Marcos Pérez Pena

Unha ducia de mestras galegas para homenaxear no inicio do curso

Na semana na que comezaron as clases, lembramos algunhas destacadas mestras galegas. Mulleres que dedicaron as súas vidas ao ensino, exercendo en escolas de distintos lugares do país. Varias delas, ademais, sufriron a represión franquista a partir de 1936 debido ao seu compromiso coa democracia, o republicanismo, o galeguismo ou a escola laica. Velaquí a nosa homenaxe a unha ducia delas.

  1. 01

    Elvira Bao

    Elvira Bao (A Coruña, 1890-1971) foi mestra primeiro en Redes (Ares) e posteriormente nas Colonias Escolares do Sanatorio Marítimo de Oza desde 1920 a 1936, ano en que foi nomeada directora. 

    Foi, ademais, unha activa militante do galeguismo e do republicanismo, sendo integrante por exemplo das Irmandades da Fala da Coruña, das que foi Secretaria da súa Xunta Directiva. E, igualmente, foi presidenta da primeira Xunta Directiva da Agrupación Republicana Femenina.

    Despois do Golpe de Estado de 1936 pasou uns meses no cárcere e foi separada definitivamente do ensino público. En 1945 puxo escola privada na súa casa do barrio coruñés de San Roque de Fóra. Dende o 2017 unha praza da cidade leva o seu nome.

  2. 02

    María Barbeito

    María Barbeito (A Coruña 1880-1970) traballou como mestra dende os 21 anos, cando obtivo a praza de ensinante como número un da súa promoción. Escolleu como destino a escola Da Guarda, que dende 1911 dirixiu, converténdoa nun modelo de renovación pedagóxica.

    En 1933 obtivo por concurso de méritos o cargo de Inspectora Mestra e creou un Plan de Lectura Global para as escolas da súa zona de inspección. En 1935 visitou varios países europeos cunha bolsa de ampliación de estudos para tomar contacto con novos métodos pedagóxicos.

    En 1936 foi apartada do seu cargo e depurada polas novas autoridades franquistas. En 1941, con sesenta anos, foi finalmente destituída e forzada a xubilarse por razóns políticas.

  3. 03

    Antía Cal

    Antía Cal (A Habana 1923- Vigo 2022). Durante décadas de traballo destacou pola utilización de formas modernas de ensino, especialmente a través da Escola Rosalía de Castro, que fundou na cidade olívica en 1961, un centro que empregou o galego en plena ditadura, introduciu o inglés e apostou pola educación infantil.

    Aquel proxecto educativo inspirouse na Institución Libre de Enseñanza e nas apostas pola renovación pedagóxica que nese momento estaban en voga en Europa. O obxectivo era que o alumnado estivese "no centro das actuacións" e que o proceso formativo-educativo se axeitase a el, deixando de lado o adoutrinamento imperante na maior parte dos colexios neses anos. 

    Xa en 1958 Antía Cal publicara O libro dos nenos. Enciclopedia pro neno galego. unha obra pioneira da pedagoxía galega, conta con preto de 400 paxinas e céntrase na xeografía universal e galega e tamén na Historia do mundo e de Galicia

    A derradeira lección de 'Tita': morre en Vigo aos 98 anos Antía Cal, pioneira da renovación pedagóxica en Galicia

  4. 04

    Ernestina Otero

    Ernestina Otero (Redondela 1890- Pontevedra 1956) foi mestra, firme defensora dun modelo educativo renovador e dos dereitos da muller, e sufriu unha dura represión na Guerra Civil e na Ditadura franquista. 

    Nacida en Redondela, durante a Segunda República ocupou a dirección da Escola de Maxisterio e presidiu o Consejo Provincial de Primera Enseñanza. En febreiro de 1933 asinou o manifesto en favor do Estatuto de Autonomía de Galicia sendo ela, xunto con María Cruz Pérez, as dúas únicas mulleres. 

    En novembro de 1936 foi suspendida de emprego e soldo e depurada da súa praza como mestra, regresando a Redondela e sobrevivindo dando pasantías particulares. Só en 1951 pode regresar como mestra a Pontevedra, cinco anos antes de falecer.

  5. 05

    Ángela Ruíz Robles

    Ángela Ruiz Robles (Villamanín, León, 1895 - Ferrol, 1975) mestra dende os 22 anos e instalada en Ferrol en 1918, é na actualidade coñecida por ter inventado en 1962 “un aparato para lecturas y ejercicios diversos”, unha enciclopedia mecánica que ben pode considerarse un precursor do e-book ou, en todo caso, un invento prodixioso e moi adiantado ao seu tempo.

    O Ministerio de Educación mesmo chegou a aprobar o uso da enciclopedia mecánica no ensino e en 1971 Ángela Ruiz estivo a piques de acadar a súa comercialización; porén, os custos non permitiron executar o proxecto e só 100.000 pesetas tiveron a culpa.

  6. 06

    Mercedes Romero Abella

    Mercedes Romero Abella (Cee 1907 - Aranga 1936) rematou en 1926 os estudos de Maxisterio e comeza a exercer como mestra. Cando se produce o Golpe de Estado de 1936, era mestra en Monelos (A Coruña) e presidía a Federación Española de Trabajadores de la Enseñanza (FETE) na comarca coruñesa.

    O seu home, sindicalista de UGT no Banco Pastor, foi asasinado e cando ela tentaba fuxir cara América foi tamén detida. Violada e torturada, foi fusilada en Aranga e soterrada nunha foxa común.

  7. 07

    María Vázquez Suárez

    María Vázquez Suárez (Sober 1894 - Miño 1936). En 1918 obtivo praza na escola de nenas da Pobra do Caramiñal, onde exerceu 12 anos. En 1929 obtivo praza na escola nº 2 de Miño, uns anos nos que frecuentou os ambientes republicanos e, ademais, interesouse pola reforma pedagóxica. Integrouse na agrupación do PSOE en Miño e afiliouse á FETE-UGT.

    No verán de 1936 foi detida na Coruña, acusada de defender a escola laica e o amor libre. Foi trasladada a Miño e fusilada.

  8. 08

    Concepción Saiz

    Concepción Sáiz (Santiago 1851 - Burgos 1934) foi mestra entre 1884 e 1921 e pedagoga. A súa actividade no eido da pedagoxía quedou reflectida en numerosas colaboracións en revistas, diarios e semanarios e na súa participación en encontros coma Congreso Nacional Pedagóxico ou o Congreso Hispano-portugués-americano, celebrados a finais do século XIX.

  9. 09

    Concepción Pérez Iglesias

    Concepción Pérez Iglesias (Santiago 1881 - Portas 1939) foi mestra en Portas dende o ano 1907 ata 1930, cando pasou a exercer en Guadalupe (Santiago). En 1925 converteuse en Portas na primeira alcaldesa de Galicia e unha das primeiras de España, un cargo que exerceu durante cinco anos.

  10. 10

    Mercedes Tella

    Mercedes Tella (A Coruña, 1868 - Vilafranca do Bierzo, 1934) foi mestra dende 1896 en Madrid e a partir de 1901 na escola Normal da Coruña, centro do que foi directora a partir de 1907, cargo que ocupou ata a súa xubilación.

    ronunciou conferencias e escribiu artigos científicos, literarios e pedagóxicos en periódicos e revistas. Estudou Pedagoxía na Facultade de Filosofía e Letras e foi redactora da Gaceta de Instrucción Pública.

  11. 11

    Enriqueta Otero

    Enriqueta Otero (Castroverde 1910 - Lugo 1989) foi mestra e guerrilleira antifranquista (co alcume de María Dolores). En 1928 rematou os estudos de Maxisterio e ata o ano 1936 deu clases en varias escolas da provincia de Lugo. 

    Militante do PCE, despois da sublevación militar traballou como enfermeira e axudou na evacuación de nenos e nenas na zona de Levante. En 1937 incorporouse como miliciana da cultura á defensa de Madrid no Exército do Centro. Despois da caída de Madrid, conseguiu fuxir ata Lugo, onde se integra na guerrilla.

    En 1946 foi detida, foi xulgada nun Consello de Guerra e encarcerada na Prisión Provincial de Lugo. En 1960 consegue a liberdade condicional, definitiva a partir de 1965.

    Ao saír da cadea abriu un longo contencioso-administrativo para ser rehabilitada como mestra nacional, o que conseguiu en outubro de 1974, exercendo en Becerreá e noutros lugares. Xubilouse en 1980.

  12. 12

    María Victoria Moreno, Xela Arias e Luísa Villalta

    Pechamos esta serie con tres mulleres máis coñecidas por ter sido homenaxeadas nos últimos anos no Día das Letras Galegas: María Victoria Moreno, Xela Arias e Luísa Villalta, protagonistas da celebración en 2018, 2021 e 2024.

    Autoras, as tres foron tamén mestras. María Victoria Moreno exerceu entre 1963 e 2002, principalmente en Pontevedra. Xela Arias traballou como mestra substituta entre 1999 e 2003 en numerosos centros de Santa Comba, Pontevedra, Santiago, Redondela, A Guarda ou Vigo. Finalmente, Luísa Villalta deu clase entre 1988 e 2004 en Oleiros, Ferrol e, sobre todo, no IES Isaac Díaz Pardo de Sada.