O memorial recolle os nomes de preto de mil persoas asasinadas pola represión do fascismo nos meses que seguiron ao Golpe de Estado de 1936 e durante a ditadura franquista
Este sábado inaugurouse en Ferrol o monumento en homenaxe ás vítimas do Franquismo en Ferrolterra, Eume e Ortegal, un memorial que recolle os nomes de preto de mil persoas asasinadas pola represión do fascismo no Golpe de Estado de 1936 e nos meses seguintes e durante a ditadura franquista. A relación de nomes procede da investigación levada a cabo por Xosé Manuel Suárez e Bernardo Maiz e que se pode consultar na web do Concello de Ferrol.
A pesar da chuvia e do forte vento que azoutaban a parte alta de Ferrol, o acto foi multitudinario, coa presenza destacada de familiares das vítimas, que en moitos casos levaban fotografías de gran tamaño dos seus devanceiros asasinados polo réxime.
“Este é un acto de xustiza, de reconciliación de Ferrol consigo mesmo”, afirmou Xosé Manuel Suárez na súa intervención. Mentres que Bernardo Máiz lembrou que "o réxime comezou e rematou do mesmo xeito, matando os fillos das clases medias e traballadoras”, en referencia aos asasinatos posteriores ao Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 e á represión exercida no 10 de marzo de 1972.
“Este é un acto de xustiza, de reconciliación de Ferrol consigo mesmo”, afirmou o historiador Xosé Manuel Suárez na súa intervención
O memorial, realizado polo escultor Manuel Patinha, érguese no parque Antón Varela do barrio de Canido, preto da tapia do antigo cemiterio de Canido, lugar onde decenas de persoas de ideoloxía esquerdista e republicana foron fusiladas dende o verán de 1936. A súa inauguración pecha un longo proceso dende que a homenaxe foi proposta no ano 2007. Dende entón en tres ocasións o pleno do Concello de Ferrol aprobou a súa construción nos anos 2017, 2020 e 2021, sen recibir votos en contra.
"Estes homes e mulleres que viviron o terror imposto por unha ditadura atroz e sufriron persecución e represalias e que a pesar do enorme risco, loitaron e deron a vida polos valores democráticos, pola liberdade e en contra do fascismo merecen o noso recoñecemento", destacouse nesta última moción, presentada por Ferrol en Común e BNG e defendida por Anxo Ferreiro Currás. Finalmente, en abril do pasado ano o Goberno local anunciou a execución do proxecto.
O acto foi multitudinario, coa presenza destacada de familiares das vítimas, que en moitos casos levaban fotografías de gran tamaño dos seus devanceiros asasinados polo réxime
O acto de inauguración do memorial contou coa presenza do alcalde de Ferrol e dun gran número de concelleiros e concelleiras da cidade naval, pero tamén de rexedores e edís dos concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal (interviron os alcaldes de Ferrol, Ortigueira e Pontedeume e a alcaldesa de Narón). Ademais, estiveron presentes familiares das vítimas e representantes da Comisión Pro Memorial e da asociacións Memoria Histórica Democrática.
A homenaxe abriuse coa intervención de José Ponte Far, concelleiro de Cultura de Ferrol e de Antonio Blanco Carballo, representante da Comisión Pro Memorial. A continuación Anxo Ferreiro Currás ( crego -secularizado dende hai anos- que en marzo de 1972 foi encarcerado polas súas críticas á represión do réxime contra os obreiros ferroláns) leu o poema 'Como pudemos viver' de Carvalho Calero como mención póstuma a Vicente Couce, promotor desta iniciativa, e finado hai ano e medio. "Como pudemos viver? Os olhos múltiplos e insones de Medusa fixos em nós à espreita. As bocas das metralhetas apontando-nos (...) Como pudemos viver? E mais vivêmos", di o poema.
Anxo Ferreiro Currás leu o poema 'Como pudemos viver' de Carvalho Calero
O acto continuou coa intervención dos historiadores Xosé Manuel Suárez e Bernardo Maiz, autores da investigación que deu pé á honmenaxe ao milleiro de represaliados, e do escultor Manuel Patinha. Unha vez descuberta a placa do monumento por parte de representantes das familias das vítimas (Manuel Reboiras Noia, Estefanía Pérez Fernández, Manuela Sardiña Feal e Francisco Pita Daporta), outros familiares tomaron a palabra (Antonio Deza Álves, María Isabel Serantes Gómez, María Jesús Armada Castaño e Ana Prados Porto), en lembranza das preto de mil persoas asasinadas.
A comarca de Ferrolterra foi unha das que sufriu a represión franquista
A comarca de Ferrolterra foi unha das que sufriu a represión franquista con maior dureza xa dende o 18 de xullo de 1936. 6 dos 18 alcaldes asasinados na provincia da Coruña e 39 dos 88 concelleiros mortos corresponden a esta comarca, como detallou a investigación Xeración Perdida. Representatividade institucional republicana e represión na provincia da Coruña, impulsada pola Deputación e levado a cabo polo grupo HISPONA (USC) baixo a dirección do profesor Emilio Grandío.
Os asasinatos non remataron no ano 1939, senón que se estenden a toda a ditadura franquista, con preto de 110 execucións nos ano 40, 18 nos anos 50 e as mortes finais de Amador Rey e Daniel Niebla en 1972 e de Moncho Reboiras en 1975
“En xeral, a costa sofre máis a represión que o interior, pero hai que ter en conta un feito engadido: a provincia da Coruña foi dividida en tres subdelegacións de orde pública, unha con centro en Santiago, outra con centro na Coruña e outra con centro en Ferrol, e nesta última a represión contra os representantes democrático tivo moita maior intensidade e cremos que isto foi debido a unha intervención determinada desa estrutura de orde pública", destacaba Grandío en conversa con Praza.gal.
A represión, por suposto, non se limitou a cargos institucionais, senón que abrangueu persoas que toda clase, especialmente militantes de esquerda. Os asasinatos, ademais, non remataron no ano 1939, senón que se estenden a toda a ditadura franquista, con preto de 110 execucións nos ano 40, 18 nos anos 50 e as mortes finais de Amador Rey e Daniel Niebla en 1972 e de Moncho Reboiras en 1975.