O número de violacións en Galicia non deixou de medrar nos últimos anos, dende as ao redor de 60 que se contabilizaban anualmente entre 2011 e 2017 ata superar as 100 por primeira vez en 2019, as 144 de 2021, as 155 de 2022 e, finalmente, as 201 coñecidas pola Policía en 2023
O número de violacións disparouse en Galicia no ano 2023. O Ministerio do Interior publicou esta semana o balance de criminalidade correspondente ao cuarto trimestre, que completa a estatística correspondente ao pasado ano. A estatística amosa un moi importante aumento dos delitos coñecidos contra a liberdade sexual, que pasan de 719 a 811 nun ano (unha suba do 13%) e, sobre todo, das agresións sexuais con penetración, que pasan de 155 en 2022 a 201 en 2023, cun aumento do 30%.
O número de violacións en Galicia non deixou de medrar nos últimos anos, dende as ao redor de 60 que se contabilizaban anualmente entre 2011 e 2017 ata superar as 100 por primeira vez en 2019, as 144 de 2021, as 155 de 2022 e, finalmente, as 201 coñecidas pola Policía o pasado ano. Nos últimos cinco anos a cifra máis de que se duplicou.
A evolución do conxunto de delitos contra a liberdade sexual tamén segue unha tendencia de ascenso, aínda que menos acentuada. Ata o ano 2017 a cifra total movíase entre os 300 e os 500 delitos e hoxe supera os 800
A evolución do conxunto de delitos contra a liberdade sexual (agresión e abuso sexual sen penetración, acoso sexual, exhibicionismo, pornografía infantil, corrupción de menores, prostitución...) tamén segue unha tendencia de ascenso, aínda que menos acentuada. Ata o ano 2017 a cifra total movíase entre os 300 e os 500 delitos, en 2018 superouse por primeira vez o medio milleiro e despois da situación excepcional vivida no ano 2020 coa pandemia de COVID, a cifra continuou en aumento, con 707 delitos en 2021, 719 en 2022 e, finalmente, 811 en 2023.
Malia este forte incremento, o número de delitos contra a liberdade sexual en Galicia se sitúa aínda por debaixo da media do Estado, nunha listaxe que encabeza Cataluña
Cómpre sinalar que, malia este forte incremento, o número de delitos contra a liberdade sexual en Galicia se sitúa aínda por debaixo da media do Estado. En 2022 rexistráronse 2,7 destes delitos por cada 100.000 habitantes, por debaixo da media española (4 delitos contra a liberdade sexual por cada 100.000 habitantes).
En canto ás violacións, a gráfica amosa que Cataluña é o territorio no que se denuncian máis e que Galicia é a sétima comunidade autónoma cunha cifra máis elevada, por detrás de territorios como Canarias ou País Vasco que teñen menos poboación. A variación porcentual do último ano en Galicia (+29,7%) si se sitúa entre os primeiros, só por detrás do de Asturias e Cataluña e con datos semellantes ao de Castela-León.
A gran maioría das vítimas dos delitos contra a liberdade sexual son mulleres (86%) e a inmensa maioría dos denunciados son homes
Os informes do Ministerio do Interior destacan que os meses próximos ao verán -entre maio e setembro- son o momento do ano no que se rexistran máis delitos deste tipo. A gran maioría das vítimas son mulleres (86%) e a inmensa maioría dos denunciados son homes (o 94%, as mulleres practicamente só aparecen como vitimarias nos delitos de prostitución).
O pasado ano Vigo encabezou a estatística con 36 violacións, máis do dobre das coñecidas en 2022 (17). Aparecen despois A Coruña e Ourense con 15, Santiago con 13 e Ferrol con 12
Os datos do Ministerio do Interior dan conta do número de agresións con penetración denunciadas en cada concello con máis de 20.000 habitantes. O pasado ano Vigo encabezou a estatística con 36 violacións, máis do dobre das coñecidas en 2022 (17). Aparecen despois A Coruña e Ourense con 15, Santiago con 13 e Ferrol con 12, mentres que Lugo (9) e Pontevedra (7) pechan a lista das cidades. En todos os casos, agás no de Ourense, as cifras superan claramente as de 2022.
Fóra das cidades, destacan os datos de Vilagarcía, Ames, Oleiros, Arteixo, Ponteareas e Narón, todas elas con cando menos tres violacións denunciadas no ano 2023.