Non está institucionalizado, pero cada ano o secundan máis institucións e ten máis peso político e institucional. Non é un recoñemento oficial do Goberno galego porque o gobernante PP se nega, pero a Xunta acudiu ao acto central por segundo ano consecutivo tras facelo o pasado 2022 por primeira vez, e desta volta fíxoo ademais a través dun conselleiro, Román Rodríguez.
Este 17 de agosto, o Día da Galiza Mártir sumou un ano máis ao ronsel iniciado hai 81 anos cando, seis anos despois do asasinato de Alexandre Bóveda polos golpistas, a Irmandade Galega de Buenos Aires instituíu esta xornada de lembranza. A mesma lembranza e homenaxe a Bóveda e todas as vítimas do golpe e da ditadura que volveu estar presente neste agosto de 2023.
O acto central volveu ser o da Caeira, en Poio, concello que viña sendo gobernado ininterrompidamente polo BNG dende 1995 e ata as pasadas eleccións muncipais, cando o PP logrou o goberno local tras a retirada do histórico alcalde Luciano Sobral. Alí onde os sublevados levaron a Bóveda dous días despois de, a modo de cobertura burocrática, simularen unha sentenza de morte contra el tras escenificaren un xuízo. Como lembraba nos últimos días a Fundación Alexandre Bóveda, "os militares golpistas non mataban en festivo" e tampouco en domingo -así cadrou o 16- e por iso adiaron o asasinato político de Bóveda ata o 17 de agosto.
Ante a primeira asistencia dun membro do Consello da Xunta á homenaxe a Alexandre Bóveda, a fundación que vela polo legado do histórico galeguista advirte de que "a valía vai nos feitos e nas obras, as cales collen brillo nas verdades", porque Bóveda "non é un eslogan"
"Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galicia e pola República e o trabucado xuicio dos homes (que eu perdoo e todos debedes perdoar) condéname", deixou escrito o político galeguista, impulsor clave do primeiro Estatuto galego e economista chamado a deseñar a facenda dun primeiro autogoberno para o país. As súas palabras e os seus feitos estiveron ben presentes na Caeira por boca do escritor David Otero, vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, quen lembrou que o histórico galeguista "non é un eslogan, nin un titular nos medios de fabulación, nin unha pegatina".
"A valía vai nos feitos e nas obras, as cales collen brillo nas verdades", advertiu Otero nun discurso no que tamén advertiu da necesidade de non virar a Bóveda nunha "rutina" de cada 17 de agosto. Neste sentido, como recolle Pontevedra Viva, ante a primeira presenza dun membro do Consello da Xunta neste acto, reclamou que de alí saian "probas irrefutables" das "complicidades co bovedismo". Porque a mera asistencia non dá "indulxencias" se non vai acompañada de realizacións como "abrir as portas dos despachos e exercer a libre entrada para buscar verdades" ou contribuír á exhumación de todas as vítimas que aínda seguen "en fosas e cunetas".
Tamén outros lugares veñen acollendo nos últimos días actos ligados ao Día da Galiza Mártir. Este propio 17 de agosto, por exemplo, fixérono os concellos de Lugo -en colaboración coa Deputación lucense-, A Pobra do Caramiñal ou Ribeira.
O BNG insta o PP a aclarar se está "coas vítimas ou cos verdugos"
Alén da súa participación nos actos de homenaxe a Alexandre Bóveda e demais vítimas, o BNG puxo o foco tamén este 17 de agosto no que considera unha "escenificación aboslutamente hipócrita e oportunista" por parte do Goberno do PP. "Non se pode estar na misa e na procesión, non se pode seguir no discurso franquista dos dous bandos e da guerra fraticida" igual que "non se pode saír na foto do Día da Galiza Mártir e negar durante anos a súa celebración institucional", sinala o deputado Luís Bará.
A presenza do Goberno galego a través do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, prodúcese mentres "o PPdeG nega a mesma idea de memoria histórica" tras "eliminar as políticas desenvolvidas" polo Goberno PSdeG-BNG de 2005 a 2009, subliña Bará. Ademais, lembra, o ex-presidente Feijóo avoga, como líder do PP, por "derrogar a lei de memoria democrática". Os populares, coida, deben "decidir se están coas vítimas do franquismo ou cos verdugos".
Ademais dos responsables do Concello de Poio e da Xunta, desta volta a representación institucional da Deputación de Pontevedra na homenaxe a Bóveda polo Día da Galiza Mártir tamén correspondeu ao PP, toda vez que os conservadores gañaron tamén nas pasadas municipais o goberno da institución, en cuxo nome acudiu o deputado e edil en Pontevedra Rafael Domínguez. O goberno local de Pontevedra, como é habitual, estivo representado polo seu alcalde, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, que pola tarde acudiu ao acto central organizado polo BNG en lembranza de Bóveda e as demais vítimas da ditadura.