É 17 de maio de 2012 e queda por diante un longo día de homenaxes. Vou camiño de Vigo dende A Coruña pola autoestrada do Atlántico, cavilando acerca da importancia dos símbolos e do vizosa que está a resultar esta primavera galega. A terra reverdecida coas choivas de abril envolve os arrabaldes de Compostela e a catedral fica ao lonxe, en boa compaña, rodeada de 25.000 persoas que reivindican o seu dereito a vivir en galego.
Ás veces querémonos pouco e entón cada ano os símbolos recórdannos a nós mesmos e ao resto do mundo que seguimos en pé, que temos saúde, e que aínda conservamos folgos para continua
Os símbolos son moi necesarios, sobre todo para os países coma o noso, con tanta fame de defender a súa identidade nun mundo despiadado. Isto xa o tiñan claro os precursores do Rexurdimento, as Irmandades da Fala, a Xeración Nós… Arestora os símbolos non son só a bandeira, o himno e o escudo. O Día das Letras Galegas, o Premio Trasalba e o Pedrón de Ouro son símbolos tamén que nos devolven unha realidade non sempre ben aceptada política e institucionalmente: somos un país con lingua propia, con identidade diferenciada e con recursos de seu.
Ademais, os símbolos están socialmente aceptados e sobrevívennos ás persoas, perduran no tempo e dá igual a cor dos gobernos que se sucedan ou os responsables de mantelos que se nomeen, porque eles sempre fican aí, para os cidadáns, para defender os nosos intereses. Pero ás veces querémonos pouco e entón cada ano os símbolos recórdannos a nós mesmos e ao resto do mundo que seguimos en pé, que temos saúde, e que aínda conservamos folgos para continuar porque, como dixera Luís Seoane, queremos enriquecer o mundo coa nosa diferenza.
Os encargados, este ano, de lembrarnos a nosa existencia e de transmitir optimismo e esperanza ás vindeiras xeracións son Valentín Paz-Andrade, Antía Cal e Mariló Candedo de Nova Escola Galega
Os encargados, este ano, de lembrarnos a nosa existencia e de transmitir optimismo e esperanza ás vindeiras xeracións son Valentín Paz-Andrade, Antía Cal e Mariló Candedo de Nova Escola Galega. Os dous primeiros viviron o exilio interior, ou mellor dito, combateron o exilio interior durante o franquismo, converténdose en activistas, porque estaban convencidos de que os cambios que se precisaban no país tiñan que vir da man da mobilización social e a ditadura non podía ser tempo perdido. Gañaron grandes batallas sociais. Valentín acadouno a través da política, celebrando a “alborada cívica” que supuxo o Estatuto de Autonomía, primando a acción sobre a teorización, conectando aos grupos que comprendían o tecido social galego; e Antía a través da pedagoxía, fundando a escola que moitos pais desexamos: galeguista, con presenza indiscutible do galego, laica, progresista, igualitaria, plurilingüe de verdade.
A Nova Escola Galega colleu a remuda hai tres décadas e hoxe máis que nunca o activismo a prol da educación pública galega é unha necesidade imperativa despois das últimas embestidas, mais tamén unha batalla que todavía temos que gañar
A Nova Escola Galega colleu a remuda hai tres décadas e hoxe máis que nunca o activismo a prol da educación pública galega é unha necesidade imperativa despois das últimas embestidas, mais tamén unha batalla que todavía temos que gañar. Eles sabían que contra o atraso e o pesimismo había que botar man da xente e viron que espertar a conciencia dos galegos era necesario, fundamental. Esta visión a prol do conxunto e non do individuo, foi o motor de grandes proxectos que axudaron ao noso país a non diluírse. Este é o espírito que precisamos neste intre porque agora como entón non podemos perder o tempo.
Por fin chego a Vigo e abrazo a Antía. A aperta prolóngase, fraternal, fonda. Ollámonos emocionadas mentres Sabela Paz-Andrade recita con forza un poema de Pranto Matricial e de súpeto sinto un profundo respecto pola muller que non só artellou un novo xeito de ensinar e transmitir os nosos valores de xeración en xeración, senón porque tivo o valor de levar a cabo a súa arela nunhas condicións moi difíciles (muller-galega-comprometida). Pero era necesario. “Eu non me merezo o Premio Trasalba –dime insistente– porque o que eu fixen era o normal”. O normal nun país normal, claro, porque nós levamos séculos tratando de normalizarnos e que difícil resulta facer o normal! Quen sabe se o conseguiremos algún día, pero polo camiño van nacendo proxectos intrínsecos á nosa condición humana, necesarios e enriquecedores. Van quedando extraordinarias testemuñas do que somos.
Polo camiño van nacendo proxectos intrínsecos á nosa condición humana, necesarios e enriquecedores. Van quedando extraordinarias testemuñas do que somos
Antes de partir de novo a Coruña, cantamos o himno. Cando era unha rapaza noviña Xosé Manuel Beiras sempre me animaba a que o cantase máis alto. Eu sei porque mo pedía, porque os que o cantamos, debemos facelo con máis forza por aqueles que quedan calados.