Os delitos contra a liberdade sexual levan anos en ascenso en Galicia. A Memoria 2020 da Fiscalía, publicada hai uns días e que recolle os datos correspondentes ao pasado ano 2019, amosa un grande incremento das agresións, abusos e acosos sexuais. A cifra total (1.894 delitos incoados) é un 51% superior á do 2018 (1.255). Con todo, hai que ter en conta que nos primeiros meses dese ano a folga no sector da xustiza fixo que moitos indicadores rexistrasen valores máis reducidos. En calquera caso, os delitos sexuais incoados o pasado ano en Galicia duplicáronse dende o ano 2016 (932), nunha tendencia de ascenso ininterropida cando menos dende o ano 2013.
Os abusos e agresións sexuais duplicáronse dende o ano 2016
O delito de abusos sexuais é o que máis aumenta (pasou de 302 casos en 2016 a 794 en 2019). Pero tamén o fan de forma moi importante as agresións sexuais (de 287 a 590) e os acosos sexuais (de 44 a 91). Increméntanse igualmente os delitos de exhibicionismo (de 39 a 58) e os abusos a menores de 16 anos (de 74 a 120).
Os datos fornecidos pola Fiscalía van na mesma liña que os ofrecidos polo Ministerio do Interior hai uns meses, que recollían un incremento do 63% nas agresións sexuais con penetración.
No pasado ano a provincia de Pontevedra presentou as maiores cifras de delitos contra a liberdade sexual, reunindo máis casos que as restantes tres provincias galegas sumadas: 1.012 delitos, case o dobre que a provincia da Coruña, con máis poboación. Lugo e Ourense presentan cifran moito menores.
No 2019 só houbo 143 sentenzas por delitos sexuais, por debaixo dos datos de 2017 (153)
As cifras de delitos sexuais sentenciados no ano 2019 foron moi inferiores aos incoados inicialmente. O pasado ano houbo 143 sentenzas, un 66% máis que no ano 2018 (86), marcado pola folga na xustiza. Con todo, o número de ditames foi inferior ao rexistrado no ano 2017 (153), aínda que superior aos datos de 2016 (114) e 2015 (86). No 2019 os abusos sexuais (51) e os abusos sexuais a menores (25) foron os delitos máis habituais nas sentenzas.
Os delitos contra a liberdade sexual son cometidos de forma maioritaria por homes e sufridos de forma maioritaria por mulleres. En 2017, no conxunto de delitos, o 96% dos agresores foron homes, fronte a un 4% de mulleres. O 84% das vítimas son mulleres, fronte a un 16% de varóns (o 70% das vítimas masculinas eran menores de idade).
O pasado ano incoáronse 7.703 delitos de lesións no ámbito familiar, un 21% máis que no 2018
A Memoria da Fiscalía ofrece tamén datos sobre a violencia familiar, que abrangue a violencia de xénero e a violencia doméstica, que non desgrega. O número de delitos de lesións neste contexto incoados o pasado ano rexistrou un novo máximo, con 7.703 casos, un aumento do 21% con respecto ao 2018 e dun 24% en relación ao ano 2017.