Os mayas acertaron. Esta é a fin do mundo, desde logo a fin do mundo tal e como o coñecíamos. Probablemente en Galiza, a fin do mundo comezou en 1989, cando Fraga gañou as eleccións autonómicas por primeira vez. O seu instinto de animal político e a súa astucia levárono a atar a este país en curto e foino domando e castrando paseniñamente, década a década, ata deixalo espido, sen a forza da lingua, da natalidade, do tecido empresarial comprometido coa Terra, sen avanzar no Estatuto que nos foi dado por dereito democrático e plebiscitario. A súa experiencia como ministro de Franco, levouno a actuar aquí de maneira controlada e medida coa cultura: apretar, pero sen asfixiar, deixar facer mornamente.
Probablemente en Galiza, a fin do mundo comezou en 1989, cando Fraga gañou as eleccións autonómicas por primeira vez
E así foi como a nosa identidade se foi esvaíndo no tempo: cada vez menos galegofalantes, cada vez menos empresas galegas, cada vez máis distancia competencial a respeito das outras dúas nacionalidades históricas. Foi unha batalla dura para a oposición, que nunca chegou a gañar realmente, pois a negra semente xa estaba botada na terra e non tardaría en agromar coa crise que comeza no 2007 e que se fai realidade a partir de 2009. Ano no que se pon en marcha o escenario perfecto para rematar coa laboura emprendida décadas atrás. Semente escura que, por outra banda, tamén agromou onde non debía. O vazquismo nado na Coruña alimentou unha sinerxia que aínda hoxe se estende entolecida e desquiciada, conducindo ao primeiro partido da oposición cara un abismo profundo e escarpado: como un francotirador que acaba disparando contra os seus.
E así foi como a nosa identidade se foi esvaíndo no tempo: cada vez menos galegofalantes, cada vez menos empresas galegas, cada vez máis distancia competencial a respeito das outras dúas nacionalidades históricas
E así chegamos aos nosos días, con poucas armas pacíficas neste contexto de desgaste democrático, con escasas armas legais para defendermos da segunda lexislatura de Feijoo, que está aproveitando para dar o golpe de graza definitivo a este país en chamas. Precisamente, cando somos protagonistas involuntarios da fin do noso mundo, aquí na periferia das periferias, no finisterrae europeu, sorprende a resposta tan dócil da xente. Como é posible que mentres os bancos nos rouban os cartos, subennos os impostos, baixannos considerablemente os salarios, quedamos sen emprego, sen casa, mentres vemos esmorecer a sanidade e a aducación públicas, mentres deixamos de nacer, mentres desaparecemos como pobo... só os berros afogados duns poucos deixan escapar a carraxe e a impotencia da dor que reparten os gobernantes no canto de gobernar, de xestionar a res publica de todos nós, de servirnos aos cidadáns.
Como se pode entender que se critique a actuación duns cidadáns que o perderon todo pola estafa de bancos tutelados pola administración galega?
Os comentarios de voces expertas e respetadas que estes días critican na prensa a irrupción dos afectados polas preferentes no Parlamento galego, veñen demostrar que a doma e castración practicadas nas décadas do fraguismo son efectivas. Porque, como se pode entender que se critique a actuación duns cidadáns que o perderon todo pola estafa de bancos tutelados pola administración galega? É que non ten dereito a sociedade a espertar deste pesadelo continuo e sen tregua que percorre as nosas vidas insistente? Hai reaccións cidadás que bordean a legalidade en estricto senso, pero non é nada comparable co crime que os gobernantes perpetúan día tras día impunemente. Gobernar en democracia non é repartir dor e inxustiza, é acadar a prosperidade e repartir benestar á cidadanía.
Gobernar en democracia non é repartir dor e inxustiza, é acadar a prosperidade e repartir benestar á cidadanía
O PP goberna con maioría absoluta en Galiza e no Estado español (e xa postos na Coruña), si, é unha realidade empírica, pero que non os lexitima para facer todo o que lles peta. Primeiro, porque teñen a responsabilidade de gobernar para todos, non só para aqueles que os votaron. E segundo, porque incluso fáltanlle ao respeito a aqueles que os votaron, por incumplir sistemáticamente o seu programa eleitoral, por desafiar as regras máis básicas da democracia, por provocar, por machacar, por destrozar, por destruir, por enlamar, por arruinar, por desfacer, por acabar co mundo, imperfecto pero noso… co mundo tal como nós o concebíamos. Aquí non fan falla meteoritos.