As denuncias por violencia machista aumentaron un 18% en Galicia no primeiro trimestre de 2022

Marcha contra a violencia de xénero, organizada por estudantado de Educación Social © Compostela en Negro

Os xulgados galegos recibiron case 1.700 denuncias por violencia de xénero fronte ás 1.434 do primeiro trimestre de 2021

Os xulgados galegos recibiron o primeiro trimestre deste 2022 1.695 denuncias por violencia de xénero, un 18,2 % máis que no mesmo período de 2021, cando se presentaron 1.434. A gran maioría (1.283) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima, segundo os datos feitos públicos este luns polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ).

Ademais, aumentou tamén o número de mulleres que aparece como vítimas, ao contabilizarse no mesmo período 1.616, fronte ás 1.434 de 2021, unha suba do 12,7 %. A taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) situouse en Galicia no 11,6, sendo a segunda máis baixa do Estado, só por detrás de Castilla y León (10,6) e cinco puntos por baixo da media estatal (16,7). 

Xulgados de Redondela CC-BY-SA Wikimedia

De facermos a comparativa co ano 2019, as denuncias descenderon e as vítimas aumentaron. O primeiro trimestre do ano previo á pandemia presentáronse 1.736 denuncias, un 2,4 % máis que no mesmo período de 2022. Con todo, contabilizáronse 1.520 vítimas, un 6,3 % menos que entre xaneiro e marzo deste ano.

O 84% das sentenzas por casos vinculados con violencia de xénero foron condenatorias

Xa que logo, os distintos órganos xudiciais (xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e audiencias provinciais) ditaron no primeiro trimestre deste ano 561 sentenzas, das cales 472, é dicir, o 84 %, foron condenatorias.

Ademais, en Galicia descenderon un 11,1 % os casos de vítimas que se acolleron a dispensa para non declarar, optando por esta opción 88 mulleres, fronte ás 99 que o fixeron no mesmo período de 2021.

Durante este primeiro trimestre solicitáronse ante os xulgados de violencia sobre a muller 452 ordes de protección, un 21,8 % máis que nas mesmas datas de 2021, cando se demandaron 371. Delas, foron acordadas 322 (o 71 %), fronte ás 232 de 2021. Nos xulgados de garda sen competencia en violencia sobre a muller solicitáronse 116 ordes de protección, o que supón un aumento interanual do 27,5 %.

Por outra banda, nos xulgados de menores axuizaron unha persoa por delitos relacionados con violencia sobre a muller nestes tres primeiros meses, mentres que o ano anterior foron xulgados no mesmo período dous menores por procesos de violencia de xénero.

Acción contra a violencia machista na Coruña CC-BY-NC-SA GZ Contrainfo

Os datos relativos ás medidas civís ditadas polos xulgados de violencia sobre a muller para protexer os fillos das vítimas, que reflicten as modificacións legais introducidas na Lei Orgánica de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia, reflicten que entre xaneiro e marzo os órganos xudiciais galegos adoptaron 50 medidas consistentes na suspensión do réxime de visitas, un 733 % máis que o ano anterior, cando se adoptaron seis.

Por outra banda, o Ministerio do Interior sinalou que en 2020 aumentaron os delitos sexuais vinculados coa tecnoloxía con vítimas menores de 16 anos, mentres que unha enquisa de Igualdade deste ano revela que case a metade das mulleres entre 16 e 24 anos foi intimidada, acosada ou agredida nas redes sociais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.