Poida que Feijóo non sexa como Grey: aínda non se fixo multimillonario, nin está musculado nin é guapísimo, pero do que si pode presumir é de ser un obseso do control e de desexarnos, aos galegos, máis como submisos que como cidadáns. Así que ademais de aguantar a un presidente que non ten nada de atractivo, temos que sorportar e padecer a diario as súas cincuenta sombras: a corrupción do seu partido en todas as súas vertentes máis pervertidas.
Pero o tipo de corrupción legal é menos doada de visibilizar, é descoñecida socialmente, pero é dura, moi dura e ninguén pode xulgala pola vía penal porque é unha opción vital de cada partido no poder
Porque existen varios tipos de corrupción que poderíamos resumir en dous grandes grupos: a corrupción legal (o polvo sadomasoquista) e a corrupción ilegal (o polvo vainilla). Esta última, a corrupción ilegal é a máis vistosa cando se descubre, socialmente palpable e moi rica en protagonistas cando se tira do fío. Demasiada xente para que a relación resulte plenamente satisfactoria. Este é o tipo de corrupción que compete ao poder xudicial e da que pasa lista a opinión pública. Sería o caso, por exemplo, do xefe de Feijóo, Rajoy e parte do seu goberno, e o caso tamén do ex-alcalde de Compostela, Conde Roa, do actual alcalde Ángel (ha,ha!) Currás e gran parte da corporación municipal.
Pero o tipo de corrupción legal é menos doada de visibilizar, é descoñecida socialmente, pero é dura, moi dura e ninguén pode xulgala pola vía penal porque é unha opción vital de cada partido no poder, unha opción permitida pola lei. Pero claro, como distinguir ao sadomasoquista, envolto en verbas sempre benintecionadas, falando de perversión coma se fosen outros quen a practican, enarbolando a guerra contra a violencia? Si, é difícil descubrilos, pero ás veces sae algunha noticia que se coa pola rede ou por algún xornal en papel e entón… zas! Cazamos o político corrupto –de traxe impecablemente aburrido, de día– vestido de coiro cun látigo na man, de noite: é a súa oculta opción vital.
Un xeito legal de corrupción, por exemplo, é o que ven facendo o Concello da Coruña, con Carlos Negreira a través da compañía de augas EMALCSA
Un xeito legal de corrupción, por exemplo, é o que ven facendo o Concello da Coruña, con Carlos Negreira a través da compañía de augas EMALCSA. Porque este organismo que xestiona o subministro de auga converteuse nunha máquina de facer cartos. Tanto, que despois de dedicarse a actividades máis propias dunha empresa privada de carácter financeiro e despois de vender a súa participación en R, obtivo o ano pasado unha plusvalía de 4,5 millóns de euros.
Nota vostede que o seu recibo da auga é máis barato? Non, encarécese. Olla, ás veces tras da xanela, e despois de ver chover durante días, pregúntase por que vivindo nun país con tanta auga o que paga por ela incrementa de xeito insultante en cada recibo? Pois saiba vostede que o goberno de Negreira decidiu que os cartos excedentarios de EMALCSA non serían para enfriar o recibo da auga, senón para adxudicar un contrato de case 700.000 euros á Fundación Metrópoli (antiga socia do Instituto Nóos) este mes de setembro, para levar a cabo un proxecto de “desenvolvemento dos elementos estratéxicos da Coruña para que a cidade salga da crise”.
Con estes gobernantes corruptos non se albisca horizonte. E eu quero ver o horizonte, aínda que non poida disfrutalo, por agora
A min encantaríame darlle unha alegría ao corpo e sair desta crise, desta grande depresión, dunha vez por todas. Pero con gobernos tan PPervertidos, en todas as súas vertentes, algo que podía recoñecerse inicialmente como unha opción vital legal, ten mudado nunhas prácticas ilexítimas e retorcidas que menoscaban a nosa dignidade como cidadáns e que nos transforman en submisos sen desexalo. Con estes gobernantes corruptos non se albisca horizonte. E eu quero ver o horizonte, aínda que non poida disfrutalo, por agora.