A mestra e pedagoga Antía Cal faleceu este mércores pola mañá en Vigo. Nacida en 1923, Tita -como a coñecían as súas amizades- estaba a piques de facer 99 anos, unha longa vida na que foi pioneira na renovación pedagóxica e na introdución en Galicia de formas modernas de ensino, especialmente a través da Escola Rosalía de Castro, que fundou na cidade olívica en 1961. O colexio foi pioneiro na introdución do galego no ensino, e tamén do inglés, ademais de ser laico e mixto en plena ditadura.
Tita -como a coñecían as súas amizades- estaba a piques de facer 99 anos, unha longa vida na que foi pioneira na introdución en Galicia de formas modernas de ensino, especialmente a través da Escola Rosalía de Castro, que fundou en Vigo en 1961
Aquel proxecto educativo inspirouse na Institución Libre de Enseñanza e nas apostas pola renovación pedagóxica que nese momento estaban en voga en Europa. O obxectivo era que o alumnado estivese "no centro das actuacións" e que o proceso formativo-educativo se axeitase a el, deixando de lado o adoutrinamento imperante na maior parte dos colexios neses anos.
Antía Cal destacou que dende o primeiro momento tentou construír unha escola "aberta e plural que educase nos valores democráticos". Dende os primeiros anos de andaina, ademais, as aulas do colexio tomaron os nomes de Castelao, Alexandre Bóveda, Irmandiños ou Bertrand Russell.
Antía Cal nacera na Habana en 1923, pois a súa familia, orixinaria de Muras, emigrara a Cuba pouco antes. Aos nove anos regresa a Galicia e instálase en Vigo coa súa nai e irmáns, mentres seu pai quedou traballando en Cuba para enviarlles remesas coas que soster economicamente á familia. Antía, con todo, seguiu vencellada a Muras, onde os seus avós maternos tiñan un mesón. De aí o alcume que a acompañou toda a súa vida, "Tita do Mesón".
Antía Cal dixo que dende o primeiro momento tentou construír unha escola "aberta e plural que educase nos valores democráticos", un colexio pioneiro no ensino en galego, na introdución do inglés, na concesión de bolsas ou no fomento do ensino infantil
Sempre quixo estudar Maxisterio, aínda que seu pai cominouna a estudar Comercio. Finalmente, a súa nai permitiulle estudar Xeografía e Historia, carreira na que se gradúa en 1945 na Universidade de Santiago. Pouco despois casou co oftalmólogo Antón Beiras (irmán de Manuel Beiras e tío, polo tanto, de Xosé Manuel Beiras), con quen tivo catro fillos, aos que educaron en galego. Nas viaxes que neses anos a familia realizou a varios países de Europa, en parte buscando unha cura para o estrabismo que padecía unha das súas fillas, é onde Antía Cal entra en contacto coas novas técnicas pedagóxicas, que a partir de 1961 aplicaría na Escola Rosalía de Castro.
Antía Cal entrou en contacto nos anos 50 coas novas técnicas pedagóxicas en voga en Europa
A primeira localización da escola, de maneira provisional, foi na rúa Pizarro, e xa no curso seguinte, en 1962, abriu as portas o edificio da Gran Vía. Especialmente importante foi o contacto que neses anos estableceu en Cataluña coa coas Escolas de Verán Rosa Sensat, núcleo de renovación pedagóxica. A escola destacou dende o comezo pola oferta de bolsas ao alumnado procedente de familias con poucos recursos e pola aposta pioneira por promover o ensino infantil, dende os dous ou tres anos.
En 1958 Antía Cal publicara O libro dos nenos. Enciclopedia pro neno galego, unha obra que permaneceu agochada durante 60 anos nunha caixa de zapatos, ata que en 2018 o editou a Deputación de Lugo
Xa en 1958 Antía Cal publicara O libro dos nenos. Enciclopedia pro neno galego, unha obra que foi premiada polo Lar Galego de Caracas, pero que permaneceu agochada durante 60 anos nunha caixa de zapatos, ata que en 2018 o editou a Deputación de Lugo, grazas ao impulso de Miguel Piñeiro, xenro da autora. Esta enciclopedia, unha obra pioneira da pedagoxía galega, conta con preto de 400 paxinas e céntrase na xeografía universal e galega e tamén na Historia do mundo e de Galicia. No prólogo Antía Cal escribiu que as súas paxinas "deben ser lidas na clase por un rapaz en voz alta, mentres os seus compañeiros vano seguindo e o mestre aclarando as dubidas, ou ampliando a información".
Nos últimos anos comezou a recibir os moitos recoñecementos que mereceu ao longo da súa vída, entre eles o Premio Trasalba ou o Ernestina Otero
Nos últimos anos comezou a recibir os moitos recoñecementos que mereceu ao longo da súa vída, dende o Pedrón de Ouro (2004), o Premio Trasalba (2012), o Premio Otero Pedrayo da Deputación da Coruña (2018) ou o Premio Ernestina Otero do Consello Municipal da Muller e a Concellería de Igualdade do Concello de Vigo (2015), que destacou precisamente o seu labor a prol da igualdade entre sexos no ensino. Xurxo Martínez González escribiu neste artigo que "esta terra nosa pode presumir ante os máis letrados auditorios de posuír unha longa tradición de mulleres cun alto nivel intelectual e cun sólido grao reivindicativo dos dereitos feministas".
Tamén o Concello de Muras, de onde era orixinaria a súa familia, nomeouna filla adoptiva da localidade e puxo o seu nome a un colexio da vila. No ano 2016 Miguel Piñeiro recolleu a súa historia no documental ‘A palabra xusta’, un filme que percorre a súa vida e o seu pensamento, sempre dedicado á mellora do ensino e á procura do coñecemento e da igualdade.
En 2012, na entrega do Premio Trasalba, realizou un emocionado discurso ante o conselleiro de Educación criticando os peches de escolas no rural e os recortes orzamentarios no ensino
A pesar de estar xubilada dende o ano 1988, Antía Cal nunca abandonou a súa preocupación pola situación da educación. Na entrega do Premio Trasalba, que concede en Amoeiro a Fundación Otero Pedrayo, a galardoada leu un emocionado discurso no que criticou con dureza os recortes aplicados no ensino en Galicia, sentada fronte ao daquela conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, facendo especial fincapé no peche de escolas na zona rural. “Hoxe non podemos consentir que haxa analfabetos”, afirmou con rotundidade.
“Eu non merezo o Premio Trasalba porque o que eu fixen era o normal", afirmou con humildade ese día
“Eu non me merezo o Premio Trasalba porque o que eu fixen era o normal”, relataba neste artigo Carolina Díaz Ripoll que Antía Cal lle dixera o día da entrega deste galardón. "O normal nun país normal, claro, porque nós levamos séculos tratando de normalizarnos e que difícil resulta facer o normal! Quen sabe se o conseguiremos algún día, pero polo camiño van nacendo proxectos intrínsecos á nosa condición humana, necesarios e enriquecedores. Van quedando extraordinarias testemuñas do que somos", engadía a autora.