Só Vilagarcía de Arousa tivo o pasado ano máis infraccións penais (medidas en delitos por habitante) que a media do Estado e no caso dos roubos e furtos, só Coruña supera (e por moi pouco) a media española
Dende hai tempo vén incrementándose nalgúns medios de comunicación e entre determinadas forzas políticas unha alarma social sobre un suposto aumento da criminalidade. Os datos oficiais desmenten esa impresión, pois o número de delitos denunciados mantense relativamente estable dende o ano 2010, cun lixeiro aumento debido á suba, esta si importante, do número de estafas informáticas e outros ciberdelitos.
As rúas, polo tanto, non son máis inseguras que antes e, sobre todo, non o son en Galicia en comparación co resto do Estado. As estatísticas dos Indicadores Urbanos publicados polo INE hai uns días inclúen o indicador comparado da taxa de delitos cometidos nas localidades de máis de 20.000 habitantes en todo o Estado. Unha información que permite comprobar que as cidades e vilas galegas son máis seguras que a media española.
Nos delitos sexuais, si hai máis concellos galegos por riba da media: Santiago, Ponteareas, Ribeira, Vigo e Ourense
Así, tan só Vilagarcía de Arousa tivo o pasado ano máis infraccións penais (medidas en delitos por habitante) que a media do Estado, situándose lixeiramente por riba deste indicador, ao que non chegan o resto de cidades e vilas galegas. En todo caso, o dato de Vilagarcía (52,9 por cada mil habitantes, case idéntico á media española: 51) está moi lonxe dos valores de moitas cidades, como Barcelona (111,4) ou Madrid (73,3) e vilas doutros territorios do Estado, como veremos máis adiante.
O mesmo sucede no caso dos roubos e furtos, nos que só Coruña supera (e por moi pouco) a media estatal. E tamén no dos delitos contra a liberdade sexual, aínda que neste caso si hai máis localidades galegas por riba da media, como Santiago, Ponteareas, Ribeira, Vigo e Ourense. Cómpre lembra que o número de agresións sexuais con penetración duplicouse nos últimos cinco anos en Galicia.
En todo caso, a maior parte das localidades galegas de máis de 20.000 habitantes presentan unha taxa de criminalidade moi inferior aos datos doutros territorios
En todo caso, os valores das cidades e vilas galegas aparecen maioritariamente por debaixo da media, como reflite o gráfico seguinte. Así, no caso da totalidade das infraccións penais, entre as 425 localidades de máis de 20.000 habitantes no Estado, Vilagarcía é unicamente a 128ª cunha taxa maior.
O resto de concellos galegos aparecen xa en postos moito máis abaixo, como A Coruña (168ª), Ribeira (177ª) ou Santiago (185ª). Os outros concellos galegos aparecen moito máis atrás, co Porriño, Narón, Ames, Cambre, Lalín, Marín, Redondela ou A Estrada entre as 52 localidades de máis de 20.000 habitantes con menos criminalidade en todo o Estado.
Vilagarcía é unicamente a 128ª localidade cunha maior taxa de delitos cometidos entre as 425 de máis de 20.000 habitantes en todo o Estado
A mesma análise pode facerse no caso dos roubos e furtos, no que A Coruña, a única localidade galega por riba da media, é a 78 localidade cunha maior taxa en todo o Estado. En cambio, Redondela, Marín, Cambre, Ames, Lalín e A Estrada aparecen entre as 25 localidades con menos delitos deste tipo.
E mesmo entre os delitos contra a liberdade sexual, Santiago (o de maior taxa en Galicia) é unicamente o 53ª en todo o Estado.
Roubos e furtos presentan unha tendencia a descender, o conxunto de infraccións penais (incluídos os ciberdelitos) aumentan, o mesmo que os delitos contra a liberdade sexual
O derradeiro gráfico permite analizar a evolución no tempo da taxa de criminalidade en cada localidade e no conxunto do Estado, onde vemos que mentres que roubos e furtos presentan unha tendencia a descender, o conxunto de infraccións penais (incluídos os ciberdelitos) aumentan, o mesmo que os delitos contra a liberdade sexual. As tendencias son semellantes na maior parte de cidades e vilas galegas.