Alexandre Bóveda foi asasinado na Caeira (Poio) o 17 de agosto de 1936, fusilado despois de que catro días antes fose condenado a morte, acusado de "traizón". No mesmo lugar foi tamén executado en novembro de 1936 o médico e político Amancio Caamaño, integrante de Izquierda Republicana e que chegou a ser Presidente da Deputación de Pontevedra, ademais de Gobernador Civil da provincia.
A adhesión das familias á querela será anunciada este sábado por Amalia Bóveda e Valentín García Bóveda, filla e neto de Bóveda; e por Begoña e Olga Caamaño por parte da familia de Amancio Caamaño
Este luns os seus descendentes anunciaron a súa intención de unirse á querela xudicial aberta no ano 2010 pola xuíza arxentina María Servini para perseguir os crimes do Franquismo, ao tratarse de crimes de lesa humanidade.
A decisión das familias farase efectiva este sábado 16, no marco dun acto institucional que se celebra nas xornadas sobre memoria histórica organizadas pola Deputación de Pontevedra. Nas xornadas participarán, de feito, integrantes da Coordinadora estatal de apoio á Querela Arxentina contra os crimes do franquismo (CeaQua).
O anuncio foi realizado pola deputada de Memoria Histórica, María Ortega, que destacou o apoio da Deputación a esta iniciativa, subliñando que o ente provincial quixo ir "máis alá" neste apoio, poñéndose a carón da familias e facilitándolles que se adhiran á vía xudicial.
Valentín García Bóveda afirmou que, de haber un maior traballo para a reparación da memoria histórica, non estariamos a ver como "o discurso dos verdugos" chega ao Congreso
A adhesión das familias á querela será anunciada por Amalia Bóveda e Valentín García Bóveda, filla e neto de Bóveda; e por Begoña e Olga Caamaño por parte da familia de Amancio Caamaño. Valentín García Bóveda, vicepresidente ademais da Fundación Bóveda, agradeceu o interese e o apoio amosado pola Deputación, e salientou que sexa "a primeira institución" que apoia a vía xudicial para a recuperación da memoria histórica.
García Bóveda xa participara nunha viaxe a Bos Aires xunto con outros familiares de vítimas da ditadura, pero sinalou que ata agora a súa familia non decidira dar este paso, que agora si leva a cabo grazas en parte ao apoio institucional. O neto de Alexandre Bóveda concluíu que "non hai mellor momento para facelo", lembrando o ascenso electoral da ultradereita nos comicios deste domingo. Destacou que se os sucesivos gobernos tiveran traballado máis nas últimas décadas pola restauración e a reparación da memoria histórica, non estariamos a ver resultados electorais como os actuais, coa chegada ao Congreso "do discurso dos verdugos".