Carolina Díaz Ripoll nace na Coruña o 6 de maio de 1974 pero críase en Sargadelos ata os 14 anos, cando ingresa no Instituto de Elviña da Coruña e onde coñece a xente con moitas gañas de vivir e de facer país. Licenciada en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela en 1997, comeza a traballar en Vigo na revista Industrias Pesqueras fundada por Valentín Paz-Andrade. Posteriormente, trasládase de novo a Coruña onde realiza un Máster en Dirección e Administración de Empresas e pasa a ocuparse da xestión cultural en Imago Mundi onde leva xa máis dunha ducia de anos.