Entre xaneiro e xuño deste ano 19 mulleres foron asasinadas por homes cos que non matiñan nin mantiveran unha relación sentimental de parella, un novo dato que se suma aos 28 feminicidios ata este luns causados por agresores que eran parella ou exparella das súas vítimas
“Cando se adoptan medidas públicas, cando se realiza unha sensibilización, cando se poñen medios de saída, cando se amplía o 016 pero tamén os recursos das Comunidades Autónomas, cando se lles di ás mulleres 'non estás soa, hai portas de saída seguras e dispositivos amables e eficaces para saír da violencia' o efecto é inmediato: sálvanse vidas”, asegurou a delegada do Goberno contra a violencia de xénero, Victoria Rosell, na presentación dos primeiros datos sobre feminicidios cometidos fóra da parella sentimental que, a partires deste momento, comezan a contar para os rexistros oficiais do Estado.
Da man da nova lei de garantía integral da liberdade sexual, e en cumprimento do Convenio de Estambul sobre prevención e loita contra a violencia contra as mulleres, o Goberno central traslada que entre xaneiro e xuño deste ano 19 mulleres foron asasinadas polo feito de seren mulleres a mans de homes cos que non mantiñan nin mantiveran unha relación sentimental. Un vínculo que, ata o de agora, era necesario para contabilizar este asasinato como feminicidio. No que levamos de 2022, 28 mulleres foron asasinadas pola súa parella ou ex parella. Así, 47 mulleres foron asasinadas polas violencias machistas este ano, 23 fillos e fillas ficaron orfos e un menor foi asasinado por violencia vicaria, segundo os datos oficiais coñecidos ata o momento.
Ángela Rodríguez recoñeceu que "houbo asasinatos que ata o de agora pasaron por baixo do radar"
“É un día moi importante porque empezamos como Goberno a recoñecer que houbo asasinatos que ata o de agora pasaron por baixo do radar”, salientou a secretaria de Estado de igualdade e contra a violencia de xénero, Ángela Rodríguez. Recompilar estes datos trae consigo certas “dificultades técnicas” que obrigarán a establecer un “período previo de avaliación” dos casos, polo que non haberá unha actualización instantánea, presentaranse os datos de maneira trimestral. “É unha operación que lle debiamos á sociedade e ás mulleres españolas, pero o proceso de confirmación complícase respecto dos agresores e a súa relación coa vítima ao non ser xa parella ou exparella”, explicou a delegada do Goberno contra a violencia de xénero.
A partir de agora os feminicidios divídense en feminicidio na parella ou exparella, familiar, sexual, social e vicario
A nova clasificación de feminicidios que establece o Goberno central consta de cinco categorías. O feminicidio na parella ou exparella, que se corresponde con “aqueles asasinatos cometidos nos termos previstos na Lei de Medidas de protección integral contra a violencia de xénero”. O feminicidio familiar, que supón o “asasinato dunha muller por homes da súa contorna familiar entre os que se inclúen os cometidos por crime de honra”.
O feminicidio sexual, o cal corresponde ao “asasinato dunha muller sen relación de parella nin familiar e que está vinculado ás violencias sexuais incluídas na Lei de Garantía integral da liberdade sexual”. O feminicidio social, os levados a cabo “por un home co que non se tiña unha relación de parella nin era familiar (un descoñecido, un compañeiro de traballo, un veciño, un amigo, empregador, etc.)”. E o feminicidio vicario, definido como “o asasinato dunha muller maior de idade por parte dun home como instrumento para causar prexuízo ou dano a outra muller”. A maiores, neste último caso divídense en feminicidios vicarios dentro da parella ou exparella e fóra da mesma.
0 58% dos 19 feminicidios cometidos fóra da parella tiveron lugar no ámbito familiar das vítimas, sendo o presunto agresor en seis casos un fillo e en tres un neto
″Necesitamos datos para saber que políticas sociais temos que aplicar″, defendía Iria Vázquez Silva, doutora en Socioloxía e experta en Estudos de Xénero, preguntada por Praza.gal o pasado 25N sobre as eivas nas políticas contra as violencias machistas. Con esta nova contabilización o Goberno dá pasos para coñecer a dimensión real destas violencias que son “un continuo ao longo de toda a vida das mulleres”, segundo incidiu Victoria Rosell. Porén, en Feminicidio.net van máis alá das 47 mulleres asasinadas dos datos oficiais e suman 62 feminicidios no que vai de ano.
Destes 19 feminicidios fóra da parella recoñecidos agora, máis da metade –o 58%– cometéronse no ámbito familiar, sendo o presunto agresor en seis casos o fillo e en tres o neto da vítima. Os feminicidios sociais representan neste primeiro semestre de 2022 o 32% do total, sendo en tres asasinatos o presunto agresor un veciño, en dous un compañeiro de piso e nun deles outro home coñecido. O resto dos asasinatos –o 10% do total– corresponden a feminicidios sexuais: dúas mulleres menores de 16 anos cun veciño e un coñecido como presuntos agresores.
A Delegación do Goberno contra a violencia de xénero contabiliza un feminicidio fóra da parella en Galicia, sendo Andalucía, Catalunya e Canarias as Comunidades nas que máis casos houbo
Segundo os datos publicados polo Goberno, estes 19 feminicidios de xaneiro a xuño de 2022 fóra da parella repártense polo Estado sendo Andalucía (dous feminicidios familiares e un sexual), Catalunya (tres familiares) e Canarias (dous familiares e un social) as Comunidades Autónomas con máis casos (tres cada unha). Seguidas de Aragón con dous feminicidios, un familiar e outro social, e Madrid con dous casos categorizados como sociais. No mapa publicado pola Delegación do Goberno contra a violencia de xénero obsérvase que contan un feminicidio tamén en Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Castela-A Mancha e Valencia.
En relación ás denuncias nestes feminicidios fóra da parella, no 89,5% dos casos as vítimas non denunciaran. Unha porcentaxe que no caso dos feminicidios dentro do ámbito da parella ou exparella diminúe ata o 69,9%. Ademais, os datos facilitados por Igualdade indican que no 78,9% dos casos, o agresor non intentou suicidarse, mentres que nos asasinatos dentro da parella o 52,2% dos agresores tiveron un intento ou conseguírono.
Ángela Rodríguez fixo ficapé na violencia que sofren as mulleres de maior idade, pois segundo os datos presentados o 57% das mulleres asasinadas en feminicidios fóra da parella ou exparella eran maiores de 60 anos. A secretaria de Estado anunciou que se van elaborar “protocolos de derivación específicos para mulleres maiores de 65 anos” en colaboración co Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso). “Necesitamos poder darlles unha saída á situación de violencia que se está dando dentro das súas familias, perpetuada ás veces polos seus fillos ou netos que conviven con elas”, dixo.