O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pronúnciase por primeira vez de maneira xenérica -isto é, alén das consideracións particulares dun caso concreto- sobre a posibilidade de revisar condenas a delincuentes sexuais ao abeiro da nova lei de liberdade sexual. E a conclusión é que cabe esa revisión, pero caso por caso e só se favorece a persoa condenada.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pronúnciase por primeira vez de maneira xenérica sobre a aplicación da lei de liberdade sexual na revisión de penas
Así o indica a súa Sala do Civil e Penal a través dunha sentenza na que rexeita rebaixar os once anos e medio de prisión aos que a Audiencia da Coruña condenara un home por "captación e utilización de menores para elaborar material pornográfico infantil" e mais por "delito continuado de agresión sexual" a unha nena de 13 anos coa que contactara a través de internet. Non retoca a sentenza previa por non ser a nova lei "máis favorable, senón máis desfavorable para o reo", polo que se a revisa, cabería agravala.
Para razoar esa decisión, o TSXG introduce ese pronunciamento xenérico sobre a nova lei, comezando por lembrar que a Constitución e o Código Penal impiden aplicar retroactivamente as novas leis se prexudican a quen xa foi condenado, pero estipulan que cómpre facelo cando o benefician. E continuando por analizar o contexto da lei coñecida como do "só si é si", na que a "vontade do lexislador" foi "dispensar ás mulleres é ás nenas, principais afectadas" por "esta clase de crimes", unha "maior protección xurídica e especialmente, penal".
Lembra o tribunal que a nova lei "redefiniu as agresións sexuais" para incluír nelas "o que antes se catalogaba como abusos", o que deu lugar ao "redimensionamento dos marcos penais"
Co novo texto, continúa o alto tribunal galego, produciuse "o incremento dalgunhas penas, pero tamén a rebaixa doutras", nun contexto no que algunhas accións antes consideradas como "vexacións inxustas de carácter leve" pasan a "ser consideradas como auténticas agresións sexuais". Así, explica, produciuse un "redimensionamento de determinados marcos penais", algo que "resulta obrigado" para "permitir os xuíces e tribunais" adaptar as condenas a cada caso, xa que houbo unha "redefinición das agresións sexuais, agora incluíntes do que antes se catalogaba como abusos sexuais" dentro dunha nova "definición auténtica do consentimento para a realización do acto sexual".
A "inevitable consecuencia" desta determinación de ampliar a consideración das agresións sexuais é que "certos delitos" pasan a estar castigados con "penas menores". "Cabería interpretar que eses marcos penais das agresións sexuais modificados á baixa" terían, "no seu límite inferior, a vocación de ser aplicados a aquelas condutas que antes eran constitutivas de abusos", considera o tribunal, se ben agrega que "esa interpretación traizoaría o espírito da propia lei", porque todo o que agora son legalmente "agresións sexuais" só se poden distinguir entre si por como foron cometidos, pero teñen unha "común natureza xurídica".
A partir de aquí, o TSXG lembra que "cando o lexislador quixo que teña lugar un singularizado proceso de revisión de penas", fixouno así na propia lei, o cal non sucede neste caso. Cabería, daquela, asumir "que non caben reducións de condena porque a lei está así perfecta", remitirse a outras leis nas que si houbo un réxime transitorio ou "entender" que o que cómpre é revisar as sentenzas se a nova normativa é máis favorable aos condenados.
"Cabe a revisión de condenas, pero atendendo as concretas circunstancias do caso e facendo unha ponderada análise de en que medida favorece ao reo a nova lexislación
O criterio do Superior é optar pola terceira opción: "Cabe a revisión de condenas, pero atendendo as concretas circunstancias do caso e facendo unha ponderada análise de en que medida favorece ao reo a nova lexislación", aplicando "a disposición máis favorable" ao condenado.
Agrega ademais que ao que non hai que "atender" é á vontade do lexislador (en rigor, á vontade das Cortes que aprobaron a lei) porque "non constitúe un criterio" que sexa "válido" para interpretar a norma, "como é ben coñecido". Sobre estas liñas xerais, rexeita a devandita revisión de sentenza pero, noutro caso, reduce de once anos a dez anos e seis meses a condena imposta pola Audiencia de Pontevedra "a un home que abusou sexualmente da filla da súa parella en 2020, cando a menor tiña catro anos".