial dos vencidos e as prácticas e apropiación e utilización do poder para intereses particulares. "O recoñecemento conxunto permite preservar e transmitir a memoria destes feitos e, de maneira singular, dignificar aos que padeceron a violencia e a represión pola súa defensa da democracia e da liberdade".

Prado Rúa inicia o episodio 2 de Falamos de Memoria percorrendo a Casa Museo Casares Quiroga e claves da súa historia

Con esta resolución procédese a anotar estes espazos preventivamente no Inventario de Lugares de Memoria Democrática e a aplicación do réxime de protección previsto que, nestes casos, instan o titular a manter as "medidas xerais de garantía de perdurabilidade, así como evitar a remoción o desaparición de vestixios erixidos na lembranza e recoñecemento de feitos representativos da memoria democrática e da loita da cidadanía española polos seus dereitos e liberdades". 

Agora, o expediente terá que resolverse e notificarse nun prazo máximo de doce meses. 

En detalle, o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, sinala a contorna de Punta Herminia e o Campo da Rata, próximos á Torre de Hércules, como "un dos principais espazos vinculados á represión franquista". Lembra que os fusilamentos comezaron na zona o 24 de xullo de 1936, con execucións de persoas condenadas por tribunais militares ou vítimas de asasinatos extraxudiciais, moitos deles sacados da achegada Prisión Provincial. 

O espazo, "coa recuperación das liberdades democráticas", foi adquirindo "unha nova significación, vinculada á lembranza e homenaxe ás vítimas", di o documento, en referencia aos Menhires pola Paz, ao monumento de Isaac Díaz Pardo ou ao memorial Xermolos da Paz. "O espazo reúne os lugares onde se materializou a violencia represiva cos elementos memoriais posteriormente erixidos para o recordo e dignificación das súas vítimas", di. 

Unha imaxe da Casa Cornide tomada en 1917 por Georges Chevalier CC-BY-NC-SA Georges Chevalier / Museo Albert Kahn

Ademais destes espazos, a resolución xustifica a inclusión da "casa situada no número 12 da rúa Panadeiras" entre os lugares a protexer por estar "estreitamente vinculada a Santiago Casares Quiroga, unha das figuras máis destacadas do republicanismo galego e da política española durante a Segunda República". 

"Outra dimensión da ditadura"

O documento fai un repaso da súa figura e da represión sufrida por el e pola súa familia. "Permite observar como a represión franquista transcendeu o propio adversario político para proxectarse sobre os seus familiares, o seu patrimonio e a súa memoria", lembra. 

Por último, da Casa Cornide a resolución explica que o seu caso "permite aproximarse a outra dimensión da ditadura: as relacións entre o exercicio do poder político, o patrimonio público e os intereses privados da familia Franco". E lembra que a operación irregular e fraudulenta para que o ditador e os seus se fixesen coa vivenda "presenta importantes similitudes coa do Pazo de Meirás". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.