O Teatro Jofre acollerá o 28 de abril un acto público no que intervirán familiares das vítimas, representantes políticos e membros da Comisión Pro Memorial
Entre 1936 e 1975 ao redor dun milleiro de persoas foron asasinadas polo réxime franquista na comarca de Ferrolterra, segundo se recolle na listaxe publicada polos Xosé Manuel Suárez Martínez e Bernardo Maíz Vázquez e que se pode consultar na web do Concello de Ferrol. Estas persoas serán as protagonistas da homenaxe que o vindeiro 28 de abril ás 19 horas, con entrada de balde, terá lugar no Teatro Jofre de Ferrol, organizada pola Comisión Pro Memorial das vítimas do franquismo de Ferrolterra, Eume e Ortegal.
O obxectivo é "homenaxear a quen foi executado por defender a liberdade, a democracia e tamén como un resarcimiento aos familiares que sufriron a perdida de seres queridos, ademais de ser estigmatizados polo réxime fascista".
O obxectivo é "homenaxear a quen foi executado por defender a liberdade, a democracia e tamén como un resarcimiento aos familiares que sufriron a perdida de seres queridos, ademais de ser estigmatizados polo réxime fascista"
O acto, presentado pola xornalista Verónica Vázquez Cabeza, contará coas intervencións de Ton Blanco, membro da Comisión Pro Memorial, dos historiadores Xosé Manuel Suárez e Bernardo Máiz Vázquez, autores da investigación e integrantes tamén da Comisión, e tamén de Amada Toimil Rey, Francisco Cruz Usero e Libertad Barcia, familiares de asasinados e asasinadas polo franquismo. Ademais, intervirán os concelleiros Iván Rivas (BNG) e Suso Basterrechea (Ferrol en Común), membros igualmente da Comisión, e haberá un saúdo do alcalde ferrolán, Ángel Mato.
O acto, que comezará coa proxección de fotos de varias decenas das persoas asasinadas, nunha montaxe realizada polo documentalista Carlos A. Quirós, incluirá tamén o visionado da peza documental Case un milleiro de nomes, obra do propio Quirós.
Memorial de homenaxe
Este xoves o Goberno local anunciou que os traballos para levantar o monumento ás vítimas do franquismo "comezarán nas próximas datas"
Un dos asuntos que de seguro estará presente nas intervencións é o proxecto de construción dun monumento de lembranza ás case mil persoas asasinadas pola represión franquista na comarca que recolla os seus nomes e cronoloxía. O memorial, realizado polo escultor Manuel Patinha, instalarase no parque Antón Varela, preto da tapia do antigo cemiterio de Canido, lugar onde decenas de persoas de ideoloxía esquerdista e republicana foron fusiladas dende o verán de 1936.
O proxecto arrastraba un importante atraso e mesmo na presentación do acto do Teatro Jofre Ton Blanco, en representación da Comisión, amosou a súa "indigación" coa demora e instou ao Goberno local a inaugurar "sen máis atrasos" o monumento. Porén, finalmente este xoves o Goberno local anunciou que os traballos para levantar o monumento do memorial ás vítimas do franquismo "comezarán nas próximas datas".
O memorial, realizado polo escultor Manuel Patinha, instalarase no parque Antón Varela, preto da tapia do antigo cemiterio de Canido, lugar onde decenas de persoas de ideoloxía esquerdista e republicana foron fusiladas dende o verán de 1936
O monumento situarase sobre unha base fundida en formigón e recuberta con placas de pedra, que soportará a escultura. Nela colocaranse placas de metacrilato para a inscrición dos preto de mil nomes das vítimas. A parte escultórica realizarase con aceiro inoxidable. O artista decidiu non cobrar polo seu traballo e ceder o deseño ao Concello totalmente de balde. Deste xeito, a Administración local unicamente sufraga a elaboración das pezas e a súa instalación no lugar elixido.
A construción deste Memorial, un proxecto iniciado no ano 2007, foi aprobada xa en tres ocasións no pleno municipal de Ferrol, nos anos 2017, 2020 e 2021, sen recibir votos en contra. Nesta última ocasión, o 29 de xullo de 2021 aprobouse unha moción, presentada por BNG e Ferrol en Común en nome da Comisión Pro Memorial das vítimas do franquismo en Ferrolterra, que instaba ao Concello a instalar o monumento cos nomes dopreto dun milleiro de persoas asasinadas (984), nunha relación que parte da listaxe elaborada polos historiadores Maiz e Suárez e que aínda pode incrementarse.
A construción deste Memorial, un proxecto iniciado no ano 2007, foi aprobada xa en tres ocasións no pleno municipal de Ferrol, nos anos 2017, 2020 e 2021
"Estes homes e mulleres que viviron o terror imposto por unha ditadura atroz e sufriron persecución e represalias e que a pesar do enorme risco, loitaron e deron a vida polos valores democráticos, pola liberdade e en contra do fascismo merecen o noso recoñecemento", destacouse nesa moción, defendida por Anxo Ferreiro Currás, crego -secularizado dende hai anos- que en marzo de 1972 foi encarcerado polas súas críticas á represión do réxime contra os obreiros ferroláns.
"O memorial proxectado deberá ser un espazo senlleiro de revitalización e mantemento da memoria que afirme o noso sentido de pertenza ó territorio que sexa parte visible de aprendizaxe e presenza da nosa herdanza democrática, debera ser un lugar de conmemoración de lembranza de todas as persoas asasinadas, perseguidas e condenadas tantos anos a un esquecemento que queremos corrixir por xustiza e para coñecemento das xeracións presentes e futuras", destaca a Comisión.
Consello Sectorial de Memoria Histórica Democrática
"O memorial proxectado deberá ser un lugar de conmemoración de lembranza de todas as persoas asasinadas, perseguidas e condenadas tantos anos a un esquecemento que queremos corrixir por xustiza e para coñecemento das xeracións presentes e futuras", destaca a Comisión
O anuncio da instalación do Memorial foi realizado pola concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, durante a reunión de traballo cos integrantes da Mesa de Memoria Histórica, centrada en velar pola defensa dos valores democráticos e a recuperación e divulgación da memoria colectiva.
O Concello de Ferrol anunciou tamén que está a preparar o que será o novo Consello Sectorial de Memoria Histórica Democrática, que dará continuidade ás funcións da Mesa de Memoria Histórica. O novo órgano manterá as funcións e obxectivos da Mesa e adáptase a súa composición e normas de funcionamento ao regulamento de participación dos consellos do Concello. Nas próximas datas a proposta de regulamento, xunto coas achegas avaliadas onte, trasladarase a todas as partes participantes para posteriormente abordarse en comisión informativa e elevala ao pleno da corporación.