Coñecín a Mariano Rajoy na World Fishing Exhibition de 1997. Por aquela época era Ministro de Administracións Públicas no goberno de Aznar. Cargo que lle foi asignado para xestionar a prometida transferencia competencial a Catalunya (Pujol) e a Euskadi (Arzalluz) a cambio da firma do pacto de investidura parlamentaria.
Tiña un aspecto relaxado, o dun tipo ao que lle ían ben as cousas. Era afable e moi educado. Si, estaba nun bo momento. Agora sabemos que a vida lle sorría máis do que nos podíamos imaxinar. Chamoume a atención, daquela, que a visita que realizou á Feira Mundial foi rápida e superficial. Era evidente que non lle interesaba. A min esa actitude, vindo dun ministro, sorprendeume moito. A World Fishing era e segue a ser un proxecto de grande envergadura que cada 6 anos sitúa a Vigo e, polo tanto a Galiza, como referencia mundial da industria do mar. Pero o noso protagonista, políticamente máis ocupado en meterlle o freo aos nacionalistas que continuaban pedindo máis competencias para os seus respectivos países, decidiu pasar a maior parte da súa visita ao recinto ferial, tomándose varios mojitos nun stand de Cuba.
Teño escoitado dicir que no Estado español acabarán como en Italia, poñendo a un equipo de tecnócratas a ordenar a casa. E precisamente trátase do contrario. Os tecnócratas xa están metidos dentro (tecnócratas corruptos, ademais)
Nunca pensei que aquel home, con aire de bon vivant e máis preocupado polos ingredientes dun cóctail tropical que por todo o que alí se estaba cocendo en beneficio do país e do conxunto do Estado, acabaría sendo presidente do goberno español.
Estes días de resaca, despois de que se confirmara case oficialmente que estamos gobernados pola mafia, teño escoitado dicir que no Estado español acabarán como en Italia, poñendo a un equipo de tecnócratas a ordenar a casa. E precisamente trátase do contrario. Os tecnócratas xa están metidos dentro (tecnócratas corruptos, ademais). O que precisamos son políticos con verdadeira vocación, con auténtica capacidade de compromiso e liderato. Hoxe máis que nunca debemos reclamar como cidadáns a figura do político entregado e culto no senso europeu, austero e comprometido que perciba a súa laboura como a prestación dun servizo de xeito incondicional á cidadanía.
Hoxe o goberno de Mariano Rajoy ten á opinión pública totalmente descontrolada. A súa desafortunada declaración, nada menos que tres días despois de destaparse o seu suposto enriquecemento ilícito, non fixo máis que darlle fol á chama do regueiro de indignación
David Hume, un prolífico e intelixente escocés que viviu hai uns 300 anos, sorprendíase da facilidade con que uns poucos gobernan a moitos. Abraiábase da implícita submisión con que os homes e mulleres se entregaban aos gobernantes, cando para el, a forza sempre estaba do lado dos gobernados. Pensou, entón, que a opinión pública tiña que xogar un papel fundamental, concluíndo que quen a controlase, había ter o consentimento das masas para ser gobernadas.
Hoxe o goberno de Mariano Rajoy ten á opinión pública totalmente descontrolada. A súa desafortunada declaración, nada menos que tres días despois de destaparse o seu suposto enriquecemento ilícito, non fixo máis que darlle fol á chama do regueiro de indignación que se estende como a pólvora por todo o Estado.
Merecémonos algo mellor, sen dúbida. Empreguemos aquela forza da que falaba Hume para reclamar un cambio, unha situación máis acorde cos sacrificios que realizamos cada día
As palabras adicadas á Ministra de Sanidade Ana Mato demostran a súa incapacidade para ser un estadista e o seu carácter pueril e superficial de enfrontarse á realidade: “Non te preocupes, sabemos polo que estás pasando Ana…”. Cando o lóxico sería dicir: “Anuncio a dimisión da ministra”. Pero non, no fondo non son un presidente e unha ministra, non son dous políticos de verdade, son dous amiguetes que, xunto con outros membros da “familia”, decidiron axudarse a eles mesmos, sen vocación de servizo aos demais, deshonestos e amorais que levan varios anos incrementando a súa fortuna a costa do esforzo honrado dos gobernados. Merecémonos algo mellor, sen dúbida. Empreguemos aquela forza da que falaba Hume para reclamar un cambio, unha situación máis acorde cos sacrificios que realizamos cada día.