A filla do asasinado pide que a lembranza teña continuación cun “día dos mártires galegos ou de Galiza mártir” e o presidente da Cámara gaba “a grandeza de quen se despediu perdoando” e apela ao “espírito de reconciliación”
Todos os grupos parlamentarios o aprobaron por unanimidade en 2006 e novamente en 2021, pero non foi ata este mércores que o Parlamento de Galicia celebrou á fin unha longamente demorada homenaxe a Alexandre Bóveda e con el a todas as vítimas galegas do franquismo. Un acto que se fixo coincidir co 120 aniversario do nacemento do galeguista e que chega ao tempo que o máximo responsable do PPdeG que apoiou esa homenaxe, Alberto Núñez Feijóo, vén de prometer que se é presidente do Goberno de España derrogará a lei de memoria democrática.
Asasinado o 17 de agosto de 1936, un mes despois do golpe de Estado, Alexandre Bóveda, impulsor do Partido Galeguista e do Estatuto de Autonomía frustrado por aquel levantamento militar, foi lembrado este xoves pola súa filla, Amalia Bóveda, salientando que “a súa herdanza levaba implícito” o “compromiso” de manter o legado das persoas que traballaron por Galicia naqueles anos.
Amalia Bóveda agradeceu que o acto se celebrase “na institución onde reside o noso poder lexislativo, poder polo que tanto traballaron os homenaxeados e traballo polo que deron as vidas”. E reclamou que a homenaxe deste mércores non sexa puntual senón que teña “continuación” ou se institucionalice como “un día dos mártires galegos ou de Galiza mártir” a semellanza do Día das Letras Galegas.
Pola súa banda, a investigadora Aurora Marco, que interveu en representación das asociacións de memoria histórica, proclamou a “necesidade de lembrar” xa que “o esquecemento produce unha segunda morte”. “Enxalzamos homes e mulleres de diferentes tendencias políticas ou sen adscrición partidaria que defenderon o réxime republicano legalmente constituído e violentado pola forza das armas”, dixo Marco, quen reclamou “políticas públicas de memoria” que “se fundamentan nos dereitos humanos, no dereito á xustiza e a reparación”. Tamén reclamou á Xunta, presente no acto a través do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que reactive a illa de San Simón como lugar de memoria.
O presidente do Parlamento reivindica "a democracia e os dereitos humanos que foron esmagados polo levantamento militar" e engade que tras el houbo "excesos inadmisibles nun e noutro bando"
O acto pechouno o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, quen reiterou a “firme condena do Parlamento de Galicia á ditadura de 40 anos que mantivo sometido o noso pobo, condena que non é nova senón que se suma aos diferentes pronunciamentos que ten emitido este Parlamento”. “Reivindicamos a democracia e os dereitos humanos que foron esmagados polo levantamento militar do 17 de xullo de 1936”, dixo o popular, para engadir a continuación que tras el rexistráronse “excesos inadmisibles nun e noutro bando”.
“Cómpre non esquecer a barbarie para non repetir xamais os erros do pasado”, reclamou o presidente da Cámara, que apelou a lograr “un mundo no que impere a xustiza” e “no que todos e todas sexamos quen de botar unha man a quen o precise”.
Santalices rematou a súa intervención gabando “a grandeza de quen se despediu perdoando”, en referencia ás últimas declaracións e escritos de Bóveda antes de ser fusilado. “Louvado sexa o espírito de reconciliación noutrora, agora e sempre”, concluíu. Ao remate do acto descubriuse unha escultura nos xardíns do Parlamento realizada por Cándido Pazos baixo o título Concordia, paz e liberdade.
A homenaxe deste mércores do Parlamento a Bóveda e con el a todas as vítimas galegas do franquismo foi aprobada en 2006 no marco dun acordo máis amplo do que o PP se desmarcou nalgúns puntos. A mesma homenaxe a Bóveda foi novamente aprobada en 2021, a iniciativa do BNG, pero desta volta deixando o PP fóra a petición nacionalista de que se institucionalizase o Día da Galiza Mártir o 17 de agosto, día do seu asasinato.
A homenaxe chega ao tempo que Feijóo promete a derrogación da lei de memoria democrática
O acto deste mércores non só tivo en conta a condición de vítima do franquismo de Bóveda senón tamén “a súa esencial participación no impulso e elaboración do Estatuto de 1936 e o seu compromiso cos valores de defensa de Galicia, concordia e perdón”.
Pero ao tempo que o PPdeG apoia esta celebración, o líder estatal do partido, Alberto Núñez Feijóo, vén de prometer a derrogación da lei de memoria democrática. Unha promesa que non semella retórica xa que durante a tramitación da norma os populares xa tentaron rebaixar o seu alcance, pedindo por exemplo tanto no Congreso como no Senado -aquí co voto do propio Feijóo- eliminar da lei o artigo que suprimiu o condado de Fenosa ou o señorío de Meirás.