O espertar galego

Ramón, un avogado galego afincado en Bos Aires, ten que ir a Xenebra por motivos de traballo e, á volta, decide pasar por Compostela para visitar a Camilo, deseñador gráfico e pintor. Ramón sente unha profunda emoción ao pisar as pedras do casco histórico santiagués ata chegar a casa do seu amigo. Cruzar a Praza do Obradoiro enche a súa alma segreda de lembrazas gravadas a lume. Camilo recíbeo agarimoso, hospitalario, coa súa bata branca de creador infatigable. Ofrécelle a calor da amizade e da súa casa chea de tesouros que gardan intensas historias deste país. E comezan a falar, un pouco de todo, da vida e da non vida, das cousas que están a pasar e que pasarán, que son moitas.

– Como che vai Camilo?

Son un galego novo, resúltame tan antipática a Galiza de pandeireta como a Galiza humillada ante os seus verdugos. Quero un país que goce plenamente na Liberdade e no Traballo. Hoxe, para considerarme verdadeiramente artista galego, teño que ser nacionalista galego, porque non entendo a arte sen ideas de redención de Galiza.

– E a política galega?

Precisamos un nacionalismo sen fronteiras, capaz de contemplar todos os grandes problemas sociais, políticos e económicos e resolvelos a través dos postulados máis atrevidos da esquerda. Que cada pobo desenvolva as súas actividades de acordo coas súas características históricas é algo que non pode ser combatido por ningunha ideoloxía. E calquera movemento tendente á implantación da República, contará cos nacionalistas galegos porque temos unha gloriosa tradición revolucionaria nos vellos Irmandiños que non eran, como alguén dixo, instrumentos duns nobres contra outros, senón organizacións populares gardadoras dos dereitos do pobo e dos foros da vella Nación Galega e dun espírito admirablemente revolucionario.

Esta conversa ten lugar en 1926 e sairía do prelo en forma de entrevista en El Despertar Gallego, un xornal editado en Bos Aires. A Camilo Díaz Baliño asasinaríano o 14 de agosto de 1936 e Ramón Suárez Picallo morrería no exilio sen poder cumprir o devezo de ser enterrado na súa terra ata o ano 2008… e o noso tempo segue sen restaurar a súa memoria na altura que merecen.

– Camilo, como está a situación no Estado español?

– Pero Ramón, é que non o ves? É unha tranquilidade ficticia. Estamos sobre un volcán próximo a unha erupción terrible. Vivimos aplastados baixo unha mole que nos aniquila o corpo e a alma.

Os valores republicanos que se foron filtrando na construción da democracia baixo a monarquía parlamentaria española, esváense nun contexto reaccionario que aproveita a recesión económica

Os valores republicanos que se foron filtrando na construción da democracia baixo a monarquía parlamentaria española, esváense nun contexto reaccionario que aproveita a recesión económica. Porque de orixe republicana era o sistema público e universal da sanidade que está desaparecendo; tamén o era a educación pública e de calidade, na que agora soportamos cuestións como a segregación por sexos; as iniciativas destinadas a difundir a cultura eran de berce republicano, e hoxe brillan pola súa ausencia; de selo republicano era o pulo á investigación científica, e que lle pregunten á USC que tal vai a cousa nesta materia; as políticas de igualdade eran radicalmente republicanas e hoxe quérennos quitar o dereito a abortar libremente; o debate intelectual, nun senso moderno, era de semente republicana e eu bótoo moitísimo de menos.

Que difícil honrar así a memoria de Camilo e de Ramón e de tantos outros. Baste con recordalos e facerlles algo de caso.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.