Galicia terá catro dos centros de atención 24 horas para vítimas de violencia sexual, financiados cos fondos europeos

Campaña contra a violencia machista © Sara Torreiro

O pasado abril, o Consello de Ministros deu o seu visto e prace ao plan do Ministerio de Igualdade para crear unha rede de "centros de atención integral, as 24 horas do día, para mulleres vítimas de violencias sexuais", anunciara daquela a ministra Irene Montero. A creación destes centros, avanzara, botaba a andar con case 20 millóns de euros procedentes dos fondos europeos de recuperación -ata un total de 66- e supuña ir na liña do proxecto de lei de liberdade sexual, pero tamén de compromisos internacionais asumidos polo Estado como o Convenio de Istambul contra a violencia de xénero.

Avanzara tamén Montero daquela que a creación destes centros ía chegar "da man das comunidades autónomas", dada a distribución competencial na materia. Nesta liña, este venres a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avanzou ante o pleno do Observatorio Galego da Violencia de Xénero que Galicia terá catro destes centros, un por provincia.

Irene Montero, ministra de Igualdade, durante unha conferencia sectorial coas comunidades autónomas o pasado novembro © Goberno de España

Tras a distribución de fondos europeos por parte do Estado para esta finalidade, Lorenzana confirma que a Xunta dispón de "cerca de 5 millóns de euros en 2022 e 2023 dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia" para abrilos. Pretenden, di, ser un "exemplo na atención integral e multidisciplinar" ás mulleres que sofren estas violencias. Aínda que polo momento ten en "estudo" onde se van situar, a Consellería bosquexa que estarán na "contorna das grandes áreas galegas de poboación".

Os centros son parte do plan aprobado polo Ministerio de Igualdade en 2021 e a Xunta prevé abrilos "na contorna das grandes áreas galegas de poboación". Neles "realizaranse intervencións psicolóxicas ou sociais presenciais, en liña e telefónicas" coas vítimas e persoas vinculadas con elas

Sinala Igualdade que "por medio destes centros se prestará acompañamento" e "se realizarán intervencións psicolóxicas ou sociais de forma presencial, en liña e telefónica". As destinatarias serán "todas as vítimas e superviventes que sufrisen violencia sexual no pasado e no presente, familiares que o necesiten ou persoas da súa contorna íntima".

O Ministerio de Igualdade, pola súa banda, concretara o pasado ano que para acceder a estes centros "non será necesaria a interposición dunha denuncia", ao tratarse de circuítos diferentes. "O enfoque estará centrado na vítima e supervivente" e o servizo, segundo sinalou Montero, estará a cargo de persoal con formación "especializada en enfoque de xénero, dereitos humanos, interseccionalidade, violencia contra as mulleres, violencias sexuais, trauma, crise e emerxencias".

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, durante o Observatorio Galego da Violencia de Xénero, este 28 de xaneiro de 2022 CC-BY-SA Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.