María Vázquez Suárez, a mestra socialista que o franquismo asasinou

María Vázquez Suárez Dominio Público

"Aquel 19 de agosto de 1936 resoaron na noite os disparos que acabaron coa vida dunha mestra vocacional, dunha renovadora pedagóxica, dunha muller progresista, militante socialista, afervoada defensora dos dereitos femininos", escribe Aurora Marco no limiar da obra

O 19 de agosto de 1936 a mestra María Vázquez Suárez foi fusilada. Fora detida na Coruña poucas semanas despois do Golpe de Estado do 18 de xullo, acusada de defender a escola laica, e despois de ser encarcerada en Pontedeume, foi executada, sendo -xunto con Mercedes Romero Abella- unha das dúas mestras galegas asasinadas neses primeiros momentos de represión. En 1933 afiliárase á FETE-UGT e en 1935 ocupou o cargo de vicetesoureira na Coruña.

Agora Aurora Marco, que xa a incorporara ao Dicionario de Mulleres Galegas, vén de publicar María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo (Alvarellos), un ensaio que percorre a súa vida e detalla a súa detención e morte, incluíndo ademais o "lamentable" expediente de depuración, aberto catro anos despois do seu asasinato.

Aurora Marco, cun exemplar do libro © Alvarellos Editora

María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo (Alvarellos) é un ensaio que percorre a súa vida e detalla a súa detención e morte, incluíndo o "lamentable" expediente de depuración, aberto catro anos despois do seu asasinato

"Aquel 19 de agosto de 1936 resoaron na noite os disparos que acabaron coa vida dunha mestra vocacional, dunha renovadora pedagóxica, dunha muller progresista, militante socialista, afervoada defensora dos dereitos femininos", escribe Aurora Marco no limiar da obra, no que engade: "No período republicano, as mestras tiveron un papel capital, como os mestres. O que acontece é que as súas achegas, e até os seus nomes, ficaron con moita frecuencia invisibilizados". O libro inclúe un cento de fotografías e documentación inédita.

A obra, xa presentada na Coruña a pasada semana, presentouse este mércores 12 en Compostela na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago.

"No período republicano, as mestras tiveron un papel capital, como os mestres. O que acontece é que as súas achegas, e até os seus nomes, ficaron con moita frecuencia invisibilizados", di Aurora Marco

Nacida en Compostela en 1895, mais con raíces en Sober, estudou Maxisterio na Coruña e posteriormente foi mestra na Pobra do Caramiñal durante 12 anos. En 1929 obtivo praza na escola nº 2 de Miño, uns anos nos que frecuentou os ambientes republicanos e, ademais, interesouse pola reforma pedagóxica. Ademais, formou parte da coruñesa Agrupación Republicana de Mulleres, onde coincidiu con mestras como Elvira Bao ou María Barbeito

En 1933, así mesmo, impartiu unha conferencia no local coruñés da Liga Internacional de Mulleres Ibéricas e Hispano-Americanas. 

María Vázquez Suárez, coas súas alumnas, posiblemente na Pobra do Caramiñal © Arquivo da familia

María Vázquez Suárez foi mestra na Pobra do Caramiñal durante 12 anos. En 1929 obtivo praza na escola nº 2 de Miño, uns anos nos que frecuentou os ambientes republicanos e, ademais, interesouse pola reforma pedagóxica

A comisión depuradora provincial propuxo a súa separación definitiva do ensino, que as autoridades centrais fixeron pública case seis anos despois do asasinato. “Era tan mala, irrascible [sic] y roja, que hubieron de fusilarla en los primeros momentos los nacionales, por el peligro que constituía", di o seu expediente de depuración, recollido na entrada da web A Coruña das Mulleres da A.C. Alexandre Bóveda.

Tras o asasinato de María Vázquez, Joaquín, o seu pai, foi obrigado a abandonar Miño regresou a Vilaescura (Sober) e nos anos seguintes nunca superou o asasinato da súa filla, segundo relata Paula Vázquez Verao na entrada dedicada á mestra no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega.

No ano 2015 o PSdeG-PSOE creou os Premios de Igualdade María Vázquez Suárez

No ano 2015 o PSdeG-PSOE creou os Premios de Igualdade María Vázquez Suárez para "visibilizar e recoñecer o traballo de persoas individuais e colectivos a favor da igualdade".

María Vázquez Suárez Dominio Público A Coruña das Mulleres

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.