Clonemos este país

Cando Charles Darwin escribiu A orixe das especies non imaxinou que a súa teoría da evolución chegaría a ter unha repercusión política tan importante na periferia europea como a que está a ter xa ben entrado o século XXI. Actualmente, entre os neoliberais que desgraciadamente nos gobernan, subxace a idea de que os pobres, en tempos de crise, o que teñen que facer é emigrar ou aguantar, sufrir ou palmala, resistir ou desaparecer.

Aqueles membros da poboación con menos capacidade de adaptación ás medidas de recortes, morrerán con maior probabilidade

Aqueles membros da poboación con menos capacidade de adaptación ás medidas de recortes, morrerán con maior probabilidade, e aqueles membros con características mellor adaptadas (conservación precaria do posto de traballo, apoio familiar, emigración), sobrevivirán con maior probabilidade. Amaia Egaña de Barakaldo non sobreviviu á nova realidade imposta pola política da usura.

E, mentres as súas políticas parasitarias fabrican cada vez máis pobres (en beneficio duns ricos que ven engordar as súas especulativas contas bancarias), percíbese un enfriamento vampírico do ánimo, unha especie de rendición terrenal da especie humana, ao tempo que o verme da clase política corrupta, que alimenta ao poder financeiro, se nos mete no corpo, apodrecéndoo.

A teoría neodarwinista non é aplicada pola dereita española só á cidadanía, senón ao mesmísimo modelo territorial

A diferencia entre Darwin e os neocons é que o primeiro explica a evolución das especies unha vez que esta está consumada polos efectos da Natureza; pola contra, os segundos, impoñen a selección natural antes de que se produza. Deciden o destino dos novos pobres, dos case 6 millóns de parados e subsidiarios, esa chusma sobrante... que se fodan!

Pero a teoría neodarwinista non é aplicada pola dereita española só á cidadanía, senón ao mesmísimo modelo territorial, sendo as nacionalidades históricas e periféricas as peor situadas para adaptarse a un medio tan hostil. Porque o Estado español nunca se sentiu ligado a Galiza. Só nos momentos en que lle interesa obter réditos eleitorais ven apañar o ouro e despois se te vin, non me acordo. O noso pobo é obxecto de todas as vexacións do poder central e a servidume política, que leva anos estendéndose como un cancro que, lonxe de curarse, vai camiño da metástase, producindo verdadeira castración.

O pasado 21-O perdemos o momento de emprender o camiño cara unha nova política, pasando a converternos nunha especie en vía de extinción, quedando relegados aos últimos postos na carreira a prol da supervivencia

Pero mentres o centralismo e a involución do sistema autonómico sumen a Galiza na vía da desaparición, en Catalunya e Euskalerria néganse a aceptar o azoute da dependencia política. E, tal e como están as cousas, a súa independencia sería a nosa condena definitiva, porque ficaríamos sós contra unha forza centrípeta dentro do proceso de decadencia que o Estado español está orixinando para sí mesmo.

O pasado 21-O perdemos o momento de emprender o camiño cara unha nova política, pasando a converternos nunha especie en vía de extinción, quedando relegados aos últimos postos na carreira a prol da supervivencia. Por iso se me ocorre que, ao igual que os neocons españolistas, os galegos que aínda nos recoñecemos, tamén podíamos botar man da ciencia, porque agora a clonación pódese aplicar para preservar as especies próximas a extinguirse e ese semella ser o noso caso.

Sería unha clonación na que intentaríamos, pola vía da modificación embrionaria, omitir no resultado as taras biolóxicas que esta Terra ten como defectuosas, eliminando así a predisposición xenética á submisión

Así que, seguindo aos científicos de Escocia que clonaron unha ovella, poderíamos intentar reunir a un grupo de científicos galegos (que para iso temos tamén unha orixe celta como os escoceses) para clonar Galiza. Reinventarnos forma parte do noso acervo cultural. Sería unha clonación na que intentaríamos, pola vía da modificación embrionaria, omitir no resultado as taras biolóxicas que esta Terra ten como defectuosas, eliminando así a predisposición xenética á submisión e permitindo un reforzamento das defensas do organismo sen precisar do Actimel, favorecendo a entrada en acción das forzas vivas e sensibles do noso país. E, se non é moito pedir, mantería a cor verde que caracteriza á nosa paisaxe, porque é a cor da esperanza, unha esperanza que xa foi, a da Galiza autonomista, a da Galiza nacionalidade histórica, a da Galiza que naceu e renaceu, algo que xa ninguén pode negar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.