Ferrol xa é Lugar de Memoria democrática como exemplo de "resistencia ante o fascismo"

Arsenal de Ferrol e estaleiro de Navantia CC-BY-SA Praza Pública

O Boletín Oficial do Estado (BOE) deste luns publica a resolución da Secretaría de Estado de Memoria democrática que declara Lugar de Memoria democrática a cidade de Ferrol

O Boletín Oficial do Estado (BOE) deste luns publica a resolución da Secretaría de Estado de Memoria democrática que declara Lugar de Memoria democrática a cidade de Ferrol. O procedemento iniciárase hai case un ano destacando que "malia a violencia sufrida, mantivo viva a súa tradición de loita obreira e de resistencia ao longo do tempo" e sinalando unha longa lista de espazos emblemáticos vinculados a esta memoria. 

A declación recoñece a historia dunha cidade marcada pola resistencia fronte ao golpe militar de 1936, a represión franquista e a loita organizada da súa clase traballadora. A cidade únese así a unha listaxe da que xa forman parte o Pazo de Meirás ou a Illa de San Simón e á que aspiran localizacións como o Vello Cárcere de Lugo ou a península da Torre de Hércules, na Coruña, entre outras. 

A declaración destaca que "malia a violencia sufrida" a cidade "mantivo viva a súa tradición de loita obreira e de resistencia ao longo do tempo" e sinala unha longa lista de espazos emblemáticos vinculados a esta memoria

A resolución deste luns percorre a historia de Ferrol dos últimos dous séculos, especialmente a partir de 1936, subliñando nela a importancia que tiveron o movemento obreiro e o republicanismo, que explican a forte resistencia exercida contra a sublevación militar do 18 de xullo e a feroz represión posterior. Destácase, ademais, que "a pesar da violencia sufrida, Ferrol mantivo viva a súa actividade política, social e obreira durante as décadas posteriores", salientando a mobilización obreira contra a ditadura e os sucesos do 10 de marzo de 1972.

O BOE detalla unha vintena de espazos que simbolizan esta historia de represión e resistencia, dende o lugar no que Moncho Reboiras foi asasinado en 1975 ("un verdadeiro exemplo de resistencia ante o fascismo e loita pola liberdade") ata o Monumento do 10 de marzo de 1972, que conmemora a represión sufrida polos traballadores do naval durante as mobilizacións daquel ano. "Este episodio, considerado un dos fitos do movemento obreiro antifranquista, simboliza a continuidade entre as loitas republicanas, a resistencia durante a ditadura e a conquista das liberdades democráticas na Transición", sinálase.

A folga do 10 de marzo de 1972 e a súa represión pola ditadura, "un dos fitos do movemento obreiro antifranquista", simboliza "a continuidade entre as loitas republicanas, a resistencia durante a ditadura e a conquista das liberdades democráticas na Transición", sinálase.

Outro deses espazos é o cemiterio de Canido, escenario de moitas das execucións nos meses posteriores ao Golpe de Estado. Alí se atopa o Monumento Memorial de Canido, inaugurado en febreiro de 2024 e que recolle os nomes de 904 persoas asasinadas pola ditadura franquista entre 1936 e 1975 nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. E igualmente, o Castelo de San Felipe, prisión militar, ou o camposanto de Serantes, que acolle unha das meirandes foxas comúns de executados polo Franquismo, e no que se está a traballar para a recuperación dos restos das persoas asasinadas.

A resolución tamén salienta que Ferrol é "depositaria dunha profunda tradición progresista e intelectual", con nomes coma os de Concepción Arenal, Ricardo Carvalho Calero, Pablo Iglesias Posse ou o mestre García Niebla.

Monumento ás vítimas do Dez de Marzo de 1972 CC-BY-NC-ND CIG

"O recoñecemento institucional debe contribuír a que ningunha vítima quede relegada ao esquecemento e a que as novas xeracións poidan achegarse a esta historia con rigor, coñecemento e respecto", destacan as entidades que iniciaron o proceso

Nun comunicado conxunto, o Ateneo Ferrolán, e as asociacións Ferrolterra Antiga, Fuco Buxán, López Bouza e Memoria Histórica Democrática celebraron a publicación da resolución que fai oficial a declaración da cidade como Lugar de Memoria democrática, resultado da solicitude presentada por estas entidades hai ano e medio.

"Trátase dun recoñecemento de extraordinaria relevancia histórica, social e democrática, que permite situar no lugar que lles corresponde ás vítimas da represión, a quen defendeu as liberdades e ás xeracións de traballadores e traballadoras que fixeron da organización colectiva, a solidariedade e a loita polos dereitos humanos unha parte fundamental da identidade de Ferrol", destacan.

A declaración "permite situar no lugar que lles corresponde ás vítimas da represión, a quen defendeu as liberdades e ás xeracións de traballadores e traballadoras que fixeron da organización colectiva, a solidariedade e a loita polos dereitos humanos unha parte fundamental da identidade de Ferrol"

E engaden que "esta declaración non se limita a un acontecemento, a un monumento ou a un espazo concreto. É a memoria dunha cidade enteira, das súas xentes, do movemento cultural e veciñal, das súas loitas e das pegadas que deixaron quen se enfrontou á inxustiza e á ausencia de liberdades".

O comunicado remata reclamando que "as políticas públicas de memoria conten coa participación activa das asociacións memorialistas, o Consello Municipal da Memoria, as organizacións sindicais, as familias das vítimas, as persoas investigadoras, a comunidade educativa e o conxunto da sociedade civil". Sinalan, neste senso, que "a Memoria Democrática constitúe unha ferramenta educativa de primeira orde para comprender mellor a orixe dos dereitos e liberdades actuais, e a necesidade de protexelos e amplialos". 

"O recoñecemento institucional debe contribuír a que ningunha vítima quede relegada ao esquecemento e a que as novas xeracións poidan achegarse a esta historia con rigor, coñecemento e respecto", engaden.

Asistentes á inauguración do memorial dedicado ás vítimas do franquismo en Ferrolterra en febreiro de 2024 © Isabel Ares

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.