A gran vangardista galega tivo que exiliarse por tres décadas tras as cales, ao seu regreso, o franquismo procurou ocultar a súa obra
"En Galicia, al producirse la rebelión, en los primeros días del criminal atentado, comenzó la era del terror: los encarcelamientos injustificados, los fusilamientos sin formación de causa, las matanzas en masa". Así principiaba Relato veraz de la realidad de Galicia, unha ampla crónica publicada en tres partes pola pintora Maruja Mallo (Viveiro, 1902 - Madrid, 1995) no xornal La Vanguardia en agosto de 1938.
Enviounas dende o exilio, na Arxentina, onde puidera fuxir a través de Portugal ao cadrar que, no inicio do golpe en 1936, estaba de volta en Galicia como membro das Misións Pedagóxicas da II República. Agochada entre Vigo e Tui deu pasado a Portugal e alí a embaixadora de Chile en Lisboa, a que despois seria Nobel de Literatura Gabriela Mistral, axudouna a cruzar o Atlántico facilitando un convite para unha exposición en Bos Aires.
Non existen dúbidas de que a artista viveirense foi vítima da represión dos golpistas, condición que agora lle recoñece oficialmente o Estado. Polo exilio para fuxir da persecución e mesmo da morte. E pola ocultación da súa obra cando, nos anos 60, regresou a un Madrid no que era unha descoñecida para o gran público, pero onde "a crítica máis nova" detectou como o franquismo buscaba deitar sombras sobre a gran vangardista galega. Así o salientou María Luisa Sobrino no seu artigo sobre a pintora no Álbum das Mulleres do Consello da Cultura.
Pedro Sánchez entrega para a pintora e o seu irmán, Cristino, a 'Declaración de reparación e recoñecemento' ao abeiro da Lei de Memoria que en anos previos recibiron Alexandre Bóveda, Castelao ou Alonso Montero no acto oficial ao que Feijóo continúa negándose a asistir
O tardío recoñecemento chegou de vez este 31 de outubro, no acto oficial do Día de Recordo e Homenaxe a todas as vítimas do golpe militar, a Guerra e a Ditadura, abeirado na Lei de Memoria Democrática e encabezado polo presidente do Goberno de España. O mesmo que en anos previos acolleu actos de reparación e recoñecemento para Alexandre Bóveda, Castelao ou Xesús Alonso Montero. O mesmo ao que o ex-presidente Feijóo continúa negándose a asistir.
Co obxectivo de "honrar a súa memoria", mais tamén o de "recoñecer a súa achega á España en liberdade na que, con moito esforzo e sacrificio, a democracia foi finalmente posible", Pedro Sánchez entregou a Declaración de reparación e recoñecemento para Maruja Mallo e para o seu irmán, Cristino. Canda eles, outras 16 persoas entre as que destacan Federico García Lorca, Luis Buñuel, con cuxa xeración e contorna artística e cultural a pintora galega teceu fortes relacións creativas, políticas e persoais.
Durante o acto, Sánchez avanzou que o Consello de Ministros se dispón a confirmar a concesión da nacionalidade a case 170 descendentes de membros das Brigadas Internacionais que a solicitaron acolléndose á devandita Lei de Memoria. Esa mesma aceleración, avanza, vaina experimentar tamén a ilegalización da Fundación Francisco Franco e o novo catálogo de símbolos e elementos de exaltación do fascismo que deben ser "retirados de vez das rúas, sen escusas e sen demoras".
Maruja Mallo recibiu diversos recoñecementos políticos e sociais nos últimos anos en Galicia e actualmente o Museo Reina Sofía percorre a súa obra cunha retrospectiva que inclúe obras do Museo de Lugo
Este novo recoñecemento político e social a Maruja Mallo chega despois de que en Galicia xa recibise outros nos últimos anos, como a dedicatoria do Día das Artes Galegas en 2017. Ou numerosos achegamentos no Museo de Lugo, institución á que a xungue a súa condición de bolseira da Deputación de Lugo nos seus primeiros anod e creación.
A reparación tamén cadra coa celebración, no Museo Reina Sofía, da exposición retrospectiva Maruja Mallo, máscara e compás, que inclúe tres obras prestadas polo Museo de Lugo e permanecerá aberta ata marzo do ano vindeiro en Madrid tras comezar polo Centro Botín de Santander sen que, cando menos polo momento, conste previsión dunha estancia en Galicia.