"A miña nai non puido velo, pero leveina na man": unha pulseira de pedida na reparación da memoria de Bóveda

Amalia Bóveda -segunda pola esquerda-, co certificado de reparación da memoria do seu pai entregado por Pedro Sánchez, ao termo do acto do pasado 10 de decembro © Pool Moncloa / Fernando Calvo

Amalia Bóveda non puido coñecer o seu pai. Cando os golpistas o asasinaron, o 17 de agosto de 1936, a súa nai estaba embarazada de cinco meses. A quinta filla levou o nome da nai porque así o pediu Alexandre Bóveda á súa esposa, Amalia Álvarez, nunha das visitas ao cárcere onde o recluíran tras detéreno acusado de traizón, cargo que formalizaran nun xuízo simulado para asasináreno por galeguista e defensor da legalidade republicana.

Amalia Bóveda relata a emoción vivida no acto que oficializou a nulidade do xuízo simulado polos golpistas para asasinaren o seu pai. O agradecemento mestúrase pola mágoa "porque a miña nai, que o desexaba tanto, non puido chegar a velo"

Aquel proceso sumarísimo escenificado polos sublevados para matar a Bóveda foi declarado ilegal e ilexítimo ao abeiro da Lei de Memoria Democrática. O que con anterioridade fora unha fría tramitación administrativa virou este pasado 10 de decembro nun acto solemne no que Amalia Bóveda recolleu de mans do presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, o documento que dá por politicamente anulada aquela sentenza e por reparada oficialmente a memoria de Bóveda, represaliado "por razóns políticas, ideolóxicas e de conciencia", "pola súa condición de galeguista".

Amalia Bóveda recibe de Pedro Sánchez o documento que acredita a reparación da memoria do seu pai, Alexandre Bóveda, ao abeiro da Lei de Memoria Democrática, o pasado día 10 © Pool Moncloa /Borja Puig de la Bellacasa

En conversa con Praza.gal, Amalia Bóveda explica os sentimentos que a embargaron nesa "emotivísima" homenaxe. "Estiven emocionada dende o principio", pero sobre todo cando Iñaki Gabilondo "leu con tanto sentimento as palabras que dixo meu pai no xuízo: aí non puiden remediar as bágoas, caéronme todas", relata. A piques de facer 88 anos, amósase "encantada" por un acto que así e todo, evidencia, "chegou un pouco tarde, pero chegou", enfatiza.

A filla do mártir do galeguismo recolleu o certificado de reparación da memoria do seu pai portando a pulseira coa que agasallou a Amalia Álvarez para pedirlle casar. "Agarreina todo o tempo" e así, dalgún xeito, "estiveron os dous recollendo" o ansiado documento

Esa demora "pésame, sobre todo, porque a miña nai desexábao tanto... E non puido chegar a ver ese momento", emociónase outra volta. Amalia Álvarez faleceu en 2001, "pero eu levábaa na man", ilustra. Para acudir ao acto de recoñecemento ás vítimas da ditadura "levaba a súa pulseira de pedida", coa que Alexandre Bóveda agasallou en 1930 a Amalia Álvarez para pedirlle matrimonio. "Agarreina todo o tempo" e así, dalgunha maneira, "estiveron os dous recollendo" o documento entregado por Sánchez, momento no que tamén foi inevitable pensar "que non puiden coñecer o meu pai", lamenta.

Ao Goberno de España, ao seu presidente e aos ministros e ministras presentes Amalia Bóveda agradécellles o recoñecemento e a actitude, "a maneira de estar alí". "Se vise unha persoa alí como forzada, daríanme ganas de marchar" pero o certo é que estivo "alegre" e, dalgunha maneira, "axudándonos a todos cunha cara sorrinte" nun momento no que "todo o mundo sufría polo seu", pola lembranza das persoas represaliadas. "Tamén me emocionou moito", exemplifica, o diálogo coa irmá de Enrique Ruano, o militante antifranquista asasinado pola policía política da ditadura en 1969 tamén recoñecido neste acto de reparación.

Alexandre Bóveda e Amalia Álvarez, a súa esposa, nun paseo en barco polo Lérez Dominio Público Remitida pola Deputación de Pontevedra

O tempo transcorrido ata chegar á reparación é unha das mágoas, pero non a única. A Amalia Bóveda tamén a magoa que "teña que ser o Goberno central quen faga algo por estes mártires" e "non sexa a Xunta a que fose capaz de facelo". Neste sentido, responde cun "nada de nada" á pregunta de se, ao fío do acto de reparación pola lei de memoria democrática, existiu algún contacto por parte do Goberno galego. "Bótase de menos" nun contexto no que, agrega o seu fillo Valentín, que a acompaña na conversa con este xornal, ese silencio resulta tan "simbólico" como o "clamor" que supón o documento de reparación.

Amalia Bóveda lamenta que "non sexa a Xunta" quen "faga algo por estes mártires". Bota en falta un compromiso que, cre, ben podería concretarse impulsando de vez o Día da Galiza Mártir como "día nacional galego" e que "non sexamos catro os que traballemos por iso"

Un bo xesto, coida Amalia Bóveda, sería que a Xunta impulsase de vez a conmemoración do Día da Galiza Mártir "como día nacional galego, de Galicia; que en España se saiba que hai un Día da Galiza Mártir", que non sexamos catro os que estamos a traballar por iso" senón que "sexa o Goberno que está en Galicia o que o bote para arriba" e contribúa a que "esta memoria non morra, que estea cada vez máis viva".

Preservar a memoria de Alexandre Bóveda e de tantas persoas que coma el foron represaliadas polos golpistas, resalta, é aínda máis necesaria nun tempo no que medran os discursos da extrema dereita ou negacionistas do acontecido na ditadura. "Na miña cara houbo quen me dixo que xa está ben de estar dicindo o que lle pasou" ou mesmo "que o que fixo meu pai non era para tanto" no ámbito político, económico e intelectual. "Pero o que pasou hai que dicilo, para que a xente que vén por tras de nós o saiba", remarca. 

Pedro Sánchez entrega a Amalia Bóveda o certificado da reparación da memoria do seu pai, Alexandre Bóveda CC BY-NC-SA Praza.gal | Vídeo: Pool Moncloa/Jorge Villar e Javier Amescua

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.